- A SD Compostela buscará pechar o 2022 con outra vitoria, a sétima consecutiva
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2022
A SD Compostela encara a última xornada do 2022 cun obxectivo claro: conseguir a sétima vitoria consecutiva. Buscando prolongar o gran momento de forma, os nosos queren poñer o broche a esta recta final de ano na visita, este domingo, ao Laredo. Fabiano confía en que o equipo siga ao mesmo nivel e poder traer os tres puntos para Santiago.
Estado do plantel. Esta semana tivemos problemas con Antas e Darío, que adestraron hoxe, mañá veremos que tal. Iván tamén saíu hoxe con molestias e esperaremos a mañá para facer a convocatoria. Se non están para o partido, cambiaremos as pezas, pero con xente da nosa confianza coa que poderemos facer un equipo tan forte como cando están eles.
Casos de cada un. Antas tivo febre toda a semana e Darío foi un golpe contra Palencia, tivo un problema, descansou case toda a semana pasada, adestrou o venres e xogou contra o Valladolid, e esta semana igual. Descansou despois do partido, adestrou hoxe e mañá a ver que tal para poder xogar. Mentres que Iván é adutor e haberá que esperar.
Idea do equipo. Os xogadores déronme o beneficio da dúbida, despois de tantos anos xogando igual, con desconfianza, pero aceptando as ideas. Aos poucos fomos demostrando que, coas características que tiña este plantel, era a mellor maneira de xogar e fomos funcionando, gañando eles confianza e estou superagradecido. Antes non tiñan a certeza de funcionar, déronme o beneficio da dúbida e agora estamos a funcionar. Creo que estamos correctos e agradecido porque confiasen na idea do staff técnico. Estamos contentos, pero, loxicamente, podemos mellorar e niso estamos cada día, en ser un equipo moi complicado para os contrarios.
Protexer a portería propia. Acórdome un día no vestiario que lles dixen que cando o Compostela xogaba en Madrid ou Barcelona, metendo un gol podiamos sacar un punto, pero que senón iamos perder. Estaba a pasar que o Compos tiña que marcar un gol para non perder e dous para gañar, e era imposible así. Fixémonos á idea de que había que cambiar e ser máis agresivos sen balón. Entrou na súa cabeza, porque a calidade téñena, e están a demostrar que tamén saben xogar sen balón. Por iso somos un equipo cada vez máis complicado para o rival e estou contento.
O Laredo. Espero un rival moi competitivo. Xogan con dous dianteiros que apertan moi arriba, o campo é estreito e hai moitas disputas e contactos. Será un partido incómodo para ambos, pero será un equipo moi agresivo e intenso, no que haberá que poñer todo para poder gañar, porque se non será complicado.
Partido de máis fútbol directo. Nalgún aspecto do partido, haberá moito fútbol directo, polas presións de ambos equipos. Contra nós, se non queren correr riscos, haberá moito segundo balón e fútbol de contacto, porque o campo tamén é estreito. Temos que ir coa nosa idea, como pasou contra o Valladolid o outro día. Eles tiveron unha idea inicial, despois cambiárona porque o Compos estaba a facerlle dano e pasámoslles por encima. Alí temos que ir coa nosa idea, independentemente de como xoguen eles, e ser fieis á nosa maneira de xogar para ver se superamos a un rival máis.
Traballo no Nadal. Adestraremos o último día o 21, do 22 ao 28 de decembro haberá descanso, e o 29 volveremos adestrar ata o 8 de xaneiro.