O Compos asalta O Vao e logra o seu primeiro triunfo a domicilio da tempada

12 de Outubro de 20260
Rafa de Vicente levou o tempo do encontro desde o centro do campo.
Pablo Crespo debutou no once titular do Compos e deulle moito empaque á zaga branquiazul.
Teofilovic tivo a súa primeira oportunidade na Liga desde o once inicial.
Jordan, tras ser pai, xogou coma titular por primeira vez na Liga.
Unai Peón esta vez xogou no centro do campo e estivo imperial na presión, roubando balóns e transitando.
Turby foi un incordio para a zaga do Coruxo coas súas continuas subidas.
Buba, o máis destacado do Compos, provocou o penalti e foi o encargado de executalo e marcalo.
Buba foi o autor do gol do Compos en O Vao, un tanto que valeu os tres puntos.
Buba marcou por segunda semana consecutiva.
Dani González, de enganche, foi o líder do equipo sobre o verde do Vao.
Diego Uzal xogou como central e estivo imperial en defensa.
Edu Sousa volveu deixar a portería a cero, por terceira vez na tempada.

Os nosos fixeron un partido moi completo en O Vao e conseguiron unha importante vitoria grazas a un penalti provocado e transformado por Buba

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2026

A SD Compostela levouse tres puntos de ouro do primeiro derbi galego disputado en O Vao. Aínda que o marcador final finalizou con 0-1, o conxunto de Carlos de Lerma foi moi superior en gran parte do choque.

O Compos viaxaba a Vigo coa necesidade de sumar de tres, logo de dúas derrotas consecutivas ante o Eibar B e o Real Oviedo Vetusta. En fronte estaba o Coruxo, quen chegaba ao choque con cinco puntos, un máis que os nosos.

Comezaba mandón e con moita posesión o Compos, e aos catro minutos xa avisou. Jordan sacou rápido de banda, Unai Peón púxoa atrás e Dani González rematou alto de primeiras. O dominio branquiazul seguiu, cun par máis de ocasións claras. A primeira foi no minuto 17, cando Turby realizou unha boa incorporación polo sector esquerdo e logrou sacar un centro, pero Teofilovic non chegou a rematar por pouco. Aos seis minutos, no 23, Jordan filtrou un gran pase bombeado dentro da área que foi cabeceado por Dani Gonzalez, pero o balón chegou facilmente ás mans do gardameta Cacharrón.

Os minutos foron pasando e a posesión seguía a ser visitante, cun Coruxo que apenas gozou dun tiro desde fóra de David Añón á media hora tras unha perda de Turby na saída de balón. Rápido reaccionou a Esedé cun córner botado por Jordan que Uzal cabeceou por enriba da portería.

As dúas ocasións máis claras do primeiro tempo chegarían na recta final, e, de novo, ambas para o Compos. A primeira foi no minuto 34 froito dunha gran peiteada de Buba, quen deixou a Teofilovic só en carreira contra un central, pero entre o defensor e a saída do porteiro conseguiron desbaratar a ocasión do dianteiro serbio. A máis clara do primeiro tempo daríase aos dous minutos. Roque recuperou o balón presionando alto, cedeullo a Buba, e este a Dani Gonzalez, quen soltou un disparo forte de lonxe coa zurda que se foi rozando o longueiro da portería local.

Iniciou igual a segunda metade, pois aos cinco minutos de saír dos vestiarios, Turby realizou un bo desmarque e plantouse en área rival, pero a defensa rexeitou e enviou o esférico a córner. A dinámica era a mesma: o Compos dominaba, pero non convertía.

O momento clave do partido deuse no minuto 54. Dani González filtrou un excelente pase ao oco para Buba que o deixaba só en carreira. Ao entrar dentro da área, o defensor Juan Rodríguez agarrouno desentendéndose da xogada, o que provocou un dobre castigo: cartón vermello e penalti para o Compos. O propio Buba non dubidou en coller a pelota, e no minuto 55 anotou o 0-1 definitivo enganando raso ao porteiro.

Tralo gol do Compos, o Coruxo empezou a ter máis a pelota, e os nosos dispuxeron de boas oportunidades á contra para liquidar o encontro. A primeira chegou no minuto 63 despois dunha boa acción individual de Buba, quen a puxo bombeada á área, e por pouco, Jordan non chegou a rematar. No minuto 66, o propio Buba filtrou un bo pase para Antón Guisande, pero o vigués rematou raso ás mans do porteiro. Seis minutos despois, no 72, Unai Peón avisou cun lanzamento raso que pasou preto do poste dereito defendido por Cacharrón.

