Tres puntos de ouro en Zamora para un Compos superior

2 de Outubro de 2022
Celebración SD Compostela Vitoria en Zamora
  • Os branquiazuis superaron aos locais por 0-3 con goles de Pablo Antas, Jordan e Damián

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2022

A SD Compostela deu no Ruta de la Plata unha lección de solvencia, superioridade e saber facer para sumar tres puntos de ouro. Os branquiazuis superaron por 0-3 ao Zamora, nun encontro dominado de principio a fin polos de Fabiano. Foi un auténtico partidazo para os nosos que foron xustos vencedores da contenda.

Nun gran inicio, e tras un primeiro aviso, Pablo Antas, no minuto 6, adiantou ao Compos cun remate de cabeza á saída dun córner lanzado por Jordan. Precisamente, o mediocentro de Salvaterra, puxo o segundo, no 38, aproveitando un pase da morte de Darío, cando os locais xa xogaban con dez pola expulsión de Caballé. E no 62, chegou a sentenza, con outro golazo de Damián, aproveitando unha entrada pola banda esquerda.

Trala derrota na casa ante o Langreo, a SD Compostela chegou a Zamora co propósito de recuperar sensacións. A pesar das baixas, os branquiazuis saíron convencidos ao céspede do Ruta de la Plata do obxectivo a seguir. De novo con defensa de cinco, na que entraba Kike e con Samu de líbero, os nosos arrincaron mellor e esa boa saída tivo premio.

Aos cinco minutos, tívoa Jordan, cun golpeo de primeiras tras a asistencia de Darío, pero Iricibar lanzouse para despexala a córner. E nese saque de esquina, lanzado precisamente polo mediocentro de Salvaterra, Pablo Antas aparecía no punto de penalti para rematar de cabeza e mandala ao fondo da rede, 0-1.

Reaccionando ao mellor inicio visitante, o Zamora foise arriba e tivo o empate nun remate de cabeza de Marc Caballé, chegando desde atrás, que se foi por encima do traveseiro tras botar no chan.

En todo caso, agrupado en bloque baixo, o Compos mostrábase tranquilo, sen medo e con moitas ganas de poder aproveitar calquera roubo para saír á contra con velocidade, aproveitando a rapidez arriba de Jordan e Darío. Precisamente, por esta vía, á media hora, o de Salvaterra recibía unha patada á altura do peito de Marc Caballé, non dubidando o colexiado en sinalar a tarxeta vermella directa.

Cun máis sobre o verde, os branquiazuis atopáronse aínda mellor e volveron marcar desde a esquina, no 37, co mesmo orde de factores: saque de Jordan e cabezazo de Pablo Antas, pero o árbitro sinalou falta previa do de Monterroso.

Non foi nesa, pero si na seguinte, un minuto máis tarde, cando chegaría o ansiado segundo gol. Kike enviaba a pelota ao espazo para a carreira de Darío e o dianteiro santiagués deixáballe o pase da morte para que Jordan, a pracer, marcase a portería baleira, 0-2.

E antes do intermedio aínda puido caer o terceiro, pero o disparo de Álvaro Casas, reconvertido a pivote, estrelouse no poste. Por iso, chegouse ao descanso co 0-2.

Á volta dos vestiarios, os locais prepararon un triplo cambio para reaccionar á vantaxe do Compos, pero a contenda comezou de novo ao ton que marcaba o cadro da capital galega. Así, aos seis minutos da continuación, xa chegou o primeiro aviso claro da segunda parte, cun centro raso potente de Roque, desde a liña de fondo, que salvou Iricibar en última instancia, cando Darío xa se relambía para empuxala á rede.

Deste xeito, no 62, tras varios intentos de contragolpes, os nosos sentenciaban a contenda co terceiro da tarde. Cunha gran parede con Pablo Antas, Damián atopouse con toda a banda para el, avanzou sen pensalo e ao chegar á área soltou un zapatazo coa súa zurda que se coou polo primeiro pau, 0-3.

Co encontro controlado, a tarefa pasaba por deixar pasar os minutos, mantendo ese dominio e sen recibir perigo. Aproveitando esa situación, Fabiano deu entrada ao campo a Ozores e Roi Rama, xogadores do filial que se estrearon co primeiro equipo na Liga.

