-
O porteiro da UD Ourense parounas de tódalas cores e Iago Blanco aproveitou a que tivo
Santiago de Compostela, a 13 de outubro de 2019.
A SD Compostela non puido continuar coa súa dinámica. Os nosos tentárono durante todo o encontro, pero atopáronse, unha e outra vez, con Ángel Díez. O porteiro local detivo os numerosos achegamentos dos branquiazuis, deixando os tres puntos en Ourense, xa que Iago Blanco aproveitou unha contra para firma o 1-0 final.
Cun campo rápido pola choiva caída durante horas, o Compos quixo aproveitar a circunstancia para manter o mesmo plan de xogo que na casa. Dominando coa pelota, facéndoa correr para chegar á área rival, os branquiazuis controlaban o partido e á vez evitaban as saídas ás contras dos locais.
Con todo, a UD Ourense defendíase ben, complicando as chegadas dos nosos, que avisarían en primeira instancia aos vinte minutos. Pablo Antas conseguiu conectar con Brais Abelenda, o dianteiro deixouna atrás e o lucense, de cabeza, atopouse coas mans de Ángel Díez.
E pasada a media hora, nunha combinación similar, os papeis cambiáronse, pero o resultado foi o mesmo. Antas conectou con Brais, o dianteiro orientouse e soltou un disparo axustado ao pau que despexou o porteiro cunha gran estirada.
Aínda así, nun rápido contragolpe, os locais tamén avisaron cun zurdazo de Isi dirixido á escuadra, pero Pato demostrou as súas calidades para voar e despexar a pelota a córner.
Á volta dos vestiarios, a tónica do encontro seguiu polos mesmos camiños, cun Compos que conseguiría marcar ao primeiro minuto. Brais Abelenda recibiu de Miki entre liñas e superou ao porteiro, pero o xuíz de liña levantou a bandeira, un fóra de xogo moi axustado. Catro máis tarde, Pablo Antas recibiu na esquerda e o seu pase da morte atrapouno Ángel cando xa esperaba Josiño para empuxala. E no 55, Hugo Sanmartín soltou un dereitazo ao pau curto que despexou de novo o porteiro de maneira espectacular.
O dominio era completo, pero a UD Ourense atopouse co premio cando menos o buscaba. Iago Blanco cazou un despexe dun compañeiro ás costas dos centrais, encarou a Pato no man a man e bateuno cun golpeo axustado ao pau.
O tanto foi un golpe duro, malia que os nosos puideron empatar na seguinte acción, cun disparo de Jimmy cruzado que salvou de novo o gardameta. Tamén avisou Iago, cun remate na área pequena que se lle marchou fóra, pero a máis clara foi branquiazul a continuación. Hugo controlou na liña de fondo, puxo un centro ao segundo pau e Pablo Antas rematou de cabeza ao traveseiro.
Non atopaba a tecla o Compos e entraron pernas frescas desde o banco, con Gabri Palmás e Rodri Alonso, pero ambos seguiron coa mesma fortuna que os seus compañeiros. Primeiro, o dianteiro rematou fóra na área pequena un centro de Gabri e, despois, o extremo soltou un disparo desde a frontal que rozou un defensa e se marchou a milímetros do pau.
Xa nos últimos compases, Palmás volveu atoparse cun tremendo voo do porteiro, tras un zurdazo que levaba a dirección da escuadra, antes de que Tiago fose expulsado por dobre cartón. Contra dez, o asedio foi constante, pero na mellor opción, nun golpeo de Álvaro Casas, Ángel Díez lanzouse con todo para rozala e despexala fóra.
Non houbo forma de derrubar a portería local e a UD Ourense acabouse levando os tres puntos. Segundo vitoria da tempada para os rojillos e segunda derrota para os nosos. Un golpe de mala fortuna, que os branquiazuis tentarán superar nesta nova semana Champions. Por diante, un dobre enfrontamento no Vero Boquete, contra o Coruxo e Estradense.
FICHA TÉCNICA:
1- UD Ourense: Ángel Díez; Josu, Vieytes, Corzo, Alfredo; Germán, Tiago; Isi (Carlos, m.46), Champi (Viti, m.76), Marquitos; e Iago Blanco (Rubén Durán, m.66).
0- SD Compostela: Pato; Saro, Álvaro Casas, Queiruga, Jimmy; Samu (Baleato, m.61), Pablo Antas; Miki, Josiño (Rodri Alonso, m.68), Hugo Sanmartín (Gabri Palmás, m.68); e Brais Abelenda.
Goles: 1-0: Iago Blanco, min.57.
Árbitro: Cives Enjo (A Coruña). Expulsou a Tiago (m.85) por dobre amarela. Ademais, a monestó a Rubén Durán, polos locais; e a Samu e Pablo Antas, polo Compos.
Incidencias: Estadio do Couto (Ourense). Partido da oitava xornada de liga do grupo 1 da Terceira División disputado ante 2.300 espectadores.