-
Os branquiazuis lograron o tres puntos grazas a un tanto de Álex Ares na última xogada do partido
-
Faltan tres xornadas de Liga e a SD Compostela mantén os catros puntos de renda.
Santiago de Compostela, a 28 de Abril de 2018.
A SD Compostela segue imparable. Dunha maneira heroica, na última xogada do encontro, o Compos levou os tres puntos grazas ao tanto de Álex Ares desde o punto de penalti. Nova vitoria para os nosos que seguen soñando co primeiro posto da clasificación a falta de tres xornadas para que termine o campionato ligueiro.
Nun partido no que o Compos dominou dende o principio, o marcador decidiuse no desconto debido á gran actuación de Rodri. Álex Ares adiantou aos nosos no 15, pero Pancho empatou á media hora, levando o encontro ao agónico final do que saíron triunfadores os santiagueses mercé ao dobrete do mediapunta.
Con catro cambios respecto o domingo pasado, o Compos saltou ao García Calvo coas ideas ben claras. Sabían que terían a pelota, pero que deberían ser rápidos se querían perforar a portería de Rodri, xa que os locais sairían moi pechados atrás, e iso foi o que fixeron desde o minuto ún.
Aos dous, Santi xa avisou cun remate á media volta que sacou in extremis o meta local. Con esta tónica, ao cuarto de hora chegaba a segunda aproximación cun córner botado por Álex Ares que se estrelou no pau, cando a bancada xa cantaba o gol. E á terceira, por fin foi a vencida. Róber chegou á liña de fondo, por banda esquerda, centrou ao punto de penalti e alí apareceu Álex Ares para bater a Rodri e adiantar aos branquiazuis. Foi un remate de socato ante o que xa non puido facer nada o gardameta.
Tras o tanto, o Compos incidiu no seu estilo de xogo e, de non ser pola actuación estelar do meta local, aumentaría a vantaxe. Con todo, Rodri demostrou os seus enormes reflexos para atallar dous mans a mans contra Primo e isto permitiu aos seus compañeiros lograr o empate na única oportunidade local da primeira metade. Álex Dieguez, tras unha parede con Juan Diego, chegou á liña de fondo e deu o pase da morte para Pancho, quen bateu a Lucas cun tiro pegado ao pau.
O revés non afectou aos de Yago Iglesias, xa que tiñan claro que o partido sería longo. Seguiron coa mesma mentalidade e a punto estiveron de volver a porse por diante cun remate de cabeza de Uña que se foi ao lateral da rede, pero o marcador xa non se moveu ata o descanso.
Á volta dos vestiarios, os locais estiráronse, buscando un segundo gol que sorprendese ao Compos, pero en todos os seus intentos, Lucas resolveu con gran solvencia, sobre todo en dúas accións de Pancho, a primeira nunha contra que parou coas mans e despois un man a man que despexou co pé.
Ademais, neste inicio da segunda parte, o partido endureceuse e así chegou a expulsión de Pablo. O lateral parou duramente a Álex Ares, cando este saía á contra, e o colexiado sacoulle a segunda cartolina amarela.
Cun máis, a posesión volveu aos nosos, quen tiveron o segundo tanto nun disparo de Santi Gegunde, no minuto 69, que saíu rozando o pau, como nun remate de Primo á saída dun córner, tras peiteada de Uña, que sacou coa xema dos dedos un impresionante Rodri.
O paso dos minutos afectaba a uns cansos xogadores locais que cada vez máis se encerraban na súa propia área. Por activa e por pasiva, os nosos tentábano pero a diana non daba chegado. As máis claras tivéronas Santi Gegunde e Álex Ares con senllos lanzamentos desde a frontal da área que se marcharon rozando o pau.
Con todo, cando o partido xa agonizaba e con Uña de dianteiro centro, chegou o momento decisivo. Nun balón colgado nunha falta sobre Uña, o propio central era derrubado dentro da área e o colexiado sinalaba o punto de penalti. Álex Ares, tras un tremendo partido, colleu o balón e enchufouna polo centro da portería, logrando un tanto in extremis que levou ao delirio a afección branquiazul desprazada ao García Calvo. O Compos celebrou o tanto e o colexiado decretou o final do partido polo que o tres puntos viaxaron, unha vez máis, á capital de Galicia.
Así, o Compos selou un triunfo in extremis que lle permite seguir soñando. Os nosos manteñen os catro puntos de renda sobre o Bergantiños cunha xornada menos por disputarse. O vindeiro martes, San Lázaro debe ser un fortín para que os tres puntos queden casa e o noso obxectivo estea un paso máis preto.
FICHA TÉCNICA:
1- SD Negreira: Rodri; Juan Diego, Fernando, Rubén, Pablo; Cea, Pancho; Alex, Juan (Alberto, m.89), Cristian; e Miguel (Quintairos, m.56) (Astray, m.76).
2- SD Compostela: Lucas; Saro, Álvaro Casas, David Uña, Naveira; Samu, Tomás (Alberto Freire, m.61); Álex Ares, Santi, Róber (Sobrido, m.56); e Primo.
Goles: 0-1: Álex Ares, min.15; 1-1: Pancho, min.31; 1-2: Álex Ares, min.95.
Árbitro: Fariña Biasi, comité pontevedrés. Expulsou ao segundo adestrador local, Juan Cabrejo (m.61) por protestar, a Pablo (m.63), por dobre amarela, e a Pancho (m.90). Ademais, amoestou a Rubén, Rodri, Miguel, Juan Diego, Cea e Fernando, polos locais; e a Uña e Álex Ares, polos visitantes.
Incidencias: Partido da trixésimo quinta xornada de liga de Terceira División disputado no campo Jesús García Calvo ante 800 espectadores. Gran presenza de afeccionados desprazados desde Santiago. Ao término do choque un afeccionado lanzou unha papeleira contra o trío arbitral, impactando na cara dun dos liñas.