Inxusto empate para iniciar a segunda volta

20 de Xaneiro de 2019
Miki nunha saída á contra como a que xerou o primeiro gol do encontro. Foto: Futbolinlugo
Miki nunha saída á contra como a que xerou o primeiro gol do encontro. Foto: Futbolinlugo
  • O Compos foi moi superior ao seu rival e adiantouse co tanto de Santi, pero os locais empataron no 79

Santiago de Compostela, a 20 de Xaneiro de 2019.

A SD Compostela iniciou a segunda volta cun novo empate a un gol contra a Polvorín. O cadro branquiazul foi moi superior ao seu rival e mesmo se adiantou no marcador, pero volveu ter moi mala sorte, dous postes incluídos, e atopouse coa igualada dos locais nos últimos minutos do partido.

Santi Gegunde, nunha acción que viña do primeiro lanzamento á madeira dos nosos, marcou o tanto inaugural no minuto 60, pero Antón Escobar, nunha xogada na que interveu o vento, empatou no 79.

Sen pensar no terreo de xogo, a SD Compostela saltou ao Campo da Cheda coa mentalidade dos partidos como local. Saíu con moita intensidade e avisou rapidamente do seu perigo á Polvorín.

Aos 19 segundos, Santi Gegunde estivo a piques de adiantar ao Compos, do mesmo xeito que Aythami sete máis tarde, pero en ambos casos, a defensa local interceptou os disparos dos xogadores branquiazuis.

Co paso dos minutos, o duelo foise igualando e os achegamentos polas áreas foron menos habituais. Deste xeito, pasada a media hora, un lanzamento de falta de Mon, que saíu rozando a escadra, e un cabezazo de Antón a centro de Juan, que marchou preto do pau, foron as únicas accións destacables.

Con todo, á volta dos vestiarios, o Compos deu un paso adiante, apertou ao equipo local na saída do balón e empezou a xerar moito perigo. Brais Abelenda, por dúas veces, atopouse coa figura de Cacharrón, quen estivo inconmensurable durante todo o encontro, pero de tanto ir o cántaro á fonte, ao final a pelota acabou entrando.

Corría o minuto 60 cando Miki entrou en velocidade por banda dereita e cruzou un disparo que golpeou no poste, con todo, a acción continuou, Brais Abelenda recolleuna na banda contraria e puxo un centro para que Santi, tras controlar, mandase o balón ao fondo da rede coa súa perna esquerda.

Por fin tiña premio o Compos aos seus merecementos e iso permitiulle manexar o encontro con tranquilidade, a pesar da incesante choiva e do vento. Pero a mala fortuna das últimas semanas volveu aparecer e o Polvorín anotou o empate. Un despexe da defensa local envenenouse co vento e nin Uña nin Lorenzo foron capaces de despexalo, polo que Antón Escobar, moi atento, fíxose co balón e mandouno á rede para pór as táboas no luminoso.

Pese ao revés, o Compos seguiuno tentando e rozou o segundo nun golpeo de Santi desde a frontal, pero a sorte foille esquiva outra vez. O zurdazo do lucense superou a Cacharrón pero golpeou no pau, esfumándose a última ocasión de perigo do encontro.

Novo empate lonxe do Vero Boquete para un Compos que mereceu moito máis. O equipo branquiazul mostrou unha gran imaxe, en especial na segunda metade, no Campo da Cheda, polo que esa debe ser a senda a seguir para recuperar os bos resultados e regresar á zona de playoff. De momento, a fin de semana próxima tocará viaxar de novo para enfrontarse ao Céltiga FC.

FICHA TÉCNICA:

1- Polvorín Lugo B: Cacharrón; Varo, Pedro, Matías, Pablo Rey; Luís, Juan (Morais, m.65); Manu, Álex Rey, Marcos (Porrúa, m.75); e Antón (Asier, m.88).

1- SD Compostela: Lorenzo; Saro, Piscu, David Uña, Naveira; Samu (Álex Ares, m.73), Mon; Miki (Josiño, m.90), Santi, Brais Abelenda; e Aythami (Rubén, m.66).

Goles: 0-1: Santi, min.60; 1-1: Antón, min.79.

Árbitro: García Lesta, colexio pontevedrés. Amoestou a Varo e Manu, polos locais; e a Samu, Aythami, Piscu, Mon e David Uña, polos visitantes.

Incidencias: Partido da vixésima xornada de liga do grupo primeiro da Terceira División disputado no Campo da Cheda ante 500 espectadores.

Flickr


Youtube

Instagram Compos

Facebook

18 hours ago

SD Compostela
✅📋 CONVOCATORIA👨‍🏫 Carlos de Lerma🆚️ CD DERIO 👉 Citados todos os xogadores dispoñibles para os 1/16 de final da #CopaFederación, co regreso de Pablo Crespo e a entrada de Arrojo, da Canteira Picheleira #composderio ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

20 hours ago

SD Compostela
✅🕖 PRÓXIMOS PARTIDOS CONFIRMADOS⚽️ Xornada 3🆚 Sestao River Club 🗓️ Domingo, 20/09🕔 17:00 horas🏟️ Vero Boquete🤝 Patrocinado por 𝐃𝐮𝐫𝐦𝐞𝐭⚽️ Xornada 4🆚 SD Eibar B🗓️ Domingo, 27/09🕞 15:30 horas🏟️ CD Areitio 1#compossestao #eibarbcompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

1 day ago

SD Compostela
🔜⚽️ E o domingo, segunda xornada de liga e primeira viaxe da tempada🆚 Club Portugalete Fundado 1909 🗓️ Domingo, 13/09🕦 11:30 horas🏟️ La Florida📺 Football Club #portucompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

2 days ago

SD Compostela
🔜🏆 Este mércores temos cita na nosa casa cos 1/16 da #CopaFederación🆚 CD DERIO 🗓️ Mércores, 09/09🕖 19:00 horas🏟️ Vero Boquete🎟️ Abonados - Gratis | Xeral - 10€ | Menores de Idade - 2€👉 sdcompostela.compralaentrada.com/eventos/#composderio ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

2 days ago

SD Compostela
🤝🩵🤍 PARTIDO PATROCINADO🚗 🎟️ Mobify foi o patrocinador do #composmarino🙌 RECORDA! A compañía que lidera a mobilidade sostible en Galicia agasalla con 10€ de saldo aos abonados do Compos!📸 Nacho Castaño ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.