A oitava seguida e coa portería a cero

1 de Decembro de 2019
Celebración Gol vs Arosa SC 1
Celebración do primeiro gol nun partido patrocinado por Café Sabora. Foto: Amadeo Rey.
  • O Compos levou o clásico por 2-0 e amplía a nove puntos a vantaxe co quinto

Santiago de Compostela, a 1 de decembro de 2019.

O Vero Boquete segue inexpugnable. Os branquiazuis disputaron un gran encontro no clásico contra o Arousa, que levaron por 2-0 con tantos de Josiño e Brais Abelenda na segunda metade. Asinaron así o oito de oito no fortín e mantendo, unha vez máis, a portería a cero. O Compos vaise ao parón coa moral alta e con nove puntos de vantaxe co corte do playoff.

Sabendo da dificultade que entrañaba o clásico contra o Arousa, o Compos saltou ao Vero Boquete cunha marcha moi alta. Os branquiazuis, cun campo que se puxo máis rápido coa choiva que caeu no quecemento, esmagaban aos arlequinados cunha presión alta nos primeiros compases e aproveitaban o seu dominio para xerar ocasións continuas sobre a área rival.

As primeiras opcións apareceron en senllos córneres lanzados por Saro, un de cada lado, e que remataron de cabeza Soto e Pablo Antas, pero en ambos o balón marchouse por pouco. En acción combinada, no 7, tívoa Gabri Palmás, cun disparo duro abaixo que salvou Manu Táboas cunha enorme manopla e no 11, a máis clara, un cabezazo de Brais Abelenda, tralo saque rápido dunha falta, que se estampou contra o traveseiro.

Tras este inicio fulgurante, os visitantes quixeron saír de atrás, pero serían de novo os compostelanistas os que avisarían cunha falta de Pablo Antas ao segundo pau que despexou Manu cunha gran estirada. Con todo, á saída do córner, o cadro de Vilagarcía tívoa nun man a man de Raúl Martiñán, que gañou en velocidade aos defensas, pero non a un incrible Pato, que tapou todos os ocos posibles.

Antes do intermedio, Primo, na súa primeira aparición pola área, e Josiño, deixaron claro que o Compos tiña a meta rival entre cella e cella, pero o porteiro e un disparo que se marchou rozando o pau, evitaron que a balanza se desnivelase no primeiro acto.

Non sucedeu o mesmo á volta do intermedio e é que na primeira xogada, cun equipo que volveu saír a por todas, os branquiazuis levaron a pelota, por fin, á rede. Esta partiu da banda dereita, onde Pablo Antas atopou a Gabri Palmás, este devolveuna ao centro a Josiño e o mediapunta, tras orientar o esférico á súa perna esquerda, soltou un soberbio disparo con efecto que se coou pola escuadra. Un auténtico golazo.

A diana espoleou aos locais que, nun gran arreón, rozaron o segundo nos minutos sucesivos. Primeiro, Primo mandou demasiado cruzado un man a man, aínda que estaba anulado por fóra de xogo, e despois, o dianteiro cántabro non puido chegar por escasos milímetros ao pase da morte de Gabri, que atopara un oco enorme ás costas do lateral.

Despois deste pequeno vendaval, os nosos deron un paso atrás, deixaron ao rival exporse e tentaron saír á contra en canto puideron. Unha vez máis, os branquiazuis demostraron solidez defensiva e só concederon un disparo desde a frontal de Manu Rodríguez que sacou Pato abaixo.

Pola contra, saíndo en rápidas transicións, xa no desconto, primeiro perdoou Rodri Alonso, mandando arriba o pase da morte de Hugo Sanmartín, e despois matou Brais Abelenda. O pichichi do Compos entrou desde atrás, levándose ao defensa en velocidade e sentando ao porteiro cunha preciosa pisada, para marcar a portería baleira. Outro golazo para redondear a tarde.

Pechouse así o duelo, coa bancada rendéndose aos seus cunha sonora ovación e é que xa son oito triunfos noutros tantos duelos no Vero Boquete, e a defensa que xa suma 597 minutos sen encaixar. Márchanse os nosos ao parón a un punto do liderado e con nove de vantaxe sobre o quinto, o que marca o playoff. Dentro de quince días, tocará sumar lonxe da casa contra o Pontellas.

