- O atacante branquiazul analizou hoxe en Laucreaciones, o seu patrocinador individual, a previa do derbi contra o Racing
Santiago de Compostela, a 18 de Novembro de 2020.
Na sede de Laucreaciones, empresa que leva nove anos apoiando o proxecto branquiazul e que patrocina individualmente ao xogador, Brais Abelenda analizou a previa do derbi contra o Racing Club de Ferrol, un encontro moi especial para el xa que alí estivo catro anos, mesmo xogando un playoff de ascenso á Segunda División.
O parón. Aproveitamos esta semana sen liga para recuperar os xogadores tocados e descansar. Estivemos adestrando ben, levamos dúas semanas centrándonos no rival desta semana e agardamos que siga a dinámica positiva. Ademais, a tempada pasada alargouse ata xullo e non tivemos moito tempo de descanso, polo que esta semana veunos ben.
Motivación persoal. No grupo motívannos todos os partidos, todos eles son bonitos de xogar, pero a verdade, para min, este encontro si que supón unha motivación extra porque pertencín ao Racing catro anos e teño moitas gañas de xogar o sábado.
Recordo de Ferrol. Teño un recordo moi bo, coa experiencia de poder xogar un ascenso á Segunda División, pero tamén un sabor amargo do último ano, co descenso á Terceira. Agora so quedan Joselu e Seoane da miña etapa, pero na cidade fixen bastantes amigos e estes días si que falei con eles.
Plantel do Racing. Fixo bastantes fichaxes, segue o mesmo adestrador, pero a xente ten que aclimatarse, aínda que de momento semella que lle vai bastante ben. Levan tres encontros sen perder, marcando gol en todos os partidos de liga, polo que o obxectivo noso é seguir coa portería a cero.
Posible partido. En base ao partido que xogamos hai dous anos alí, imaxínome un Racing que nos veña a presionar arriba, que non nos deixe estar cómodos co balón, que será moi duro e físico, pola xente que fichou, polo que desde logo será complicado. Ademais, haberá que estar moi atentos ás súas transicións e ás xogadas a balón parado.
Xogadas a balón parado. A maioría dos equipos de Segunda B aproveitan moito as xogadas a balón parado e o Racing, neste caso, explótaas moi ben. En base a iso, durante toda a pretempada traballamos moito para mellorar esas accións dos rivais e viuse nestas tres xornadas, nas que apenas concedemos opcións. Esperamos seguir así, porque a portería a cero dá puntos, que é o obxectivo de todas as semanas.
A chegada do gol. Estábamos tendo ocasións, o equipo encóntrase moi cómodo, estábamos tranquilos e sabíamos que podía chegar o gol en calquera momento. Ao final, foi na casa, onde máis cómodos nos sentimos, coa sorte de que fose na primeira ocasión contra o Guijuelo.
Nivel mostrado. Ao seguir o bloque, coñecémonos moi ben entre nós e a idea do míster, polo que nos encontramos moi cómodos e penso que demos un nivel bastante bo ata o de agora e agardamos que siga sendo así.
Falso nove. Yago déixame liberdade para moverme pola zona de ataque e a verdade é que me sinto cómodo e gústame moito a posición. Xa estou afeito do ano pasado, ata a chegada de Primo, e estou contento xogando aí.
Feeling cos compañeiros. Ao levar varios anos coa mesma xente, sabemos o que lle gusta a cada compañeiro e ao partir desde aí gústame moito baixar a recibir e que a xente da segunda liña poida sorprender ás defensas rivais.
LAUCREACIONES
Aproveitando a celebración do acto nas súas instalacións, Marcos Sanmartín, xerente de Laucreaciones, quixo agradecer a visita do Compostela, en particular, e recoñeceu que para eles que un deportista como Brais Abelenda porte a súa marca nos seus ombros “é un orgullo”.
Ademais, recordou unha anécdota do curso pasado. “Lembro que o ano pasado cando facíamos a presentación de Pablo Antas, coincidía co noso décimo aniversario, e pedíalle ao club o ascenso, o cal se cumpriu. Para o próximo ano tamén traio deberes, aínda que non vou a ser tan esixente. Sería un pracer que o equipo seguise na Segunda B, celebrando unha nova presentación a tempada próxima nas nosas novas instalacións, que abriremos en vindeiras datas”, explicou.
Do mesmo xeito, en relación co club, “tamén é de xustiza felicitar ao club en xeral, non só polo ascenso, senón pola dinámica que atesoura nestes nove anos que levamos da man, cun recordo especial para as categorías inferiores”, concluíu.