Goleada histórica en Calabagueiros

2 de Febreiro de 2020
Celebración hat trick Primo vs CD Barco 1
Primo celebrando o seu hat trick no partido. Foto: Amadeo Rey.
  • O Compos rompeu o seu maleficio contra o Barco cun contundente triunfo por 0-5

Santiago de Compostela, a 2 de febreiro de 2020.

A SD Compostela segue de doce neste 2020. Os branquiazuis lograron un triunfo histórico en Calabagueiros, un campo maldito ata a data, goleando ao CD Barco por 0-5. Foi a cuarta vitoria consecutiva en Liga, segunda como visitantes, para manterse no máis alto da clasificación, aumentado ademais a diferenza co seu rival ata os dezasete puntos.

Na primeira metade, nun arreón de cinco minutos, o Compos puxo o duelo en vantaxe, grazas ao primeiro tanto da tarde de Primo, no 23, e o de Pablo Antas, desde os once metros. Na segunda, e tras outra gran saída, Hugo Sanmartín ampliou diferenzas, tamén desde o punto de penalti, e Primo puxo a sentenza. Para rematar a faena, Primo selou o seu hat trick no 86.

Presentábase a SD Compostela en Calabagueiros coa intención de cortar a súa xeira negativa nas súas visitas a Valdeorras. Medíanse terceiro contra primeiro, pero os nosos estaban confiados en que sacarían o duelo adiante. Para iso, Yago Iglesias sorprendeu de inicio dando entrada a Primo, que volvía despois de lesión, e a Bicho, que redebutaba como xogador branquiazul.

Precisamente, o mediapunta interviría na primeira acción de perigo aos tres minutos, unha xogada que serviría de antesala para todo o que viría despois. No 23, o Compos chegou a liña de fondo pola banda esquerda, puxo un centro que non conseguiu atrapar Oviedo e Primo, co seu instinto de cazagoles, aproveitou o agasallo para fusilar o esférico ao fondo da rede. Nin media hora necesitou o cántabro para mollar de novo na súa reaparición sobre o céspede.

E tal foi o subidón moral, que cinco máis tarde chegou o segundo. O punta branquiazul estivo de novo involucrado, xa que un taconazo seu foi cortado por un defensa local coa man. O árbitro non o dubidou e decretou o penalti, que foi executado á perfección por Pablo Antas. O mediocentro lucense marcou por segunda semana seguida, despois de non ser capaz de estrearse en toda a primeira volta, cun tiro centrado e arriba.

A pesar da vantaxe, non se relaxaron os compostelanistas. Así, antes do intermedio, rozaron o terceiro nun tiro cruzado de Hugo Sanmartín, que se marchou cerca do pau, e un último disparo de Antas que tras tocar nun rival envelenouse e foise por moi pouco.

Non ampliaron o marcador antes do descanso, pero si o fixeron nada máis saír del. Os branquiazuis volveron ao campo cunha marcha máis e nun visto e non visto sentenciaron o duelo. Primeiro, no 47, Hugo Sanmartín marcaría de novo desde o punto fatídico, ao enganar a Oviedo nunha pena máxima por outra man dentro da área.

E no 51, Primo ampliaría a súa conta ata o dobrete aproveitando unha xogada de tiraliñas. Pablo Antas conectou ao espazo para Bicho, o sadense puxo o centro de primeiras para Primo e o dianteiro, tras sentar ao central co control, xutou cruzado para facer imposible a parada do porteiro.

Con todo, non sería o último da tarde. Faltaba a guinda e esa chegou no 86. Logo dos cambios e tras baixarlle o ritmo ao encontro, o Compos sentenciaría por mediación do dianteiro de San Pantaleón. Esta vez foi Jimmy o que percutiu pola esquerda e puxo a asistencia para que Primo, desde o interior da área, selase o seu hat trick cun potente golpeo.

Coa rúbrica a un partido perfecto, o Compos celebrou unha vitoria de moito mérito, contra un rival directo polos postos de promoción de ascenso. Rompeu ademais o maleficio en Valdeorras e asinou o seu cuarto triunfo seguido en liga. Foi a mellor forma de empezar o mes, antes de enfrontarse, o vindeiro domingo, ao Bergantiños no Vero Boquete.

FICHA TÉCNICA:

0- CD Barco: Oviedo; Segura (Diego Tato, m.58), Javi, Omar, Oli; Caique, Rubén García; Paquito (Moreira, m.70), David Álvarez, Ivi Vales; e Juanito Bazo (Íñigo Pisón, m.58).

5- SD Compostela: Pato; Saro, Álvaro Casas, Soto, Jimmy; Baleato, Pablo Antas (Samu, m.75); Miki (Gabri Palmás, m.72), Bicho (Josiño, m.63), Hugo Sanmartín; e Primo.

Goles: 0-1: Primo, min.23; 0-2: Pablo Antas (p.), min.28; 0-3: Hugo Sanmartín (p.), min.47; 0-4: Primo, min.51; 0-5: Primo, min.86.

Árbitro: Oreiro Hermida (A Coruña). Amoestou a Oli, Javi e Omar Navarro, polos locais; e a Bicho e Baleato, polo Compos.

Incidencias: Campo de Calabagueiros (O Barco de Valdeorras). Partido da vixésimo segunda xornada de liga do grupo 1 da Terceira División disputado ante 600 espectadores.

Youtube

Instagram Compos

Facebook

2 hours ago

SD Compostela
🤝🩵🤍 PARTIDO PATROCINADO🐟🍏🥩 O Mercado de Abastos de Santiago patrocina hoxe o #composastorga💚 Con motivo do patrocinio da Praza, esta tarde xogaremos coa nosa segunda equipaciónImos!! 💪📸 Nacho Castaño ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

5 hours ago

SD Compostela
DÍA DE COMPOS! 🩵🤍🆚 Atletico Astorga 🏟️ Vero Boquete🕔 17:00 horas🎟️ Entradas Online nas Historias Destacadas📺 En Xogo 🙌 A seguir coas boas sensacións!#composastorga ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

22 hours ago

SD Compostela
✅📋 CONVOCATORIA👨‍🏫 Carlos de Lerma🆚 Atletico Astorga 👉 Os nosos para a cita de mañá na nosa casa! Recupéranse Edu González e Álex Gil#composastorga ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

1 day ago

SD Compostela
✍️🩵🤍 PREVIAO Compos recibe ao Atletico Astorga F.C. en busca do seu segundo triunfo consecutivo🗓️ Os nosos xogarán o sábado ás 17 horas co obxectivo de consolidar as boas sensacións obtidas no Vao📸 Ignacio Castaño Gómez#composatléticoastorga ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

1 day ago

SD Compostela
🎂 Hoxe temos de aniversario ao noso capitán, 𝐏𝐚𝐛𝐥𝐨 𝐂𝐫𝐞𝐬𝐩𝐨Moitos parabéns, Crespo!!A celebralo mañá cunha vitoria e que veña acompañado de moitos éxitos 🩵🤍📸 Nacho Castaño ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

CONTACTO

sdcompostela@sdcompostela.com

981 57 70 41

Av. de Fernando de Casas Novoa, 20, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña.

 

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.