- O Compos superou ao Valladolid Promesas por 2-0 con dous golazos de Jordan e Mario
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2022
A SD Compostela está de doce. Nun novo partidazo, dominando de principio a fin, os nosos sumaron a sexta vitoria consecutiva, outro tres puntos moi importantes, contra un rival de playoff e coa portaría a cero. Con estes dezaoito puntos, o Compos aséntase na zona alta e pecha o ano no Vero Boquete da mellor maneira.
Tras unha primeira parte con varios achegamentos perigosos e un inicio da segunda igual, o tanto acabou chegando para o Compos, no 58, nunha xogada excelsa, con caneo de Damián, asistencia de Mario e picada de Jordan á rede. E con vantaxe, o segundo chegou, no 77, con outra marabilla de Mario Rodríguez, cun disparo á escuadra.
Cos mesmos protagonistas que en Palencia, a SD Compostela quería pechar o ano en casa da mellor maneira, con outro triunfo, o que sería o sexto consecutivo, que ao final acabou chegando. Ben asentados de arranque, as ocasións comezaron a acumularse na área rival, aínda que sen terminar de culminalas.
Tívoa Mario, no 17, pero cortou ao límite Kike Ríos. De novo o atacante catalán, sete máis tarde, probouno coa destra, pero cazouna abaixo o porteiro. E a seguir, esta vez puxo a asistencia, pero Fer non conseguiu orientar o remate a portaría.
Sen recibir perigo atrás, noutro tirón branquiazul, na recta final da primeira metade, Jordan tería unha dobre opción. Primeiro, rematando de cabeza un centro de Darío, que golpeou nun defensor. E no 40, desde a frontal, tentouno cun disparo potente, pero escapouse por pouco.
Por iso, sen fortuna de cara á porta, a contenda chegou ao intermedio coa igualada inicial, 0-0. Con todo, conscientes do gran xogo, o partido arrincou tralo parón do descanso da mesma maneira, cun Compos dominador.
Tentárono os nosos con dúas accións de rexeites de balóns parado, con dúas voleas de Jordan e Roque, consecutivas, que se escaparon por lixeiros centímetros.
O encontro estaba orientado cara á meta dos valisoletanos e o premio acabou chegando, no 58. Damián, pechado en tres cuartos de campo, sacouse un caneo impresionante para irse de tres rivais, serviuna para un Mario Rodríguez que fixou aos defensas e picouna para a entrada de Jordan, quen lanzou unha vaselina excelsa para superar a Yari e que a pelota acabase no fondo da rede. Golazo e 1-0.
Con vantaxe no luminoso e a pesar dos cambios visitantes, o Compos seguiu ao seu, sen conceder atrás e buscando o segundo da tarde en canto tiña ocasión. Tentouno Mario, moi activo outra vez, desde o centro do campo, pero Yari salvouna baixo a liña.
Con todo, o atacante compostelanista, trala asistencia previa, atoparía o seu premio, no 77, no que era o seu primeiro tanto no Vero Boquete, e tremendo golazo. Roubo en campo contrario, condución a gran velocidade e golpeo á escuadra afastada, imparable para o porteiro, 2-0.
Con vantaxe dobre no marcador e renovando as pernas sobre o verde, os nosos non sufriron ningún perigo e mantiveron os tres puntos a bo recado. Ben asentados atrás, xa van cinco partidos e medio sen encaixar.
Por tanto, co 2-0 final, o obxectivo cumpriuse e o Compos sumou o seu sexto triunfo consecutivo, un gran logro que lle permite seguir asentado en postos de playoff de ascenso. Agora, tentarase a sétima na visita ao Laredo, no peche do 2022.
FICHA TÉCNICA
2- SD COMPOSTELA: Pato; Riki Mangana, Álvaro Casas, Pablo Crespo, Damián (Martín, m.87); Pablo Antas, Roque, Fer Beltrán, Jordan (Parapar, m.82); Mario Rodríguez (Cano, m.82) e Darío (Samu, m.82).
0- REAL VALLADOLID PROMESAS: Yari; Koke (Iker Pérez, m.72), Adri Gómez, Kike Ríos, Garriel; Mario Maroto (Quintana, m.62); Chuki (Carrión, m.72), Fran Rivera (Fran López, m.62), Pozo (Frimpong, m.83); Cédric e Slavy.
GOLES: 1-0: Jordan, min.58; 2-0: Mario Rodríguez, min.77.
ÁRBITRO: Crespo Ponte (Cantabria). Amoestou a Kike Ríos, Fran Rivera, Chuki, Fran López e Garriel, polo Valladolid.
INCIDENCIAS: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela). Xornada 14 do Grupo 1 da Segunda RFEF disputado ante 1.200 espectadores.