- Gañan por primeira vez no campo do Villalbés, con goles de Samu e Primo
Santiago de Compostela, a 9 de novembro de 2019.
A SD Compostela rompeu o maleficio de Vilalba. Os branquiazuis, nunha nova demostración de solvencia e poderío, conquistaron por primeira vez a Terra Chá logo dun gran partido no que superaron ao Racing Vilalbés por 0-2. Os nosos regresaron así á senda do triunfo como visitantes, deixando a portería a cero.
Tras unha primeira parte moi igualada, o Compos rompeu o duelo no segundo acto, no que decidiron os goles de Samu, cun zapatazo desde 35 metros, e Primo, quen chegou e bicou o santo, cun soberbio disparo no 85.
Buscando romper a dinámica histórica en Vilalba, o Compos saltou ao Campo da Magdalena coa novidade de Primo no once. Os branquiazuis querían volver á senda do triunfo como visitantes e para iso sabían que deberían dominar coa pelota e aproveitar as ocasións que conseguisen xerar.
En fronte, o equipo de Simón Lamas tentaba tapar todos os ocos e saír á contra. Deste xeito, aos 23 minutos, Cuadrado tivo a opción máis clara para os lucenses nun disparo desde a frontal, á media volta, que Pato despexou a córner cunha gran estirada.
A pesar da oportunidade, os branquiazuis seguiron fieis ao seu estilo e conseguiron as mellores opcións do primeiro acto pasada a media hora. Primeiro, Brais Abelenda buscou un golpeo desde o borde da área, que se marchou arriba, e dous máis tarde, o propio atacante de Bembibre, tras roubar o balón no centro do campo, plantouse no man a man con Pita, pero o porteiro gañou a partida nesta ocasión, evitando o tanto co seu corpo.
Ambos contendentes, por tanto, deixaron todo por decidir para a segunda metade, na que o Compos acabou dando coa tecla. Os nosos saíron moi enchufados, conscientes de que, se seguían mantendo a seguridade atrás, o tanto acabaría chegando, e chegou.
No 57, Samu controlou o balón en tres cuartos de campo, mirou o horizonte e, observando que Pita estaba adiantado, soltou un zambombazo que se coou pola escuadra esquerda. O mediocentro, que nos tiña afeito a este tipo de disparos na súa primeira campaña en Santiago, volveu recuperar esa esencia goleadora, para pór ao equipo en vantaxe.
O tanto reconfortou aos branquiazuis que a punto estiveron de ampliar diferenzas dous minutos máis tarde. Nesta ocasión, Miki atopou o espazo pola banda, puxo o centro para Primo e este buscou o disparo cruzado, pero o porteiro tapou á perfección e despexou o esférico.
Avisou o guerreiro cántabro na primeira opción clara que tivo e converteu na segunda, o “cabaleiro da venda” está de volta. Despois do carrusel de cambios en ambos lados, e co encontro dominado, no 85, Primo puña a sentenza no marcador, demostrando que, a pesar de que estivo un ano e medio fóra, segue tendo ese idilio co gol. Pablo Antas colgouna ao segundo pau para Primo e este, nunha gran acción individual, recortou ao defensa e soltou un golpeo de esquerda que entrou pola escuadra contraria.
O encontro quedou así visto para sentenza, co único aliciente do aplauso que levou o novo punta branquiazul, da súa parroquia, cando saíu do campo. A SD Compostela rompeu así o seu maleficio en Vilalba, logrando a vitoria por primeira vez na súa historia. Non só iso, senón que volveu deixar a portería a cero, demostrando a solvencia que atesoura nesta tempada, e ademais recuperou a senda de tres como visitante. Todas boas noticias antes de encarar unha nova semana na que xogará no fortín contra o Arzúa.
FICHA TÉCNICA:
0- Racing Club Vilalbés: Pita; López, Muiña (Anxo, m.71), Josito, David Buyo; Javi Varela, Make; José Varela, Sandá (Sito, m.62), Diego Rey (Moreda, m.79); e Cuadrado.
2- SD Compostela: Pato; Saro, Álvaro Casas, Soto, Jimmy; Samu, Baleato; Miki, Josiño (Pablo Antas, m.68), Brais Abelenda (Gabri Palmás, m.79); e Primo (Rodri Alonso 90’).
Goles: 0-1: Samu, min.57; 0-2: Primo, min.85.
Árbitro: Oreiro Hermida (A Coruña). Sen amoestacións.
Incidencias: Campo dá Magdalena (Vilalba). Partido da duodécima xornada de liga do grupo 1 da Terceira División disputado ante 300 espectadores.