- Entre ambos xogadores existe unha diferenza de 21 anos.
Santiago de Compostela, a 16 de Xullo de 2016.
A SD Compostela pechou na tarde onte a incorporación de dúas novas fichaxes. Por un lado, incorpora a Juan Cabrejo, lateral esquerdo de 41 anos, que ven procedente do Ordes e que fixo o seu debut como profesional coa SD no 1998, e polo outro a Manu Cedrón, porteiro de 20 anos que chega cedido polo Lugo. Tal é a diferenza entre ambos que, cando Manu tiña 2 anos, Cabrejo xa realizaba o seu debut coa SD contra o Recreativo de Huelva.
Juan Cabrejo (26/05/1975) xoga de lateral esquerdo, posición que ata o de agora estaba deserta. Aos seus 41, o xogador de Camariñas conta coa experiencia de 19 anos no fútbol profesional. Todo un veterano do fútbol, que volve ao lugar onde se deu a coñecer, á SD Compostela.
Cabrejo debutou co Compos un 30 de agosto de 1998 contra o Recreativo de Huelva, na primeira xornada de Liga da Segunda División Española, nun encontro que remataría con empate a 0. Nesa tempada, entre Liga e Copa, xogaría un total de 26 encontros, unha cifra á que se lle engadiron outros 21 no curso seguinte.
Na seguinte campaña, 2000-01, baixo as ordes de Carlos Alberto Ballesta, Cabrejo perdería o protagonismo co que contara nos anos anteriores, reducíndose a catro, o número de encontros que desputou na primeira parte da temporada. Unha perda de protagonismo que o levou a buscar unha saída, comezando así o seu periplo por diferentes clubes do fútbol nacional.
Un ano e medio no Eibar en Segunda División, outro ano e medio no Elxe, tamén en Segunda, medio ano no Ceuta, de Segunda B, volta ao Eibar de Segunda para desputar a campaña 2004-05, e regreso ao Mediterráneo para xogar durante catro temporadas co Cartexena, na Segunda División B.
Tralo seu periplo polo fútbol nacional, Cabrejo volve a Galicia da man do Cerceda, conxunto co que xogou tres cursos na Terceira División. E despois do Cerceda, con 37 anos, ao Ordes. Alí xogou os últimos catro cursos, desputando un total de 138 partidos, unha cifra que deixa ben ás claras o poder físico do lateral de Camariñas, e é que a tempada pasada xogou 31 encontros e todos eles de titular.
Pola súa banda, Manu Cedrón (18/01/1996) é un porteiro de 20 anos, que chega cedido do CD Lugo, entidade coa que xogou nas súas categorías inferiores, chegando a ir convocado co primeiro equipo, pero non chegou a debutar.
O meta lugués chega despois de estar cedido o curso pasado na Unión Deportiva Somazas, da Segunda División B. Alí, Manu desputou un total de 10 partidos, cinco deles de Liga e outros tantos da Copa Deputación da Coruña, na que o equipo ferrolán gañou a competición, logo de vencer nos penaltis ao Racing de Ferrol.
Chega así ao Compos un porteiro con moito futuro, que pretende seguir demostrando no fútbol profesional, as características que o levaron a ser un dos grandes referentes das categorías inferiores lucenses.
Con estas dúas novas incorporacións Yago Iglesias vai completando un plantel que conta xa con 19 xogadores. Uns futbolistas que se porán as ordes do técnico santiagués o luns ás sete da tarde no campo de San Lázaro II.