-
O Compos levou o duelo ante o Somozas por 3-1, cun Miki estelar
Santiago de Compostela, a 12 de maio de 2019.
A SD Compostela puxo punto e seguido á tempada no Vero Boquete cun sabor doce. Os branquiazuis completaron a súa gran festa cun claro triunfo por 3-1 ante o Somozas, liquidando o duelo no primeiro acto con actuación estelar de Miki, quen asinou un hat trick de asistencias.
O Compos abriu rápido a conta co tanto de Rubén aos tres minutos, neutralizado momentaneamente aos dez por Álex. Rubén, de novo, nunha acción calcada, devolveu o encontro á boa senda e Santi pechouno co seu gol no 36, todos eles precedidos polos pases da morte do extremo de Nigrán.
O último encontro de liga no fortín branquiazul servía como festa para os branquiazuis. Unha vez logrado o obxectivo, o club quixo aproveitar esta cita para honrar aos seus, pero tamén a todos os equipos da canteira, polo que antes de que dese comezo o partido, os pequenos recibiron o aplauso da bancada, destacando o Cadete A que recolleu o seu título de liga.
Tralos prolegómenos, o Compos iniciou o duelo con ganas de prolongar a celebración ata as oito da tarde. Así, entrou con gran intensidade ao campo e materializou a terceira que tivo en apenas tres minutos. Primeiro, Manu Cedrón interveu ante o cabezazo de David Uña e posterior disparo de Chechu, pero na seguinte xa non puido facer nada ante a onda branquiazul. Miki colleu as costas do seu lateral, cabalgou ata diante do porteiro e deu o pase da morte para que Rubén marcase a portería baleira.
A pesar deste gran arranque, o Somozas puido reaccionar mercé a un roubo en campo contrario aos dez minutos. Luís Nuño quitoulle a carteira a Alberto e cedeu a asistencia cara a Álex, quen non fallou no man a man con Lorenzo.
Con todo, as táboas durarían pouco e é que o segundo tanto local chegaría dez máis tarde, nunha acción calcada á do inaugural. Miki volveu entrar en velocidade pola dereita, encarou a Manu e repetiu pase da morte a Rubén, quen materializou o seu dobrete sen oposición.
Esta vez, os nosos xa non deixarían escapar a súa vantaxe e a pesar de que Miki non conseguiu chegar por centímetros ao pase da morte Alberto, en primeira instancia, e que se atopou coa resposta do meta visitante, xusto despois, o terceiro acabou caendo coa insistencia.
O extremo de Nigrán gañou un novo duelo en velocidade pola banda, chegou á liña de fondo e serviu a asistencia rasa para que Santi ampliase a renda. Deste xeito, Miki pechou o seu particular hat trick de asistencias, mentres que o dianteiro lucense marcou tras varias xornadas sen facelo.
Tal era a festa, que unha vez retirados a vestiarios, o participante do desafío Recambios Balsa Recalvi, Damaso Chacón, conseguiu acertar co seu disparo desde o centro do campo.
Á volta do intermedio, pensando xa no playoff, o Compostela rotou ás súas pezas, entrando Samu, que volvía tras meses lesionado, ou Pedro Leis, xogador da Zona Vella que debutou en Terceira División; e reduciu a velocidade no xogo.
Con todo, seguiu dominando a posesión, merodeando a área visitante, pero sen o acerto necesario no último pase. A máis clara tívoa Naveira, no 86, quen tras recibir de Santi, soltou un zurdazo potente que despexou co pé o meta.
Sen pasar apuros, os tres puntos quedaron na casa e a festa foi total. O Compos despediu aos seus na liga mostrando as credenciais que poden servir un ascenso. O 3-1 final reflectiu a superioridade dos nosos, quen pecharán o curso no campo do Ourense CF, o vindeiro domingo, soñando xa co playoff.
FICHA TÉCNICA:
3- SD Compostela: Lorenzo; Saro, David Uña, Chechu, Naveira; Álvaro Casas, Alberto Freire (Samu, m.46); Miki, Josiño (Pedro Leis, m.75), Rubén (Sergio Pereira, m.75); e Santi.
1- UD Somozas : Manu Cedrón; Javichu, Joseja, Quindimil, David Antón, Álex Pérez (Marcos Fernández, m.17); Dani (Gonzalo, m.50), Diego Uzal, Juan M., Álex (Julián, m.70); e Luís Nuño.
Goles: 1-0: Rubén, min.3; 1-1: Álex, min.13; 2-1: Rubén, min.20; 3-1: Santi, min.37.
Árbitro: García Rodríguez, comité coruñés. Amoestou a Chechu e David Uña, polos locais; e a Juan M. e Luís Nuño, polos visitantes.
Indecencias: Partido da trixésimo sétima xornada de liga do grupo 1 da Terceira División disputado no Estadio Verónica Fenda de San Lázaro ante 530 espectadores. Antes do comezo fíxose unha homenaxe aos equipos da base do club, recibindo o título de liga de mans da Federación Galega de Fútbol o Cadete A.