Santiago de Compostela, 29 de xuño de 20222
A directiva da Sociedade Deportiva Compostela quere lamentar a situación vivida nestas últimas semanas. Esperamos que o ocorrido non transcenda máis aló e quede nunha mera anécdota, aínda que o dano ao club está aí e non se debe obviar, o que, insistimos, lamentamos profundamente.
En primeiro lugar, queremos pedir desculpas: desculpas á afección, á cidade, aos nosos colaboradores e patrocinadores e a todos os que senten e sofren o club. Sabemos que non vos mereciades este lamentable episodio. Pedímosvos que confiedes en nós e asegurarvos que pronto, todos xuntos, recuperaremos a ilusión.
Para comprender os feitos, debemos facer unha análise da situación. O club atópase nun momento complexo e delicado. Por iso, como se comunicou, desde hai algunhas semanas negociábase un cambio de temón, co nomeamento duns novos órganos de dirección, o cal se levaría a cabo tralo acordo entre o noso presidente, único acredor do club a día de hoxe, e unha mercantil con residencia no País Vasco. O acordo estaba pechado, pero faltaba algo que se presumía sinxelo: plasmalo por escrito polos gabinetes xurídicos de ambas partes.
Os directivos da SD Compostela, en apoio ao seu presidente, nunca tiveron obxeccións á entrada dunha nova xunta directiva e dun novo presidente, poñendo en todo momento os seus cargos a disposición, xa que sempre se entendeu que era a única obrigación que lles incumbía nunha operación totalmente allea.
O problema xorde cando, nos contratos que se lles presentan para a súa firma, obrígase a responder á xunta directiva dunhas obrigacións totalmente alleas ás súas funcións e desempeños, involucrándolles nun contrato entre terceiros no que nada tiñan que ver. Ademais, obrigábaselles a realizar, con carácter previo á súa marcha, unha serie de actuacións que poderían ser moi prexudiciais para o club e, polo tanto, para os directivos que as secundasen.
Despois de longas negociacións, nas que a parte contraria non moveu un chisco as súas esixencias respecto a a responsabilidade e implicación da xunta directiva nunha operación mercantil, trasládase aos devanditos interesados, tras días de tensa espera, a documentación completa que conforma o acordo definitivo o martes 21 ás 18 horas, tendo ata o mércores 22 ás 14 horas para dar unha resposta. O presidente apoiaba dita firma, pero os outros sete directivos encargaron un informe xurídico para analizar o acordo. Este desaconsellou “moi fundamentadamente” a aceptación dos compromisos e esixencias que se derivaban da firma destes documentos.
Relatado todo o anterior, só podemos dicir que nos sentimos defraudados, moi molestos pola estratexia de esgotar os tempos do club e aumentar, ao mesmo tempo, a presión nos medios de comunicación, para que a directiva aceptase o que non podía aceptar.
Esta citada estratexia de exercer presión e esgotar os tempos non permitiu chegar a concretar os acordos asumidos no punto de partida da negociación, piares fundamentais que caracterizan o proxecto en crecemento a SD Compostela como son a continuidade do fútbol base do Compos, os compromisos adquiridos con equipos da comarca (Sigüeiro, Conxo e clubs conveniados) e con outras seccións do club (atletismo e tenis de mesa), así como co persoal e coa afección.
Mentres tanto, estaba a cuestionarse a permanencia de persoas vitais para a continuidade do proxecto da SD Compostela como Manuel Castiñeiras ou Miguel Fernández, así como o anuncio da ruptura de compromisos adquiridos con futbolistas que representan os nosos valores e o noso escudo, emblemas como Pato Guillén ou Álvaro Casas.
Todo iso, dada a proximidade do necesario comezo da pretempada e da importancia de confeccionar o plantel, estaba a crear unha situación imposible de reverter se se prolongaba no tempo e finalmente non se concluía un acordo, o que era previsible á vista da falta de contestación aos esforzos que esta directiva viña facendo.
A maiores, queremos recalcar que esta xunta directiva desenvolve o seu traballo de maneira desinteresada, ocupando o seu tempo e en moitos casos o seu diñeiro polo club dos seus amores. Poderemos equivocarnos, sen dúbida, pero nunca traizoaremos a un escudo, a unhas cores, a unha cidade e a uns sentimentos. Esta xunta directiva nunca se negou subscribir ou asinar todo aquilo que lle compete, incluso poñéndose en risco en ocasións, demostrou unha lealdade inquebrantable ao club e ao seu presidente, poñendo os seus cargos a disposición nas últimas semanas en reiteradas ocasións, a última este luns, sendo esa posibilidade rexeitada polo presidente desde un principio.
Por iso, desde un principio foi condición inamovible para iniciar as negociacións, co seu presidente á cabeza, a continuidade do esencial do proxecto ata o de agora desenvolvido, uns piares fundamentais entre os que estaban os acordos do fútbol base. Cremos que, en todo este proceso, tentouse mesturar o que é tan simple como unha substitución dunha xunta directiva dunha asociación sen ánimo de lucro cunha operación mercantil de traspaso dunha débeda entre particulares.
O club arrastra unha débeda xerada entre os anos 2011 e 2016 cuxo único acredor é por todos coñecido, o ata o pasado luns presidente do club. A partir dese ano, o club veu crecendo en canto á súa saúde económica de maneira exponencial e por iso é polo que as ofertas polo club se multiplicaron. Durante as últimas 6 tempadas, o club, con esta xunta directiva á fronte, non xerou nin un só euro de débeda, o que converteu á entidade en forte e perfectamente sostible no tempo.
Por iso, queremos afrontar esta situación con total enteireza e forza, e estudaremos durante os próximos días a remodelación da actual xunta directiva e o nomeamento dun novo presidente. Ademais, procederemos a auditar as contas do club ao detalle para coñecer con exactitude como se pode facer fronte á débeda existente, a través dun profundo plan de viabilidade. Por último, é intención desta xunta directiva abrir o club a un maior concurso dos abonados, polo que se elaborará unha proposta para que, inicialmente, sexa debatida na Asemblea Xeral do Club.
Chegados a este punto, tócanos traballar: máis, moito máis, porque necesitamos un Compos máis forte. É o momento de arrimar o ombreiro máis que nunca polo ben da nosa querida Sociedade Deportiva Compostela. Por iso, aquí queda pechado este desafortunado capítulo e xa só pensamos en alcanzar os maiores logros no futuro. Todos xuntos, como sempre… FORZA COMPOS!!!