-
O Cadete A superou ao EFM Boiro, único equipo ao que non venceran na primeira volta
-
A xornada pechouse con seis vitorias e cinco empates
Santiago de Compostela, a 18 de Febreiro de 2019.
Seis vitorias, con senllos dobretes dos equipos cadetes e infantís, e cinco empates, a maior cifra da tempada, pecharon unha xornada moi positiva para as categorías inferiores da SD Compostela. Aos catro triunfos xa citados sumáronse o do Prebenxamín B, líder no seu playoff, e o do Biberón.
En primeiro lugar, o Zona Vella non puido ampliar a súa dinámica de vitorias, empatando 3-3 contra o Trazo. O filial branquiazul adiantouse por dúas veces no marcador no primeiro cuarto de hora, despois dun gol en propia porta no primeiro minuto e outro de Pedro Leis no 14, pero os visitantes culminaron a remontada ao comezo da segunda parte e tivo que ser Sergio Cea, no 76, o que selaría a igualada final.
En xuvenís, os dous equipos empataron 1-1, malia que as circunstancias foron ben distintas. O Xuvenil A non puido saír da súa serie negativa, pero polo menos puido sacar un punto na súa dura saída ante o Viveiro. Os locais, oitavos na táboa, adiantáronse no marcador, pero os branquiazuis igualaron no 78 co gol de David Noya. Pola súa banda, o Xuvenil B logrou un meritorio punto na súa visita ao Xuventude Oroso, terceiro clasificado, a pesar de que se lle escapou a vitoria no desconto. Raúl García adiantou aos nosos no primeiro acto, pero os locais igualaron no 91.
O primeiro dobrete da xornada tivo a firma dos cadetes. Ambos equipos, na matinal do domingo, volveron asinar dous triunfos que lles permiten afianzar os seus obxectivos. O Cadete A, líder indiscutible no grupo 5 da Primeira Autonómica, volveu sumar tres novos puntos tras superar ao EFM Boiro por 1-0. O solitario tanto de Christian Fernández Barbazán serviu para vencer ao único conxunto que non lle gañaran na primeira volta. Á súa vez, o Cadete B goleou ao Tordoia por 7-0 e segue na zona alta da clasificación. O hat trick de Zubo Yang, o dobrete de Álvaro Espasandín e os goles de Samuel Varela e Rubén Sande pecharon o claro resultado final.
Igualmente, os equipos infantís tamén sumaron dous importantes triunfos. O Infantil A segue coa súa gran segunda volta e superou ao Ulla Pontecesures, ao que adianta na táboa, por 7-2. Brais López marcou dúas dianas; Anxo Fuentes, Alejandro Rey, Álvaro Espasandín e Lois Lortes unha; e a restante foi en propia porta. Mentres tanto, o Infantil B venceu por un claro 5-1 ao Milladoiro para recuperar sensacións. Valentino Becerra, Daniel Nogueira, por dúas veces, David Estévez e Héctor Veiga foron os artífices do triunfo.
En fútbol 8, do mesmo xeito que nos xuvenís, ambos alevíns empataron 1-1. O Alevín A, con moitas baixas, logrou un gran empate contra o Dubra para seguir de colíder no playoff, mentres que o Alevín B logrou idéntico resultado na súa visita ao Conxo.
Baixando de categoría, o Prebenxamín A perdeu, precisamente, contra o Conxo, mentres que o Prebenxamín B logrou unha nova vitoria, esta vez ante o San Pedro, para seguir de líderes. E por último, o Biberón tamén gañou contra o Villestro e marcha colíder da súa liga co Calo.