Estrea idílica no Vero Boquete

18 de Novembro de 2018
Álex Ares remata a gol de cabeza, nun partido patrocinado pola Bodeguilla de San Lázaro. Foto: Amadeo Rey.
Álex Ares remata a gol de cabeza, nun partido patrocinado pola Bodeguilla de San Lázaro. Foto: Amadeo Rey.
  • O 3-0 aos quince minutos sentenciou un partido no que o Compos foi moi superior ao seu rival

Santiago de Compostela, a 18 de novembro de 2018.

O inicio da SD Compostela no Vero Boquete de San Lázaro foi idílico. Mellor tarde de fútbol imposible para estrear a nova denominación do fortín branquiazul. Un 3-0 en tan só quince minutos sentenciou un encontro no que o Compos foi moi superior ao seu rival e que se acabou levando por 4-1.

Brais Abelenda, Álex Ares e Aythami encarrilaron o partido nos primeiros compases, despois, Mon rompeu a dinámica desde os once metros e, no 64, Félix maquillaría o resultado final.

Viña dicindo Yago Iglesias en semanas pasadas que se o seu equipo tivese un mínimo dun 50% de acerto nas ocasións que xeraba, sairía con marcadores moi favorables. Hoxe, no día da estrea do Vero Boquete de San Lázaro, os branquiazuis cumpriron a premisa do seu técnico e en quince minutos impecables, nos que aproveitaron tres das catro chegadas á área, certificaron un claro 3-0 inicial.

Como vén sendo habitual no seu fortín, a SD Compostela saíu cunha gran intensidade ao terreo de xogo, como se mostrou na primeira ocasión do partido. Xa no minuto inicial, Samu quedou só na área, tras recoller un rebote, pero o seu tiro forzado sacouno co pé, a córner, Cortegoso.

Semellaba que se repetía a tónica habitual, pero aos sete minutos, o balón xa acabou na rede. Aythami recuperouna no medio e púxoa en velocidade para un Brais Abelenda, que recortou cara dentro e, con pausa, meteuna rasa polo primeiro pau. O pichichi branquiazul sumou así o seu quinto tanto do curso.

O tanto animou aos nosos que, de novo por banda esquerda, chegaron á senda do gol. Xogada rápida na que recibiu Naveira en banda, centrouna ao punto de penalti e Álex Ares, chegando desde atrás, embocou de cabeza o seu cuarto gol en liga.

Tamén anotou o seu cuarto tanto, seis máis tarde, Aythami, nunha xogada que mostrou á perfección o estilo de xogo dos nosos. Álvaro Casas abriu para Brais Abelenda, o extremo encarou ao seu lateral e púxoa para Álex Ares, quen a controlou para que Aythami, en xiro, a colocase á cepa do poste. Un golazo que deixaba o partido cunha clara vantaxe en apenas quince minutos.

Por diante no marcador, o Compos seguiu percutindo ata o descanso, pero tanto Álex Ares como Josiño, en xogadas xeradas a partir da velocidade por banda de Saro, non atoparon os tres paus da portería visitante.

Á volta dos vestiarios, os branquiazuis saíron a controlar o partido, pero iso non evitou que seguise gozando de boas oportunidades, con contras tan claras como a que propiciou o cuarto tanto.

Brais Abelenda dispúñase a bater a Cortegoso no man a man, pero Fiuza empuxouno por detrás e o colexiado sinalou o punto de penalti. O día era tan propicio que, esta vez, desde o punto fatídico, a pelota por fin acabou no fondo da rede. O capitán Mon Vives, que acababa de entrar, mostrou sangue frío e anotou enganando ao porteiro.

Con todo, os visitantes reaccionaron rápido e, aos dous minutos, anotaron o tanto da honra. Carlos púxoa ao punto de penalti e Félix rematou de primeiras ao fondo das mallas para recortar distancias.

Pese ao gol, non houbo tempo para as sorpresas e o Compos certificou unha nova vitoria, na súa sexta semana invicto. Estrearon os nosos da mellor maneira posible o Vero Boquete de San Lázaro e, ademais, co tres puntos superaron a cifra que levaban o curso pasado a estas alturas.

