-
Os nosos empataron 1-1, con gol de Armental, nun partido que dominaron, pero no que faltou remate
Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2025
A SD Compostela sumou un punto máis na Liga tras empatar 1-1 contra o Barbadás. Por primeira vez nesta tempada, os nosos non puideron sacar os tres puntos na casa. O Compos dominou de principio a fin, levou todo o peso do partido, pero faltoulle remate. Un punto máis, en todo caso, que permite ao equipo seguir no alto da táboa.
O duelo, como en xornadas anteriores, comezou da mellor maneira. Aos cinco minutos, primeiro gol. Entrada por banda de Adrián Armental e definición perfecta ao segundo pau. 1-0 e a contenda que empezaba da mellor maneira.
Con vantaxe, o Compos foise a polo segundo, ante un rival que non saía de campo propio. Tívoa Samu, cun remate sacado polo porteiro, e tamén Parapar, nun testarazo que se estrelou contra a cabeza de Maceira, cando ía en dirección á rede.
Por iso, a vantaxe era mínima ao descanso e aproveitouse o Barbadás, que nada máis arrincar a segunda parte atopouse cun tanto, obra de Ismael.
A partir dese momento, o Compos foise con todo a pola vitoria, pero non acabou atopando o premio. Rozouno Armental, Cañi e Uzal, pero non conseguiron conectar a pelota coa rede. Especialmente destacada foi a oportunidade do primeiro, rematando na área pequena, pero o porteiro sacouna sobre a liña.
Finalmente, 1-1 e repartición de puntos. O Compos segue líder e a próxima semana enfrontarase ao Vilalbés en Vilalba.
FICHA TÉCNICA
1 – SD COMPOSTELA: Álex Cobo; Diego Rodríguez, Pablo Crespo, Damián Noya (Valín, min.68); Diego Uzal, Mateo (Quico, min.89), Samu (J. Cañizares, min.68); Porrúa (Antón Guisande, min.58), Parapar, Adrián Armental; e Maceira (Carlos López, min.58).
1 – UD BARBADÁS: Borja; Pablo Ruiz, Corzo, Marcelo, Kevin, Nespereira; Villar (Cougil, min.78), Toño (Soriano, min.78), Joao Teixeira, Presas (Róber, min.84); e Ismael (Etien, min.89).
GOLES: 1-0: Adrián Armental, min.5; 1-1: Ismael, min.52.
ÁRBITRO: Carlos Martínez (Vigo). Amoestou a Diego Uzal, polo Compos; e a Joao Teixeira e Soriano, polo Barbadás.
INCIDENCIAS: Estadio Vero Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela). Xornada 9 do Grupo 1 da Terceira RFEF disputado ante 1.145 espectadores.







