- David Varela, de Maui&Espit Chupitos e 24 Horas O de Sempre, patrocinador do Xuvenil B, asegura que non hai club grande sen unha boa canteira
Santiago de Compostela, a 30 de Xullo de 2020.
Patrocinador do Xuvenil B, co recentemente renomeado Maui&Espit Chupitos, David Varela ten claro que as empresas compostelás teñen que achegar o seu gran de area para que o deporte de Santiago creza. Con este impulso, apoia o deporte base, porque o considera o sustento dun club grande. Por outra banda, tamén leva as barras do Verónica Boquete de San Lázaro, unha concesión na que espera continuar esta próxima tempada en Segunda B.
En primeiro lugar, como están a levar a nivel empresarial a volta á normalidade?
Con moita incerteza, como non pode ser doutro xeito. Foi moi complexo decidir en cada paso da desescalada horarios de apertura e reincorporación dos empregados. Pouco a pouco imos regresando á normalidade, dende o punto de vista dos locais.
Como se viu afectada a noite compostelá por esta situación?
É un pouco cedo para facer esta valoración, posto que os locais nocturnos hai dous días que teñen autorización de apertura, nun mes de xullo que xa de por si é bastante frouxo. Veremos o que pasa a partir de setembro.
Despois da súa reapertura, como foron as primeiras fins de semana?
Certamente, mellor do esperado en canto a ocupación, pero a nivel de comportamento social, non pode ser que teñamos que ser policías. Eu entendo que a xente quere saír de festa, pero as condicións para facelo ponas a Xunta, e hai que cumprilas, se non temos un problema coas autoridades, e entendo que iso non interesa nin a clientes nin a empresas. Espero que a xente tome conciencia.
Como variou a estrutura do local coas medidas tomadas?
Fixemos unha reforma radical, con cambio de nome incluído. O novo nome é Maui&Espit Chupitos. Dende xa, comezamos a abrir pola tarde, cunha ampla terraza e unha carta renovada con gran variedade de cócteles, batidos, cafés, cervexas… e a pista de baile pasou a ser ocupada, polo menos de xeito temporal, por mesas, cumprindo a distancia entre elas. Cremos que é de sentido común ir ós poucos.
E en canto ao 24 Horas, ¿implica o peche das discoteca un menor movemento nocturno?
Totalmente. Coa volta da hostalería, os bocatas volveron á escena, pero cunha incidencia moito menor, e ata as 4 da mañá como moito, cando cas discotecas e pubs, facémolos até as 8 da mañá, practicamente. Agardamos recuperar certa normalidade neste sentido nas vindeiras semanas.
Pasando ao plano deportivo, ao levar as barras do Vero Boquete de San Lázaro, como lles afectou a cancelación da tempada e a disputa do playoff nun campo neutral?
Perder os playoff, e o determinante encontro que se ía disputar co Ourense CF, supuxo unha merma moi importante no balance final da tempada. Agardamos poder repetir na 20/21 para, polo menos, ter a oportunidade de traballar unha tempada completa detrás das barras de San Lázaro, e en Segunda B.
Ademais, patrocina con Espit Chupitos ao Xuvenil B da SD Compostela. Que beneficios ten patrocinar a un equipo da base?
Os beneficios son máis deportivos ca empresariais. As empresas temos que aportar a nosa miguiña para facer que o deporte da cidade medre. Non hai club grande, sen unha boa canteira.
Nota que a vinculación foi positiva para o seu local?
Foi unha tempada atípica e curta. Non foi suficiente para facer unha valoración neste sentido.
Seguirá o ano próximo patrocinándoo?
Si. E agardamos que acaden a ascenso á Liga Galega, para que medren tanto o club como os futbolistas.