-
Os nosos caeron por 1-0 na súa visita ao filial do Lugo na Cheda
Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2026
O Compos non puido romper en Lugo a súa mala dinámica de resultados lonxe do Vero Boquete. Os nosos, que aínda seguen líderes, aínda que empatados a puntos co segundo, caeron 1-0 na súa visita ao Lugo B.
O partido na Cheda decidiuse na segunda metade, cun gol de Mateo Deán para os locais. O tanto do lateral lucense desnivelou un encontro no que ambos equipos tiveron as súas opcións. En clave branquiazul, a máis clara estivo nos minutos finais do primeiro acto, nunha xogada de saque de banda, na que, tras varios rexeites, un defensor sacou sobre a liña de gol o disparo de Unai Peón.
Unha vez máis, a sorte foi esquiva para os intereses do conxunto picheleiro, que unha vez por detrás no marcador, non foi quen de reaccionar. Aínda así, os nosos reclamaron unha caída na área de Antón Guisande, ante o porteiro, pero o colexiado non sancionou a acción.
Agora, con igualdade no alto da táboa, os nosos buscarán resarcirse desta mala dinámica de resultados na casa. Tras tres partidos consecutivos lonxe de Santiago, o Compos regresa este sábado ao Vero Boquete para medirse ao Alondras.
FICHA TÉCNICA
1 – CD LUGO B: Jorge Candal; Manu Buide, Hugo Díaz, Tomás Balcedo, Mateo Deán (Izan Serrano, min.72); Pascual (Hugo García, min.72), Nico Delgado, Mateo Muñoz (Sergio Dacal, min.86), Noah (Marcos González, min.86), Antón Núñez (Aday Alcalde, min.61); e Ibe.
0 – SD COMPOSTELA: Álex Cobo; Valín (Diego Rodríguez, min.67), Riki Mangana, Pablo Crespo, Damián Noya; David Rosón, Samu (Aarón Martínez, min.67), Unai; Armental (Maceira, min.67), Parapar e Antón Guisande.
GOLES: 1-0: Mateo Deán, min.48.
ÁRBITRO: Carlos Martínez (Vigo). Amoestou a Ibe, polo Lugo B; e a Secho (banco), Riki Mangana, Antón Guisande e David Rosón, polo Compos.
INCIDENCIAS: Campo Municipal da Cheda (Lugo). Xornada 24 do Grupo 1 da Terceira RFEF disputado ante medio milleiro de espectadores. Importante presenza de afeccionados compostelanistas na bancada.










