-
Luisito toma as rendas do equipo ata final de tempada
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2025
José Luis Míguez Iglesias “Luisito” (Teo, 1966) é novo adestrador da Sociedade Deportiva Compostela. O técnico de Teo toma as rendas do equipo ata final de tempada co obxectivo de que sacar ao Compos dos postos baixos da clasificación.
Luisito é un adestrador con gran experiencia no fútbol galego e que coñece moi ben a casa, xa que foi canteirán e comezou a súa carreira deportiva como futbolista no Compos. En total, estivo dende os 12 ata os 22 anos defendendo a camiseta branquiazul.
Nos bancos, conta cunha gran traxectoria en Terceira e Segunda División B, pasando polo Cidade de Santiago, Racing Club de Ferrol, CD Ourense, Pontevedra (en dúas etapas), Deportivo Fabril e Arousa, o seu último club.
Tras asinar o seu contrato, será presentado mañá ante os medios de comunicación e dirixirá o seu primeiro adestramento co Compos o mércores, para comezar a preparar o encontro deste próximo domingo contra o Guijuelo, no que será o seu debut como adestrador do Compos.
Benvido, Luisito.