-
O Compos deulle a volta á eliminatoria, pero caeu cun tanto de Castillo no desconto
Santiago de Compostela, a 2 de Xuño de 2019.
A SD Compostela quedou a un só minuto de pasar a eliminatoria do playoff ante o Deportivo Alavés B. Os nosos déronlle a volta na segunda metade, a pesar de encaixar á media hora, pero o soño escapóuselle no 92 cun disparo de Castillo á escuadra. Foi un duro revés ante unhas bancadas do Vero Boquete que estiveron cheas, pero unha mostra máis de que este grupo é o que nos levará ao máis alto.
Gualda, cun golpeo desde a frontal á escuadra, puxo aos vitorianos con vantaxe no primeiro acto, neutralizada por Aythami cun cabezazo á saída dun córner. Nos últimos compases, Santi marcou o segundo e de novo Aythami meteu ao Compos na segunda rolda, pero a gloria escapouse co remate de Castillo.
Santiago respondeu á chamada do Compos e o Vero Boquete luciu a mellor entrada da tempada para apoiar aos seus. Os branquiazuis, ante 3.400 espectadores, sabían que sería un duro reto, pero que o encontro era moi longo e que se podía lograr a remontada. As bancadas marcaron o primeiro gol co recibimento e os ánimos desde o comezo, impulso que lle serviu aos xogadores para saír metidos a por todas.
Con varias contras rápidas, as primeiras oportunidades sobre a meta de Gonzi levaron o “uy” á bancada. Brais Abelenda ou Aythami, con dous disparos tras dous balóns mortos, tiveron as accións iniciais, malia que sería o Alavés o que daría primeiro na diana.
Despois dun disparo arriba de David Valero, os visitantes aproveitáronse dunha segunda acción para meter o tanto que lles daba unha clara vantaxe. Gualda recolleu o esférico na frontal, tralo despexe da defensa, e de forma sutil colocou a pelota na escuadra da meta defendida por Anxo , quen non tivo opción algunha de parala.
A remontada púñase máis costa arriba, facían falta tres goles, pero o equipo e o público creron. Chechu avisou das intencións nun córner ao segundo pau, no que non puido esquivar a Gonzi, pero cinco máis tarde, nunha xogada idéntica, o balón si acabou na rede. Marcos Remeseiro volveuna a colgar pasada, non chegou o porteiro, e Aythami meteu a cabeza para empatar o encontro.
O propio mediocentro coruñés, no seguinte saque de esquina, mandouna ao traveseiro, rozando o gol olímpico. Con todo, non se moveu a contenda e ambos rivais marcháronse ao intermedio con cousas que celebrar.
Á volta dos vestiarios, e tras un gol anulado a Adrián González por fóra de xogo, o Compos volveu sacar a súa garra a poñer contra as cordas ao MiniGlorias e a levar a euforia á bancada, sobre todo trala entrada de Santi e Rubén, pasando a xogar con defensa de tres centrais, e axudados tamén pola expulsión por dobre amarela de Antonio Perera.
Estaba a ser un asedio branquiazul, con numerosos centros á área aos que non acababan chegando os nosos por moi pouco, ata que por fin, no 70, chegou o segundo da tarde para os locais. Rubén recolleu un centro pasado desde a dereita, levantou a mirada e púxoa medida á cabeza de Santi no segundo pau, quen rematou cruzado ás mallas.
Ao verse de novo a un só tanto de pasar, os nosos levaron un subidón anímico, que se notou no campo. Gonzi, con dúas accións de mérito nas que lle quitou o tanto a Aythami na área pequena, evitaba o terceiro, mentres que Santi, xa lesionado, soltaba un zurdazo que se marchaba rozando a escuadra. Esta mesma sorte atopou Paulino, nunha acción individual na que mandou un disparo desde a frontal a escasos centímetros do pau.
E tanto foi o cántaro á fonte que caeu o agardado gol da remontada. Esta vez pola dereita, Miki rompeu ao seu lateral, chegou á altura do porteiro e cedeuna atrás para que Aythami, a porta baleira, marcase o seu particular dobrete e lograr o obxectivo marcado.
O delirio apoderouse das bancadas e máis trala expulsión de Paulino, quen deixou ao seu equipo con nove por unha protesta. Con todo, o reloxo movíase moi lento e acabou chegando o que ninguén agardaba. Gonzi mandou un patadón ao bordo da área, Mahmoud peiteouna e Castillo entrando desde atrás rematou de primeiras á escuadra, un zambombazo imposible para Anxo.
Volvéronse tolos os vitorianos, parecían afundidos os nosos, pero aínda así a gloria volveuse a tocar coa xema dos dedos. Marcos Remeseiro colgou unha falta no último minuto que cabeceou só de marca Chechu na área pequena, pero o seu remate marchouse arriba.
Aí escapáronse as posibilidades dos nosos, o árbitro decretou o final e todos os xogadores derrubáronse. Escapábase o soño, pero á vez a lectura posterior móstranos que foi unha eliminatoria para sentirse orgullosos duns xogadores que serán, seguro, os que levarán ao club de novo á Segunda B. Hoxe tocou de novo a cara amarga do fútbol, pero estas vivencias farannos máis fortes no futuro para lograr o noso soño.
FICHA TÉCNICA:
3- SD Compostela: Anxo Pérez; Saro (Santi, m.62 (Mon, m.84)), Álvaro Casas, Chechu, Naveira (Rubén, m.62); Samu, Marcos Remeseiro; Miki, Álex Ares, Brais Abelenda; e Aythami.
2- Deportivo Alavés B: Gonzi; Pedro Caballero (Oier Sarriegui, m.81), Adrián González, Estigarribia, Nacho Ruíz (Jorge Bengoetxea, m.71); Paulino de la Fuente, Antonio Perera, Gualda, David Valero (Mahmoud, m.61); Andrei Lupu e Héctor Castillo.
Goles: 0-1: Gualda, min.31; 1-1: Aythami, min.40; 2-1: Santi, min.70; 3-1: Aythami, min.83; 3-2: Héctor Castillo.
Árbitro: González Suárez, comité asturiano. Expulsou a Antonio Perera (min.56) por dobre amarela e a Paulino de la Fuente (min.89) con vermella directa. Ademais, amoestou a Marcos Remeseiro, Samu, Santi, Aythami, Mon, polos locais; e a Gonzi , Mahmoud, Pedro, Héctor Castillo, Lupu e Adrián González, polos visitantes.
Incidencias: Partido de volta da Primeira Eliminatoria do Playoff de Ascenso á Segunda División B disputado no Estadio Vero Boquete de San Lázaro ante 3400 espectadores. Antes do comezo realizouse unha homenaxe aos heroes do ascenso a Primeira División de hai 25 anos. No descanso, o Prebenxamín B recibiu o trofeo da Copa de Santiago de mans da Federación Galega de Fútbol.