Santiago de Compostela, a 26 de Xullo de 2016.
A SD Compostela disputou o pasado domingo o seu segundo encontro de pretempada, un partido que lles enfrontou contra o CD Boiro, recentemente ascendido á Segunda División B, e que terminou con vitoria dos da Barbanza tras os lanzamentos de penaltis, alzándose así coa terceira edición do Trofeo Concello de Boqueixón.
O equipo santiagués volveu plantar cara ante un rival de superior categoría, e iso que empezou perdendo ao pouco de comezar o partido. No minuto 6, un ex do Compos, Manu Rodríguez, adiantaba ao Boiro cun potente disparo desde 30 metros que se coou pola escuadra de Manu Cedrón.
Con todo, tras uns primeiros 45 minutos de dominio boirense tanto en xogo, como no marcador, na segunda cambiou a cor do encontro. Foi a SD quen controlou o partido, levando o empate ao luminoso no minuto 49, despois dun lanzamento de falta do incombustible Cabrejo. Un marcador que se puido desnivelar a favor dos santiagueses con dous disparos de Mitogo, pero ambos se escaparon por escasos centímetros.
Así se chegou aos lanzamentos de penaltis, onde o Boiro contou con máis fortuna. Despois de 13 penaltis lanzados, Soto, de panenka, anotaba o definitivo, o que lle daba o trofeo ao equipo de Segunda División B.
Esta segunda proba afianza a confianza de Yago Iglesias que comezou esta semana a súa preparación de cara a nova temporada:
“As sensacións son moi boas. Outro día máis, ao igual que contra o Lugo, vemos no campo o que traballamos co equipo durante toda a semana”, afirma.
Unha sensacións amparadas nuns xogadores que traballan nunha boa liña: “Os futbolistas están entendendo o que lle pedimos. Están comprendendo o que requirimos deles en cada un dos postos que ocupan”, sinala Yago.
Nestes dous encontros, a SD se ben mostrou unha gran imaxe, quizais marrou na faceta goleadora, onde tan só chegou un gol, obra de Cabrejo. Porén, o adestrador de Ribeira non se inqueda por esta situación: “Hai que ter paciencia. Nesta primeira semana centrámonos máis en aspectos defensivos e en traballar co balón. Co paso dos días traballaremos máis a construción de xogadas de ataque”.
Precisamente, nestes próximos días, as sesións de traballo contarán cunha maior carga física: “Hai que aproveitar que temos esta semana limpa de partidos, xa que para a semana xa empeza a Copa Deputación, para aumentar a carga de traballo físico, co obxectivo de que os xogadores cheguen ao seu nivel óptimo para o comezo do campionato”.
Unha semana na que volveremos a ver ao conxunto de Yago Iglesias, o sábado, en Pontevea, no triangular de Praíña, no que xogarán contra Coruxo e Somozas. “Outra proba máis para analizar aos xogadores en distintas situacións e contra diferentes rivais”, di o adestrador.