- A SD Compostela sumou o primeiro triunfo da tempada cun dobrete de Miki e un gol de Bicho
Santiago de Compostela, a 7 de Novembro de 2020.
Tres goles e tres puntos. A SD Compostela sumou a primeira vitoria da tempada e fíxoo no día no que tamén anotou os seus primeiros tantos da tempada. Os branquiazuis, inexpugnables no fortín, superaron por 3-0 a un gran Guijuelo e chegan ao primeiro parón da competición con cinco puntos, na zona media da clasificación.
O primeiro triunfo do curso fraguouse xa dende os primeiros compases, mercé a un gol de Miki de cabeza no minuto 7. A vantaxe aumentouse á volta dos vestiarios, no 47, con outra diana do “Lóstrego de Nigrán”, selándose o triunfo co terceiro da tarde, no 79, obra de Bicho, con asistencia do propio Miki.
Volvía o Compos ao fortín e facíao coa misión de lograr os primeiros tres puntos da tempada e, como consecuencia, tamén co obxectivo de estrear a marcadora de goles. Sen Primo, Yago Iglesias decantouse por Brais Abelenda na punta, con Josiño e Hugo Sanmartín por detrás, nunha aposta clara por tentar levar o peso do partido coa pelota.
Deste xeito, saíron a por todas os nosos dende o inicio, xerando perigo en apenas dous minutos, o cal se quitaron de encima os visitantes tentando buscar a área de Pato a través de balóns por banda.
Con todo, froito do empeño, chegou o tanto da SD Compostela. Hugo Sanmartín atopou a Saro ao espazo, quen puxo un centro que se foi longo, con todo, Brais Abelenda cazou o rexeite, aínda no interior da área, e volveuna a colgar, coa esquerda, xusto ao punto de penalti por onde aparecía Miki. O “Lóstrego de Nigrán” gañou o salto a todos os defensas e impactou un croque ao que non puido chegar Sarkauskas. Un auténtico golazo para levar ao delirio á afección local.
A pesar do tanto, os branquiazuis seguírono tentando, aínda que lles custaba por momentos manter a posesión ante a choiva que aumentaba sobre o campo. Con todo, volveríao a probar Pablo Antas, cun disparo desde a frontal que atrapou ben o porteiro.
En resposta ao dominio local, o Guijuelo sorprendeu cunha carreira de Pino, que aproveitou un despexe que se envelenou, para encarar a Pato, pero non contaba coa velocidade de David Soto, que lle roubou a carteira por detrás. Tamén o tentou Abraham Pozo, de falta, pero Pato parouna en dous tempos, nun balón que tocara na barreira.
Pasada a media hora tocoulle de novo ao Compos o tirón, gozando de dúas fantásticas oportunidades para aumentar a vantaxe. Primeiro, Brais Abelenda mandou un disparo que, tras rozar en Parra, saíu rozando a escuadra. E despois, nunha falta colgada por Juampa, Pablo Antas rematou de cabeza á portería, pero a pelota golpeou en Soto e foise desviada.
Con todo, a derradeira antes do intermedio sería para os visitantes, nun roubo de balón en zona de tres cuartos co Compos en zona ofensiva. Cristóbal cortou o pase de Pato e deixoulla a Pozo, pero este, buscando axustar a pelota, mandouna rozando o pau. Deste xeito, ao tempo de descanso chegouse coa vantaxe local.
Á volta dos vestiarios, o Compos repetiu fórmula e saíu a por todas, marcando dous goles en dous minutos, o primeiro deles, obra de Josiño, anulado por fóra de xogo, pero o segundo, de Miki, si subiu ao marcador.
O extremo de Nigrán asinou o seu dobrete particular despois de recibir de Brais Abelenda, irse por fóra do lateral e soltar un zambombazo ao primeiro pau que se coou entre as pernas de Sarkauskas . O xogador compostelanista sacouse un gran recurso cando todos agardaban o pase da morte.
Coa vantaxe duplicada, buscou un cambio radical o conxunto visitante cun triplo cambio, con todo, o perigo volveu ser branquiazul. Brais Abelenda gañou as costas da defensa, pero o seu servizo para Juampa ao segundo pau atrapouno o porteiro.
Mentres tanto, os visitantes probárono a balón parado, nunha xogada que rematou Pino ao fondo da rede, pero en fóra de xogo.
A pesar do carrusel de cambios, o dominio seguiu sendo compostelanista e sería, precisamente, un dos que entraron de refresco o autor do terceiro tanto da tarde. Miki volveu de novo tolo ao seu lateral, foise del por velocidade e puxo a asistencia para que Bicho, de primeiras, sacase o seu machete e fusilase ao meta. O mediapunta, que debuta na tempada, pegoulle con todo e meteuna polo primeiro pau.
Foi a sentenza e o gol que pechou o resultado, posto que Pato voou no 87 para sacar da escuadra un disparo de Kamal de lonxe. Deste xeito, o Compos conseguiu os tres primeiros puntos da tempada, mantivo a fortaleza do fortín e vaise ao parón con cinco puntos. Chegaron os primeiros goles da liga e mantívose a porta a cero, a terceira consecutiva, sinónimo de éxito para un equipo que vai a máis semana tras semana.
FICHA TÉCNICA:
3- SD COMPOSTELA: Pato; Saro, Álvaro Casas, David Soto, Jimmy; Pablo Antas (Guille Torres, m.82), Josiño (Bicho, m.66), Hugo Sanmartín (Baleato, m.55); Miki, Juampa e Brais Abelenda (Gabri Palmás, m.82).
0- CD GUIJUELO: Sarkauskas; Raúl Parra (Andrés, m.52), Jonathan, José Mtez., Kike Pina (Iulan Razvan, m.52); Carlos Rubén (Kamal, m.52), Deco, Cristóbal (Eizmendi, m.69); Abraham Pozo (Spahiu, m.82), Damián e Pino.
Goles: 1-0: Miki, min.7; 2-0: Miki, min.47; 3-0: Bicho, min.79.
Árbitro: González Díaz (Asturias). Amoestou a Pablo Antas, Juampa, Brais Abelenda e Pato, polo Compos; e a Carlos Rubén, Deco, Andrés, José Martínez e Spahiu, polo Guijuelo.
Incidencias: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago). Partido da cuarta xornada de liga do Grupo 1 Subgrupo A de a Segunda División B disputado a porta pechada.