-
O Compos conseguiu o seu primeiro triunfo da semana goleando na casa, 5-1, logrando tres puntos vitais
Santiago de Compostela, 2 de abril de 2026
A vitoria era vital para o Compos e acadouna. Os nosos golearon na casa, 5-1, contra o Gran Peña, conseguindo o primeiro dos triunfos necesarios nesta semana Santa. Unha vitoria balsámica que permite aos nosos relanzarse e regresar á boa senda.
Coa misión de ganar ou gañar, o Compos saltou ao Vero Boquete concienciados e unidos de que xuntos se podía reverter a situación das últimas semanas. Con todo, a tarefa púxose máis complicada ao cuarto de hora. O árbitro decretou penalti nunha caída de Coira na área e Fran López, excompostelanista, enganou a Cobo para poñer o 0-1.
Abaixo no marcador, tentaron reaccionar os nosos, aínda que as imprecisións nos metros finais condicionábanlle. Aínda así, comezaron a acumular chegadas, con tiros de Cañi e Antón Guisande que se escaparon por pouco, ata que chegou o gol.
No 40, tras unha presión alta ben executada, o Compos roubou, Armental buscou o desmarque de Cañi, cortando un defensa, pero a pelota quedou morta na área e Diego Rodríguez, chegando desde atrás e de primeiras, empalouna forte para superar ao porteiro. O seu primeiro gol da tempada e 1-1.
E nada máis marcar, puido caer o segundo, pero o desmarque e pase da morte de Antón Guisande non foi quen de remachalo Charly. Por iso, chegouse ao intermedio co 1-1.
Á volta dos vestiarios, co impulso deste tanto, o Compos seguiu imprimindo un ritmo alto ao partido e comezaron a chegar as ocasións e os goles. Tras un tanto anulado a Charly, na seguinte xogada, Armental adiantouse ao defensa, que o derrubou: penalti. Cañi, colocou pelota nos once metros e enganou á perfección a Andrés. 2-1.
Por diante no luminoso, o Compos seguiu coa súa boa onda e, a pesar dun aviso visitante, cun disparo ao pau, a contenda acabouse de decantar no 70. Diego, moi activo pola banda, atopou ao espazo a Antón Guisande, que lle gañou a carreira ao porteiro, puxo o centro á área e aínda que Charly non puido culminala, si o fixo Samu, chegando desde atrás, para fusilar a pelota á rede. 3-1.
E pouco despois, tras unha falta no borde da área, Samu selou o seu dobrete particular cun golazo de tiro directo que entrou pegado ao pau. 4-1.
Pero non sería o último da mañá, xa que, nos minutos finais, sorprendendo a todos, Antón Guisande sacouse un recurso da chistera para superar a Andrés desde o centro do campo. Un auténtico golazo para pechar a goleada e selar o obxectivo branquiazul.
Con este 5-1, o Compos recupera as boas sensacións e, ademais, regresa ao liderado. Co primeiro obxectivo cumprido, o domingo buscará repetir vitoria, de novo na casa e de novo ás 12:00 horas, contra o Atlético Arteixo.
FICHA TÉCNICA
5 – SD COMPOSTELA: Álex Cobo; Diego Rodríguez (Valín, min.71), Riki Mangana (Zuba, min.85), Pablo Crespo, Damián Noya; Diego Uzal, Samu; Armental (Unai, min.65), Antón Guisande, Cañi (Aarón Martínez, min.65); e Charly (Rosón, min.71).
1 – GRAN PEÑA FC: Andrés; Armada, Vila (Amet, min.79), Rubio, Mati (Cantero, min.46), Lago; Antón de Vicente (Marcos Fontán, min.79), Iker; Fran López, Coira (Dani Landesa, min.79) e Cellerino (Tyrone, min.88).
ÁRBITRO: Pablo García (Pontevedra). Amoestou a Riki Mangana, polo Compos; e a Mati e Cantero, polo Gran Peña.
GOLES: 0-1: Fran López (p.), min.14; 1-1: Diego Rodríguez, min.40; 2-1: Cañi (p.), min.53; 3-1: Samu, min.70; 4-1: Samu, min.79; 5-1: Antón Guisande, min.84.
INCIDENCIAS: Estadio Vero Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela). Xornada 23 de Liga do Grupo 1 da Terceira RFEF disputado ante 1.023 espectadores.












