Álex Blanco (Santiago de Compostela, 25-07-1987) vive a súa terceira etapa dentro da S.D. Compostela. Tralo seu paso polo Negreira, retornou este verán ao Compostela, o club no que comezou a formarse como futbolista. O dianteiro branquiazul contabiliza catro dianas no seu casilleiro.
A que te dedicas fóra dos terreos de xogo?
Son delineante, fago algún traballiño solto e sigo estudando.
En que invistes o teu tempo de ocio?
Gústame ver películas, ler, indagar por internet para estar ao tanto da actualidade e ir por aí a tomar algo de cando en vez.
Cal é o teu recuncho preferido de Santiago e Galicia?
Quédome coa zona vella de Compostela, case ao completo, e o parque de Bonaval. Fóra da nosa capital, gústame moito Malpica de Bergantiños e a illa de Arousa (por non dicir moitos máis).
O teu xénero de cine favorito?
Ultimamente agrádanme moito as comedias de cine europeo, a isto sumémoslle os thrillers psicolóxicos, ficción ou incluso de acción. Cada día o corpo pídeche unha cousa diferente.
Que tipo de música adoitas escoitar?
Creo que non se me poden colgar etiquetas neste apartado; escoito de todo.
Maior virtude? Defecto?
Prefiro que outra persoa conteste por min á pregunta sobre as virtudes. En canto a defectos, teño uns cantos. Son moi esquecedizo e demasiado pesimista, sempre vexo as cousas polo lado malo.
A onde che gustaría viaxar?
Devezo por viaxar continuamente. Teño ganas de ir a Cuba, facer a 66 ROUTE, Birmania, Filipinas, Fiordes noruegos, capitais europeas… Calquera dos destinos mencionados sería unha aposta segura para unha boa viaxe (uns máis ca outros).
Algún sono por cumprir?
Sempre hai sonos por cumprir. Neste momento, aspiro a asegurarme un bo futuro laboral e poder seguir xogando ao fútbol, cantos máis anos mellor.
Quen é o teu ídolo futbolístico?
Coma dianteiro que son, gústame moito Wayne Rooney e Fernando Torres (a pesar de non estar no seu mellor momento). Aínda que Iniesta e Xavi fan delicias co balón, coma nos seus tempos o facía Zinedine Zidane. (Mágoa que non lle deran a día de hoxe o Balón de Ouro a Xavi Hernández).
De que equipo es afeccionado?
Non creo que sorprenda dicir que son do Compos, como sucede cando vou por aí adiante e me fan esta pregunta.Tamén son do Celtiña.
Cando e como comezaches no fútbol?
Dende pequecho lembro xogar coa pelota, mais non foi até os 9 anos cando comecei a competir.
Ata onde che gustaría chegar como futbolista?
A onde a sorte me deixe chegar. Ao final da miña carreira poderei dicir ata onde cheguei realmente.
Con que compañeiro te levas mellor no vestiario?
Con moitos. Pero con Nejc Kolman é co teño máis contacto. É moi gracioso facerlle falar en galego, aínda que xa nos gustaría a moitos de nós falar un idioma tan rápido como aprendeu el o castelán.
Tes algún alcume dentro do equipo?
Creo que non, pero de vez en cando cada un chámame como quere pola miña maneira de ser ou aparencia.
Que balance farías da túa estancia na S.D. Compostela?
A “SD” está a traballar dunha maneira incrible para tornar ó seu lugar, o lugar que lle corresponde entre o fútbol profesional. Este equipo ten un proxecto envexable, e traballa de maneira moi correcta. Se prosegue así, e vai corrixindo os erros que se poidan cometer, apoiado pola magnífica afección compostelá, será un bo exemplo para outros clubs.
Estamos nunha posición envexable e facendo un moi bo papel con este gran grupo que temos. En canto ao ámbito persoal, levo unha de cal e outra de area, xa que marcar goles para o teu equipo é moi bonito, pero estar arredor de 4 meses entre lesións é duro. Saír da enfermería e volver a encontrarte física e mentalmente ao 100% é moi difícil. Con isto quérolle dar ánimos a Jacobo Tato porque xa volvemos a compartir minutos no campo e non na enfermería.