-
Un gol de Fer Cano, no 86, permite ao Compos manter as súas opcións de salvación
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2025
O Compos sumou un punto no Pepe Quimarán que lle permite manter as súas opcións de salvación na Segunda RFEF. No debut de Secho no banco compostelanista, os nosos mereceron mellor sorte, aínda que acabaron conseguindo un empate, 1-1, que lles permite pelexar ata o final por evitar o descenso directo.
Nun duelo trabado, disputado nun campo de dimensións moi reducidas, todo se decidiu na segunda parte. Tras rozar o tanto nun remate de Santi de Prado, entrando ao espazo, que se escapou por moi pouco; e nun lanzamento de falta de Samu que sacou o porteiro cunha gran estirada, os locais adiantáronse no 73 nun erro defensivo do Compos.
Con todo, a pesar do mazazo que supuña o tanto, souberon levantarse os de Secho que, tirando de orgullo e casta, conseguiron a igualada na recta final. Fixérono no 86 nunha gran acción de Soto pola banda, quen atopou a Fer Cano no bordo da área para que este, con mestría, cravase o tiro cruzado no segundo pau. Golazo.
O tanto impulsou aos nosos a ir a por máis, pero a falta de tempo impediulle loitar por un botín maior.
Agora, mantendo o playout a cinco puntos, a vitoria este próximo domingo en casa faise vital. Será imprescindible o apoio de todos para sacar o triunfo no Vero Boquete contra o Salamanca. O partido decisivo será ás 20.00 horas, debido ás actividades relacionadas coa Festa da Uña de San Lázaro.
FICHA TÉCNICA
1 – UD Llanera: Alberto Hórreo; Paul Otia, Arellano (Jerome, min.87), Barrera, Leyva, Adri Turmo (Diassy, min.71), Víctor González, Charbel Wehbe (Rossi, min.46), Donate, Trujillo e Mathieu.
1 – SD Compostela: Rabanillo; David Soto, Kike, Álvaro Casas (Fer Cano, min.77), Pablo Crespo; Fausto Tienza (Trasi, min.77), Pablo Antas; Santi de Prado (Carlos Pérez, min.64), Samu, Markitos; e Manu Barreiro.
Goles: 1-0: Rossi, min.73; 1-1: Fer Cano, min.86.
Árbitro: Andrade del Olmo (País Vasco). Amoestou a Diassy, polo Llanera.
Incidencias: Estadio Pepe Quimarán (Posada de Llanera). Xornada 29 de Liga do Grupo 1 da Segunda RFEF disputado ante uns 700 espectadores. Gran presenza de afeccionados de Santiago.