-
O central analizou a pretempada e a primeira xornada no Restaurante San Jaime
Santiago de Compostela, a 21 de Xullo de 2019.
Logo dunha longa pretempada, o sábado comeza a liga de Terceira para a SD Compostela. O conxunto branquiazul, clasificado para a final de Copa Federación, afronta esta primeira cita con boas sensacións e así o reflicte un dos seus capitáns, o central Álvaro Casas.
“Levamos cinco semanas de traballo, tivemos unha carga de encontros importante, pero creo que o equipo chega preparado para esta primeira xornada”, explicou en rolda de prensa.
O futbolista santiagués, que cumprirá a súa terceira campaña no club, falou ante os medios de comunicación na sede do Restaurante San Jaime, entidade que tamén renovou a súa vinculación co proxecto. Nas súas instalacións, Casas destacou a importancia de empezar con bo pé a competición.
“Estes tres puntos contan o mesmo que na última xornada. Está claro que estamos no período de adaptación, axustándonos aos que chegaron novos, pero os partidos que tivemos xa nos serviron para preparar cousas”, comentou.
Entre eses novos compañeiros, valórase a experiencia dos que chegaron, malia que o central avisa que as súas características son similares aos que xa formaban parte do plantel. “Gústalles ser protagonistas co balón, xogar ao fútbol, pero a diferenza é que viviron máis playoffs e ascensos, que é o que lles fai ter esa experiencia”, subliñou.
No que á súa posición respecta, os seus dous compañeiros no centro da zaga son vellos coñecidos, polo que espera axustarse ben con eles. “Queiruga leva adestrando connosco desde que cheguei aquí, coñézoo dabondo e considero que ten unhas condicións incribles. Pola súa banda, a Soto coñézoo desde os catorce, xa que compartiamos residencia en Vigo e coincidimos no xuvenil e no Celta B”, analizou.
En canto ao primeiro rival, o Alondras, Casas valorou o nivel dun club do que garda moi bo recordo da súa etapa alí. “Leva dous anos xogando polo ascenso como nós e o curso pasado mesmo pasaron unha rolda máis. É certo que hai certa dúbida polo cambio de adestrador e porque se lle foron xogadores importantes, pero tamén realizaron grandes reforzos. Ademais, é un campo sempre complicado, no que a xente aperta”, reflectiu.
Paso a paso, cos pés no chan, o santiagués agarda chegar á recta final ben situados e pelexar por todo. “Somos ambiciosos, pero nada vén regalado e haberá que remar moito”, sentenciou.