-
Os nosos igualaron tras ir por detrás no marcador dúas veces
Santiago de Compostela, 19 de abril de 2026
A SD Compostela segue líder, pero perdeu a vantaxe tralo seu empate no Vero Boquete, 2-2, contra o Atlético Coruña Montañeros. Unha igualada na que os nosos foron por detrás no marcador dúas veces. Houbo ocasións para o terceiro, pero o resultado xa non se moveu.
Trala vitoria en Vilagarcía, o Compos quería aproveitar esas boas sensacións para sumar un novo triunfo na casa. Enfronte, un rival sen medo, que quixo a pelota, aínda que o Compos ameazaba á contra. Polo bando visitante, as mellores opcións chegaron a balón parado, mentres que por parte do Compos, Maceira, cun disparo axustado, tivo a máis clara. En todo caso, chegouse ao intermedio co empate a ceros.
Na segunda parte, os branquiazuis saltaron con máis ímpeto, apertando na presión. Os nosos tivérona nunha moi clara para o primeiro, cun disparo de Maceira, rexeitado polo porteiro, e posterior remate de Samu, salvado sobre a liña, tras pegar no pau.
Con todo, cando empezaba a envorcarse o partido cara ao Compos, chegou o tanto visitante. Carreira cazou un rexeite na frontal, tras un córner, e o seu disparo pegou nas pernas dun defensor, cambiando totalmente a traxectoria e acabando na rede.
En todo caso, reaccionou ben o Compos. Seguiu coa boa dinámica e acabou atopando o tanto, tras unha boa acción de Unai. O mediocentro pasouna por encima da defensa cun taconazo e Pablo Crespo, entrando desde atrás, definiu a pracer. 1-1.
Co primeiro, os nosos foron na procura do segundo e Maceira volveuna ter, pero o seu remate, tras un gran centro de Cañi, acabou no pau.
E de novo, no 77, outro golpe á contra, aproveitando os espazos que deixaba o Compos. Juan atopouse un man a man con Cobo, o porteiro rexeitou, pero Balsa, excanteirán branquiazul, apareceu só para cazar o rexeite e mandala á rede.
Con poucos minutos por diante, tocou tirar de épica e o Compos atopou o premio. Nun centro de Armental, catro minutos máis tarde, a pelota pegou na man de Ogando e o colexiado non o dubidou: penalti. Encargouse de executalo Cañi e de marcalo unha vez máis. O seu sexto gol na Liga e 2-2.
E o botín puido ser maior, porque noutro centro desde a dereita, esta vez de Diego Rodríguez, a pelota caeulle a Maceira, disparou coa zurda, pegou nun defensa e a pelota marchouse por moi moi pouco. Non era o día para o dianteiro.
Houbo sete minutos de engadido, pero o marcador xa non se moveu. Empate final que deixa ao Compos líder, pero empatado a puntos. A próxima semana, nova final, coa visita ao Somozas.
FICHA TÉCNICA
2 – SD COMPOSTELA: Álex Cobo; Riki Mangana (Diego Rodríguez, min.72), Diego Uzal, Pablo Crespo, Damián Noya; Samu (Goris, min.72), Unai (David Rosón, min.87); Parapar (Cañi, min.72), Antón Guisande (Charly, min.82), Armental; e Maceira.
2 – ATLÉTICO CORUÑA: Marcos; Achore, Samu, Longueira (Real, min.77), Ogando, Diego (Cano, min.68); Carreira, Dani, Balsa (Álex Suárez, min.85); Otero (Juan, min.77) e Pape (Iago López, min.77).
GOLES: 0-1: Carreira, min.56; 1-1: Pablo Crespo, min.63; 1-2: Balsa, min.77; 2-2: Cañi (p.), min.82.
ÁRBITRO: Alejandro Gómez (Pontevedra). Amoestou a Real, polo Atlético Coruña.
INCIDENCIAS: Estadio Vero Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela). Xornada 31 de Liga do Grupo 1 da Terceira RFEF disputado ante 1.650 espectadores. O Compos apoiou a campaña “Alcer 7 Vidas” para fomentar a doazón de órganos e os hábitos de vida saudables.