Hai tardes que quedan para o recordo e a estrea do Vero Boquete, sen dúbida, será unha delas para os branquiazuis. Agora, tocará seguir co refacho na visita ao Arenteiro o próximo fin de semana.

FICHA TÉCNICA:

4- SD Compostela: Anxo Pérez; Saro, Álvaro Casas, Piscu, Naveira; Samu (Mon, m.58), Marcos Remeseiro (Josiño, m.32); Miky (Sergio Pereira, m.66), Álex Ares, Brais Abelenda; e Aythami.

1- CD Choco: Cortegoso; Carlos (Xián, m.66), Fiuza (Gabi Misa, m.72), Aitor, Lazcano; A. Suárez, Nacho; Palmas (Vilas, m.75), Caloi, Comis; e Félix.

Goles: 1-0: Brais Abelenda, min.7; 2-0: Álex Ares, min.9; 3-0: Aythami, min.15; 4-0: Mon (p.), min.62; 4-1: Félix, min.64.

Árbitro: Pérez Martínez, colexio ourensán. Amoestou a Marcos Remeseiro e Naveira, polos locais; e a Aitor, Fiuza e Caloi, polos visitantes.

Incidencias: Partido da décimo terceira xornada de liga do grupo 1 da Terceira División disputado no Estadio de San Lázaro ante 950 espectadores.

Flickr


Youtube

Instagram Compos

Facebook

13 hours ago

SD Compostela
🔥🩵🤍 PREVIAO Compos visita A Lomba en busca do seu terceiro triunfo consecutivo lonxe de San Lázaro 🗓️ Os nosos xogarán este domingo ás 17 horas fronte ao Arosa nun campo no que xa gañaron o curso pasado por 0-2 con dous goles de Antón Guisande 📸 Ignacio Castaño Gómez#ArosaCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

17 hours ago

SD Compostela
🎙️ Previa Carlos de Lerma | Xornada 10🩵🤍 O adestrador compostelanista falou sobre o estado físico dos seus, do modelo que intenta implantar e das claves que marcarán este derbi en Vilagarcía#arousacompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

2 days ago

SD Compostela
🩵🤍 Os nosos desfrutaron hoxe dunha comida grupal na Parrilla O Establo Unha visita ao noso patrocinador para facer 🍍, antes do derbi, e desfrutar dunha boa parrillaMoitas grazas pola acollida e polo bo trato, coma sempre 🥰 ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

2 days ago

SD Compostela
🧐 Repetimos? Este domingo, na Lomba, queremos vivir unha gran tarde de fútbol como a tempada pasada!Co voso apoio podemos conseguilo de novo! 💪🩵🤍📸 Nacho Castaño #arousacompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

2 days ago

SD Compostela
𝐀 𝐂𝐚𝐧𝐭𝐞𝐢𝐫𝐚 𝐏𝐢𝐜𝐡𝐞𝐥𝐞𝐢𝐫𝐚📸 Velaquí a foto de familia con todos e todas as integrantes da nosa canteira e de todos os equipos da SD Compostela e do CD Conxo Santiago O proxecto segue medrando, consolidándose como unha das referencias do fútbol base galego onde gozan do deporte más de 500 xogadores e xogadores e conta con 55 adestradores. Non só pola súa cantidade, senón tamén pola calidade dos nosos equipos é que podemos estar orgullosos e orgullosas. Actualmente seguimos presentes na División de Honra xuvenil, a categoría punteira do fútbol formativo nacional. Contamos ademais con representación na Liga Nacional e con equipos nas distintas Divisións de Honra tanto cadetes (por dobre partida) como infantil.Mirando cara abaixo a imaxe non pode ser máis positiva. O noso fútbol 8 e fútbol 7 tamén crece con seis equipos alevíns, cinco benxamíns, tres prebenxamíns e un Biberón. O curso pasado os nosos cativos e cativas fixeron historia clasificando en todas as categorías para a Fase Final do Campionato Galego. Entre todos e todas intentaremos que siga sendo un orgullo formar parte da Canteira Picheleira!🤍🩵🤍#canteirapicheleira ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

CONTACTO

sdcompostela@sdcompostela.com

981 57 70 41

Av. de Fernando de Casas Novoa, 20, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña.

 

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.