A SD Compostela foi fundada no ano 1928 por Ramón Castromil Casal. O club perviviu ata o estalido da Guerra Civil. Militaba en categoría rexional e xogaba os seus partidos no antigo campo da Choupana.
A SD Compostela foi fundada no ano 1928 por Ramón Castromil Casal. O club perviviu ata o estalido da Guerra Civil. Militaba en categoría rexional e xogaba os seus partidos no antigo campo da Choupana.
A actual SD Compostela foi fundada o 26 de xuño de 1962 nunha reunión celebrada no Hostal dos Reis Católicos. Acordouse o nome do novo club e constituíuse a primeira xunta directiva, onde Elisardo García Fernández foi elixido como primeiro presidente.
O 28 de outubro de 1962, a SD Compostela fusiónase co Club Arenal, que pasa a converterse en filial. Tamén se fixa o uniforme dos equipos: camiseta azul e branca para o Compostela e camiseta branca para o Arenal.
O equipo comeza a competir na tempada 62/63 na categoría Rexional, disputando os seus partidos no Campo da Residencia Universitaria.
Como primeiro adestrador elixiuse ao uruguaio Dagoberto Moll, quen na súa primeira tempada logrou o ascenso á 3ª división.
En 1963 a SD Compostela pasa a xogar os seus partidos no Estadio Municipal de Santa Isabel. Son anos nos que o club tenta sen éxito ascender á segunda división.
En 1968 nacen outras seccións deportivas do club como son as de baloncesto, atletismo ou xadrez. Na tempada 69/70, por reestruturación da terceira división, a SD Compostela descende á Rexional.
A década dos anos setenta é irregular. O equipo alterna a súa presenza en Terceira División, en categoría Rexional e na nova Segunda B.
Na campaña 75/76 e baixo a dirección de Rodríguez Vaz, a SD Compostela inicia un ascenso imparable que o situará en 1977 na recente inaugurada Segunda B.
O equipo non logra consolidarse na división de bronce ata a chegada de José López; quen logra situar de novo ao equipo en 2ªB na tempada 79/80.
O equipo consolídase en 2ª B, onde disputará as seis primeiras tempadas desta década. Na 80/81 logra acabar como sétimo clasificado, pero na 85/86 acaba décimo oitavo e descende a Terceira División. Son malos momentos para o club; o presidente Estepa dimite e mesmo se baralla a desaparición da entidade.
En 1988 chega á SD Compostela José María Caneda, quen da man de Fernando Castro Santos logra o ascenso do equipo na tempada 89/90.
A tempada da reestrea en Segunda División B, 90/91, é todo un éxito. O equipo acaba de terceiro e tras superar ao Badaxoz, Alcoyano e Alavés na promoción, logra por primeira vez na súa historia ascender á Segunda División.
O equipo aséntase na división de prata e o 30 de xuño de 1992 convértese en Sociedade Anónima Deportiva cun capital de 87.700.000 pesetas.
Na tempada 93/94 e con xogadores como Ohen, Abadía, Bellido, Lucas ou Tocornal, o Compostela logra ascender á Primeira División, despois de superar na Promoción de Ascenso ao Raio Vallecano. Este fito histórico coincide coa estrea en 1993 do Multiusos de San Lázaro.
Na campaña 95/96 chega Fernando Vázquez como técnico; o equipo relaciónase cos mellores e acaba o campionato no décimo posto, a mellor clasificación de toda a súa historia, contando no plantel con xogadores como Nacho, José Ramón, Lekumberri, Fabiano, Franck Passi ou Christensen.
Na edición 96/97, coa dupla atancante formada por Penev e Ohen, o equipo acaba de undécimo.
O ciclo entre os grandes termina na tempada 97/98 cando tras ser decimoséptimo en Liga, a SD Compostela perde a Promoción de Permanencia fronte ao Vilarreal.
O reencontro coa Segunda División non é positivo. Ata catro adestradores pasan polo equipo nesta tempada 98/99. Ese ano, con xogadores como Romano Sion, Nando ou Radchenko, o equipo acaba en oitava posición.