Pola súa banda, os dous tiros máis claros do Coruxo chegarían na parte final. No minuto 76 foi Xavier Cidre cun centrochut que se marchou por enriba da meta defendida por Edu Sousa. Ao minuto seguinte, no 77, o noso porteiro atrapou con solvencia un tiro raso do recentemente incorporado Dani Rosas.

Pouco tardou en responder o Compos cunha acción que puido matar o choque. No minuto 80 caeu un balón bombeado dentro da área, Parapar tocouna de cabeza e Jordan impactou con forza de volea, pero Cacharrón realizou unha boa intervención baixo os paus e mantivo o partido vivo ata o final.

Os últimos minutos foron pasando e o Compos seguiu protexendo o resultado. Aínda quedaba un último susto por parte dos locais, quen conseguiu filtrar un bo pase dentro da área no minuto 93. Dani Rosas dispoñíase a xutar cómodo, pero xusto nese momento apareceu Uzal in extremis para roubar o balón e evitar a última oportunidade para os verdibrancos. Desta forma, o colexiado deu o asubío final e o Compostela levouse tres puntos de mérito nun campo historicamente moi adverso para o Compos.

Logo deste gran triunfo en terras viguesas, co apoio de moitos picheleiros, os nosos recibirán o vindeiro sábado ás 17.30 horas ao Atlético Astorga, co obxectivo de sumar unha nova vitoria e asentarse na zona medio-alta da táboa clasificatoria.

FICHA TÉCNICA

0- Coruxo FC: Cacharrón, Juan Rodríguez, Adrián Gómez (Guido Fernández, min.74), David Fernández, Xavier Cidre, Barba (Iker Rodríguez, min.74), Guille Pinín, Nacho Fariña (Fonterigo, min.79), David Añón (Dani Rosas, min.60), Iván Breñe e Arruabarrena (Hugo Matos, min.60).

1- SD Compostela: Edu Sousa, Jordan, Roque, Diego Uzal, Pablo Crespo (Goris, min.77), Turby (Manu Rivas, min.86), Rafa de Vicente (Miguel Prado, min.62), Unai Peón, Dani González, Buba (Parapar, min.77) e Teofilovic (Antón Guisande, min.62).

Goles: 0-1: Buba, min.55.

Colexiado: Borja Cardoso (Galicia). Expulsou con cartón vermello directo a un futbolista do Coruxo FC: Juan Rodríguez, min.54: e amonestou con cartón amarelo a Dani Rosas, min.84. Da SD Compostela amonestou con cartón amarelo a: Rafa de Vicente, min.41; Diego Uzal, min.76; Jordan, min.79; e Manu Rivas, min. 90+3.

Incidencias: Partido disputado no Campo do Vao (Vigo) correspondente á xornada número 6 de Liga do Grupo 1 da Segunda Federación. Boa entrada, con moitos seareiros visitantes.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

Youtube

Instagram Compos

Facebook

9 hours ago

SD Compostela
✅📋 CONVOCATORIA👨‍🏫 Carlos de Lerma🆚 Atletico Astorga 👉 Os nosos para a cita de mañá na nosa casa! Recupéranse Edu González e Álex Gil#composastorga ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

11 hours ago

SD Compostela
✍️🩵🤍 PREVIAO Compos recibe ao Atletico Astorga F.C. en busca do seu segundo triunfo consecutivo🗓️ Os nosos xogarán o sábado ás 17 horas co obxectivo de consolidar as boas sensacións obtidas no Vao📸 Ignacio Castaño Gómez#composatléticoastorga ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

15 hours ago

SD Compostela
🎂 Hoxe temos de aniversario ao noso capitán, 𝐏𝐚𝐛𝐥𝐨 𝐂𝐫𝐞𝐬𝐩𝐨Moitos parabéns, Crespo!!A celebralo mañá cunha vitoria e que veña acompañado de moitos éxitos 🩵🤍📸 Nacho Castaño ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

1 day ago

SD Compostela
🧐 Este sábado, de volta na nosa casa!💪🏟️ Preparados para darvos unha alegríaTodos xuntos! 🫂📸 Nacho Castaño#composastorga ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

1 day ago

SD Compostela
🎙️ Previa Carlos de Lerma | Xornada 7🩵🤍 O adestrador compostelanista valorou o ánimo do equipo trala vitoria, comentou os xogadores que recupera e apuntou os aspectos fundamentais para darlle unha alegría á afección este sábado#composastorga ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

CONTACTO

sdcompostela@sdcompostela.com

981 57 70 41

Av. de Fernando de Casas Novoa, 20, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña.

 

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.