FICHA TÉCNICA:

2- SD Compostela: Pato; Saro, Álvaro Casas, Soto, Jimmy; Baleato, Pablo Antas (Rodri Alonso, m.88); Gabri Palmás (Samu, m.74), Josiño (Hugo Sanmartín, m.80), Brais Abelenda; e Primo.

0- Arousa SC: Manu Táboas; Adrián, Trapero (Julio Rey, m.57), Iago, Coti (Suso, m.72); Pedro García, Manu Rodríguez; Javi Otero, Jorge Sáez (Cisoo, m.72), Raúl Martiñán; e Pedro Beda.

Goles: 1-0: Josiño, min.46; 2-0: Brais Abelenda, min.93.

Árbitro: Castro Alarcón (Pontevedra). Amoestou a Álvaro Casas, Sergio Pereira (banco) e Jimmy, polos locais; e a Pedro García, Iago, Manu Rodríguez e Pedro Beda, polos visitantes.

Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro. Partido da décimo quinta xornada de liga do Grupo 1 da Terceira División disputado ante 1500 espectadores.

Youtube

Instagram Compos

Flickr Amadeo Rey

  • COMPOSTELA- 3 TARAZONA- 2
  • COMPOSTELA- 3 TARAZONA- 2
  • COMPOSTELA- 3 TARAZONA- 2
  • COMPOSTELA- 3 TARAZONA- 2
  • COMPOSTELA- 3 TARAZONA- 2
  • COMPOSTELA- 3 TARAZONA- 2

Instagram Canteira

Twitter Canteira

Facebook

6 hours ago

SD Compostela
💙 Queremos felicitar ao noso 🧙‍♂️ de Monterroso, 𝐏𝐚𝐛𝐥𝐨 𝐀𝐧𝐭𝐚𝐬, que esta semana foi pai dunha nena!!! 👶🫶 Parabéns, familia!!! ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

2 days ago

SD Compostela
✍️𝐌𝐚𝐧𝐞𝐥 𝐌𝐞𝐧é𝐧𝐝𝐞𝐳, novo adestrador da SD Compostela!!!💪 O técnico, coñecedor da categoría e con gran experiencia no fútbol profesional, chega ao Compos tras tres grandes campañas no Marino!!! ✍️ bit.ly/FichaxeManelCompos 💙 Benvido a Compostela, Manel!!! ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

2 days ago

SD Compostela
🤝 Este semana visitamos aos nosos amigos de Clínica & akt para facerlle un agasallo polo bo trato e o coidado dos nosos xogadores!🙌 Por exemplo, o seu tratamento coa tecnoloxía Indiba Activ foi fundamental para acelerar a recuperación de Pato!🦶 Ademais, os seus estudos biomecánicos da pisada permiten aos nosos coidar a súa saúde!💙 Moitas grazas por seguir un ano máis ao noso carón!!! ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

2 days ago

SD Compostela
𝐏𝐀𝐑𝐓𝐄 𝐌É𝐃𝐈𝐂𝐎Confirmouse a peor nova. As probas por imaxe (Resonancia Magnética Nuclear) realizadas a Samuel Rodriguez Noya confirmaron o primeiro diagnóstico de rotura do Ligamento cruzado anterior. Polo tanto, precisará reparación cirúrxica!💪 Moito ánimo, 𝐒𝐚𝐦𝐮!!! ESTAMOS CONTIGO!!! Volverás máis forte!!! ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

3 days ago

SD Compostela
🍻 Cos nosos amigos de Fútbol Mahou, onte despedimos a tempada coa entrega do 🏆 ao #JugadorCincoEstrellas, que recibiu 𝐃𝐚𝐫í𝐨 𝐆𝐞𝐫𝐦𝐢𝐥!!!💙 Os nosos pecharon a campaña cun evento de convivencia no Pub Lucille, previo ás vacacións de verán!!! ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.