Na tempada 99/00, o club comeza a pagar os pratos rotos dunha mala xestión económica e logra in extremis a salvación, sendo décimo oitavo e co coruñés Changui como máximo goleador do equipo.
Co inicio do novo século, a situación deportiva empeora considerablemente. Na Tempada 00/01, o equipo descende a 2º B.
Na Tempada 2001/02 xorden problemas económicos; con todo, o equipo con Luís Anxo Duque como adestrador logra de novo ascender a Segunda.
O retorno a Segunda, na 2002/03, sáldase cun noveno posto na liga. O dianteiro Maikel destaca ao marcar 19 goles.
Con todo a economía do club sofre moitos atrancos e no verán do 2003, o club é descendido administrativamente a 2ªB ao non poder cubrir unha ampliación de capital valorada en trece millóns de euros.
De novo en 2ªB, na campaña 03/04 a gran débeda económica comeza a converterse nun serio problema para o equipo. A fuga de xogadores é masiva e o desastre confírmase. A SD Compostela descende a 3ª División e administrativamente a Rexional Preferente por non satisfacer as débedas contraídas. A entidade acóllese á nova Lei Concursal para tentar satisfacer unha débeda que ascende a 10,8 millóns de euros.
Nos seguintes dous anos o club deambula pola Rexional Preferente. Ao finalizar o ano 2006, o club entra en proceso de liquidación ao ser un proxecto inviable e empeza a ser xestionada por un grupo de administradores.
No ano 2007, un novo club, a S.D. Campus Stellae, adquire mediante poxa pública a cesión dos dereitos deportivos, comprando o nome comercial e dereitos da marca S.D. Compostela. Ao mesmo tempo, o ex presidente José Albarrán fai o propio cos trofeos para que non se perda a súa historia.
O 26 de xaneiro de 2011 declárase a extinción da SD Compostela, co arquivo do concurso voluntario da entidade -en liquidación-, e iso por inexistencia de bens e dereitos cos que satisfacer aos acredores.
No verán de 2011, unha directiva renovada procedente da área empresarial e profesional, liderada por o presidente Antonio Quinteiro, faise cargo do equipo tras adquirir todos os dereitos legais, liquidar as débedas e lograr a recuperación do nome fundacional. A entidade volve denominarse SD Compostela no verán de 2011.
O club é ambicioso e con Iñaki Alonso como técnico, loita por retornar a 2ª división. Tras unha gran segunda volta, o equipo acaba no sexto posto, ás portas de poder disputar a promoción de ascenso. Porén, na seguinte tempada, pese a tentar loitar por cotas máis altas, os resultados non acompañan e o equipo acaba descendendo de categoría.
Tralo descenso de categoría, o club decide dar un cambio para a súa nova aventura na Terceira División galega. Iníciase así un proxecto con xogadores mozos, de Santiago e comarca, e para a xente de aquí. No verán de 2016, con Manu Castiñeiras como director deportivo, o equipo comeza unha peregrinación para ir impulsando o proxecto aos poucos, sempre cunha base asentada e sólida.
Na primeira tempada, a SD Compostela establece as bases cun equipo que termina en sétimo lugar. No seu segundo ano, tras conseguir a liga, o conxunto branquiazul queda a un paso do ascenso tras caer na eliminatoria de campións ante o RCD Espanyol B e na última contra o Salamanca CF UDS. No terceiro curso, de novo loitando no Playoff de Ascenso, o equipo caeu na primeira rolda contra o Deportivo Alavés B. Finalmente, na cuarta campaña, lógrase o ansiado ascenso á Segunda División B, tras resultar vencedor do Playoff Exprés, onde superou nas semifinais ao CD Barco e na final ao Ourense CF.
Nunha campaña marcada pola pandemia da covid-19 e na que se recuperaron duelos históricos do noso club, con momentos únicos como o triunfo en Riazor, os nosos lograron a permanencia, quedando encadrados na nova Segunda RFEF. Nela, no primeiro curso, a SD Compostela pelexou por entrar no playoff de ascenso, quedando a un paso de logralo.
Tras ese primeiro intento, o club reforza a súa aposta para tentar, cun plantel moi renovado, pero no que non se perde a esencia de Santiago, loitar por subir a Primeira RFEF.