Un ciclón de cor branquiazul

7 de Abril de 2019
Celebración dun gol ante o CD Boiro, nun partido patrocinado por NB21 Correduría de Seguros. Foto: Amadeo Rey.
Celebración dun gol ante o CD Boiro, nun partido patrocinado por NB21 Correduría de Seguros. Foto: Amadeo Rey.
  • O Compos gañou 6-0 ao Boiro cun hat trick de Aythami.

Santiago de Compostela, a 7 de abril de 2019.

A SD Compostela pechou as Festas da Uña de San Lázaro cunha goleada no Vero Boquete sobre o Boiro. O equipo branquiazul foi un ciclón baixo a choiva e regresou á senda triunfal, defendendo o seu fortín e mostrando a súa mellor cara nesta recta final da competición. Esta tarde, o Compos foi o único conxunto sobre o tapete.

Aythami, cun hat trick en trinta e nove minutos, puxo o marcador moi franco ao descanso para os locais, pero na segunda aínda caeron outros tres. Josiño, Marcos Remeseiro e Santi pecharon o set en branco branquiazul.

Con seis cambios no once inicial, o Compos sabía que se quería ter unha tarde plácida baixo a choiva, tiña que conseguir o primeiro gol canto antes. A formulación estaba clara e o equipo entendeuno á perfección. Foi de menos a máis no control do partido, pero sempre coa vantaxe no marcador.

Aos tres minutos, Aythami marcaría a primeira das súas tres dianas tras un saque de esquina no que Marcos Remeseiro soubo ler as condicións climatolóxicas. O mediocentro puxo un centro tenso que botou na área e saíu despedido ás botas do dianteiro canario. Este rematou de primeiras con todo a favor e aínda que Ube despexou o esférico, este xa pasara a liña.

Tamén a través dun tiro desde o córner, vinte máis tarde, chegaría o segundo. Esta vez desde o lado contrario, Marcos Remeseiro púxoa ao punto de penalti, fallou na saída Rodri, e Aythami tivo tempo para controlala e marcar coa punteira.

Gañou confianza o cadro local co segundo da tarde, a cal se plasmou en aproximacións continuas pola área de Rodri. Miki, cun tiro desde dentro da área que despexou o porteiro a córner, e o propio Aythami, cun remate cruzado que salvou na liña Cardeñosa, tiveron as máis claras antes de que acabase chegando o terceiro da tarde.

Á contra, Miki recibiuna na banda, puxo un caramelo ao segundo pau para Brais Abelenda, quen rematou centrado, pero por sorte, o rexeite do defensa caeu de novo a un Aythami que fusilou ao fondo da rede sen oposición. Así, o canario completou o seu hat trick, o sétimo tanto en dous partidos seguidos no Vero Boquete, e alcanzou a impresionante cifra de vinte goles en liga.

Con tres de vantaxe ao intermedio, a tarefa parecía moi de cara, pero aínda así o Compos non se quixo relaxar e saltou ao segundo acto coa mesma intensidade. Froito dela, aos dez minutos, chegaba o cuarto dos nosos. Aythami recibiu ao espazo, sentou a Rodri co caneo, e desde a liña de fondo púxose o disfrace de asistente, dándolle o pase da morte a Josiño, quen definiu de primeiras coa zurda.

Buscando esas gretas ás costas, e xa sen o pichichi branquiazul sobre o campo, o equipo seguiu co seu vendaval de xogo. Miki, tras asistencia de Brais Abelenda, atopouse de novo coa perna do meta visitante, mentres que o xogador de Bembibre, catro minutos máis tarde, elixiu mellor cando se plantou só ante el. Recibiu o pase de Remeseiro, chegou antes co gardameta e este arroiouno. Desde o punto fatídico, o medio coruñés colleu a responsabilidade e enganou co seu tiro raso ao porteiro.

O set en branco pechouse no 70, cando nunha nova contra, Santi e Miki combinaron para levar o esférico á rede. O primeiro mandouno ao espazo para a carreira do extremo, este devolveullo, e demostrando a calidade que ten na súa zurda, o lucense colocouna suavemente na escuadra.

Precisamente, no desconto, Santi tivo o sétimo cun remate de cabeza que se marchou fóra, pero o marcador xa non se moveu. Os tres puntos quedaron na casa, unha semana máis, para sumar 59 unidades, apertando aos conxuntos da cabeza da táboa. O ciclón branquiazul mostrou o seu enorme poderío, tanto goleador como de xogo, e segue peregrinando por todo.

FICHA TÉCNICA:

6- SD Compostela: Lorenzo; Sergio Pereira, Piscu, David Uña, Naveira; Mon, Marcos Remeseiro; Miki (Álex Ares, m.71), Josiño, Brais Abelenda (Saro, m.64); e Aythami (Santi, m.58).

0- CD Boiro: Rodri; Ander, Cardeñosa, Borja Outeiral, Anxo, Anxo; Toño (Brais, m.56), Ube, Teira (Carlos, m.53); Lezcano e Xacobe (Fran, m.64).

Árbitro: González Sobrado, comité vigués. Amoestou a Miki e Mon, polos locais; e a Ander, polos visitantes.

Goles: 1-0: Aythami, min.3; 2-0: Aythami, min.25; 3-0: Aythami, min.39; 4-0: Josiño, min.55; 5-0: Marcos Remeseiro (p.), min.62; 6-0: Santi, min.70.

Incidencias: Partido da trixésimo primeira xornada de liga do grupo 1 da Terceira División disputado no Estadio Verónica Fenda de San Lázaro ante 850 espectadores.

Youtube

Instagram Compos

Facebook

3 hours ago

SD Compostela
🫂🩵🤍Todos xuntos! 🤝A por unha nova final este domingo! 💪ℹ️ Recorda que se eres abonado maior de 17 anos podes retirar unha invitación (só online) 🎟️ sdcompostela.compralaentrada.com/eventos/🙌 Co apoio de todos, FORZA COMPOS! 📸 Nacho Castaño #composgimnástica ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

1 day ago

SD Compostela
🎯 Gimnástica de Torrelavega🏟️ Os nosos adestraron esta mañá no Vero Boquete para preparar o partido vital deste domingo ás 17.00 horasImos a por todas, todos xuntos! 🩵🤍#composgimnástica ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

1 day ago

SD Compostela
Hoxe temos de aniversario ao noso adestrador de porteiros, 𝐈𝐚𝐠𝐨 𝐓𝐚𝐛𝐨𝐚𝐝𝐚 🩵🤍🎂 Moitos parabéns, Iago!A celebralo este domingo cun triunfo 💪⚽️📸 Nacho Castaño ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

2 days ago

SD Compostela
⌚️ Horario confirmado para as dúas últimas xornadas, que serán unificadas 🩵🤍x33 🆚Real Ávila CF 🏟️ Adolfo Suárez🗓️ Domingo, 27 de abril🕛 12.00 horasx34 🆚 Real Valladolid C.F. S.A.D Promesas 🏟️ Vero Boquete🗓️ Domingo, 4 de maio🕛 12.00 horas🧴 Laboratorios Ozoaqua - Expertos en Dermocosmética con Aceites ozonizados #ávilacompos #composrvcantera ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

3 days ago

SD Compostela
E repetiuse éxito nesta pasada xornada 🩵🤍✅ Compos✅ Filial (Sigüeiro FC - ED Xuventude Oroso)✅ Xuvenil A (Canteira Picheleira) A por outra máis 💪 ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.