- Nun encontro con moita intensidade e escasas ocasións, decidiu o rexeite dunha falta nos últimos minutos
Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2022
A SD Compostela non puido cumprir o seu obxectivo tras caer 2-1 na final da fase autonómica da Copa RFEF. Nun duelo moi igualado, con moita intensidade, pero escasas ocasións, os ourensáns levaron o título, aproveitando o rexeite dunha falta.
O Compos regresaba ao Campo de Baltar para disputar a final da Copa Federación coa mente posta en repetir o título de fai dúas campañas. Coa novidade de Kike no once, os branquiazuis partiron coa premisa clara, sería un partido de alta intensidade no que decidirían pequenos detalles.
Aínda que a contenda arrincou cuns minutos de tenteo, nos que ningún dos dous equipos conseguía impoñer o seu estilo. Con todo, neses momentos de impás, aproveitou a súa oportunidade á perfección o Arenteiro.
Nunha xogada trenzada de ataque, Joseca atopou o balón ás costas da zaga, encarou a Pato e anotou o primeiro da tarde polo primeiro pau, superando ao arqueiro uruguaio cun potente golpeo.
Sen virse abaixo, o Compos deu un paso adiante e comezou a dominar coa pelota, especialmente trala pausa de hidratación, a cal serviu para axustar detalles no cadro de Fabiano. Grazas a esa reincorporación potente, os nosos aproveitárono.
Fer Beltrán entrou polo centro como coitelo en manteiga, sendo derrubado por Pol Bueso. Aínda que a xogada continuara e Martín marcara, estaba en fóra de xogo, polo que o árbitro pitou penalti. Mario Rodríguez encargouse de executalo, con calma, enganando a Diego García e poñendo as táboas no luminoso.
Co 1-1 chegouse ao intermedio, deixando todo por decidir para a segunda metade.
Tralo paso polos vestiarios, a contenda embarrouse. As pernas pesaban máis e comezáronse a acumular as faltas. A oportunidade para os compostelanistas tívoa Parapar, nunha acción na que se foi de catro rivais pola banda, pero o seu pase atrás, para Samu, non foi quen de conectalo o de Bembibre.
Pola súa banda, o Arenteiro inquietou cun remate de Manín en posición escorada. Precisamente, o dianteiro entrado desde o banco sería o encargado de poñer o segundo gol, no 83. Aproveitando o rexeite dunha falta, apareceu oportuno para meter a cabeza e provocar o delirio na bancada.
Con escasa marxe, os branquiazuis tentárono á desesperada, tendo a súa oportunidade no 91, cando un centro de Hugo Matos, tras pasearse pola área, acabou nas botas de Elliot. O canario recortou ao lateral e chutou coa dereita, pero Diego García despexouna co pé.
Por iso, o marcador xa non se moveu e a vitoria quedouna o Arenteiro, que disputará a fase nacional da Copa Federación.
FICHA TÉCNICA:
2- CD ARENTEIRO: Diego García; Jordan, Vitra, Pol Bueso, Joseca; Álex Fernández, Curro, Romay (Mella, m.90); Marquitos (Germán, m.85), Pibe e Lamelas (Manín, m.60).
1- SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Roque, Kike, Álvaro Casas (Hugo Matos, m.88), Pablo Crespo, Martín Salvador; Samu, Fer Beltrán (Jordan, m.73); Parapar (Elliot, m.65), Mario Rodríguez e Darío (Allyson, m.73)
GOLES: 1-0: Joseca, min.22; 1-1: Mario Rodríguez (p.), min.36; 2-1: Manín, min.83.
Árbitro: Oliveira Divos (Pontevedra). Expulsou a Allyson (m.97), con vermella directa. Ademais, amoestou a Lamelas, Vitra, Álex Fernández, Pol Bueso e Fran Justo (banco); e a Parapar, Fer Beltrán, Darío, Samu, Roque, Pablo Crespo e Jordan.
Incidencias: Campo Municipal de Baltar (Portonovo). Final da fase autonómica da Copa RFEF cun gran ambiente na bancada.