Aínda así, o Zamora, con dous disparos de Dani Hernández repelidos por Pato, e o Compos, cun man a man de Cano que salvou Iricibar, puideron mover o marcador neses últimos instantes.

Non se moveu e o partido pechouse co 0-3, sumando a SD Compostela tres puntos moi importantes neste arranque ligueiro. Primeira portería a cero da campaña e unha mostra de solvencia extraordinaria nun dos campos máis complicados da liga. Con este impulso, os nosos mediranse o vindeiro domingo ao Guijuelo.

FICHA TÉCNICA

ZAMORA CF: Iricibar; Silva (Sancho, m.45), Rueda, Javi Duro, Nahuel (Iban Ribeiro, m.61); Marc Caballé; El Haddadi (Pana, m.45), Dani Hernández, Álex Ares (Theo, m.45), Viana (Pau Miguélez, m.16); e Altube.

SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Riki Mangana, Kike, Samu, Pablo Crespo, Damián; Álvaro Casas, Roque, Pablo Antas (Ozores, m.65); Jordan (Cano, m.57) e Darío (Roi Rama, m.78)

GOLES: 0-1: Pablo Antas, min.6; 0-2: Jordan, min.38; 0-3: Damián, min.62.

ÁRBITRO: Barrio Salas (Vitoria). Expulsou a Marc Caballé (m.30) e a Álex Otero (m.79), banco, con vermella directa, ambos no Zamora. Ademais, amoestou a Silva, Dani Hernández e Rueda, polo Zamora; e a Álvaro Casas, Pablo Antas, Roque, Pato e Pablo Crespo, polo Compos.

INCIDENCIAS: Estadio Municipal Ruta de la Plata (Zamora). Xornada 5 de Liga da Segunda RFEF.

Youtube

Instagram Compos

Flickr Amadeo Rey

  • COMPOSTELA- 4 ARANDINA- 2
  • COMPOSTELA- 4 ARANDINA- 2
  • COMPOSTELA- 4 ARANDINA- 2
  • COMPOSTELA- 4 ARANDINA- 2
  • COMPOSTELA- 4 ARANDINA- 2
  • COMPOSTELA- 4 ARANDINA- 2

Instagram Canteira

Twitter Canteira

Facebook

12 hours ago

SD Compostela
🎙️ 𝐑𝐎𝐋𝐃𝐀 𝐃𝐄 𝐏𝐑𝐄𝐍𝐒𝐀 | 𝐌𝐚𝐧𝐞𝐥 𝐌𝐞𝐧é𝐧𝐝𝐞𝐳🗣️ Valoración PREVIA do técnico compostelanista antes do partidazo deste domingo, ás 16.00 no Vero Boquete, contra o líder, o Zamora Club de Fútbol !!!#composzamora ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

21 hours ago

SD Compostela
🎂 Hoxe temos de aniversario ao noso incansable lateral, 𝐑𝐢𝐤𝐢 𝐌𝐚𝐧𝐠𝐚𝐧𝐚!!!💙🤍 Moitos parabéns, Riki!!! Que veña acompañado de moitas alegrías para celebrar xuntos!!!📸 𝐅í𝐥𝐦𝐚𝐭𝐞 / 𝐉𝐞𝐬ú𝐬 𝐅𝐢𝐠𝐮𝐞𝐫𝐨𝐚 ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

1 day ago

SD Compostela
Pasiño a pasiño 💙🤍💪 𝐅𝐫𝐚𝐧 𝐋ó𝐩𝐞𝐳 xa comezou a tocar balón e a facer algún exercicio co grupo!!!🔜⚽️#composzamora ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

2 days ago

SD Compostela
1⃣.5⃣9⃣7⃣ abonad@s!!! 💙🤍🙌 Superamos xa as cifras da tempada pasada e sumando!!! 💪 Únete ao Novo Camiño do Compos e apoia aos nosos!!! Co carné xove, sáeche a 10€!!!✍️ Abónate pola web de forma moi sinxela!📲 bit.ly/AbonateaoCompos #unnovocamiño ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.