-
Os nosos levaron o peso do partido e tiveron as mellores ocasións en Vilalba, pero non conseguiron marcar
Vilalba, 16 de maio de 2026
O Compos arrincou o play off cun empate en Vilalba: 0-0. Os nosos tiveron o dominio e as mellores ocasións do partido, pero non conseguiron aproveitar as súas ocasións. A próxima fin de semana decidirase todo na volta no Vero Boquete.
O partido en Vilalba estivo dominado por un Compos que quixo levar o peso do encontro ante un rival repregado. Comezou mellor, con ritmo, e puido adiantarse nunha boa opción de Charly, aínda que o dianteiro non conseguiu embocar. E tamén tivo unha gran opción Parapar, un dos mellores do partido, pero Santomé sacou unha gran man.
Pola súa banda, Álex Cobo tivo que esforzarse para despexar un disparo afastado, na única ocasión do partido para os locais. E é que a defensa do Compos estivo moi sólida durante os 90 minutos, sen conceder perigo ao cadro chairego.
Xa na segunda, ao Compos custoulle ante as continuas interrupcións do xogo. Aínda así, conseguiu, sobre todo na recta final, achegarse á meta rival. Probárono Charly, Antón Guisande e Maceira, aínda que todos eles mandaron os seus disparos altos, antes da mellor ocasión do partido. Xa no desconto, e tras un córner, Maceira conectou un testarazo que se estrelou no traveseiro, cando o porteiro xa estaba batido.
Por iso, 0-0 final e todo queda por decidir para a volta no Vero Boquete. Co apoio da afección, os nosos loitarán para pasar á final autonómica do play off.
FICHA TÉCNICA
0 – VILALBÉS: Santomé; Diego López, Vérez, Santi Prado, Javi Varela, Make (Gael, min.88), David García, Sergio Otero (Herrero, min.62), José Varela, Pablo Trigo (Javi Rey, min.88) e Anthony (Borja Míguez, min.62).
0 – SD COMPOSTELA: Álex Cobo; Valín, Quico, Pablo Crespo, Damián Noya; Diego Uzal, Samu; Parapar, Antón Guisande (Aarón Martínez, min.88), Cañi (Armental, min.70); e Charly (Maceira, min.70).
GOLES: Sen goles.
ÁRBITRO: Luis Miguel Díaz (Madrid). Amoestou a Make, polo Vilalbés; e a Diego Uzal, polo Compos.
INCIDENCIAS: Campo Municipal da Magdalena (Vilalba). Partido de ida das semifinais do play off autonómico con 1.200 espectadores. Unha vez máis, importante presenza de afeccionados compostelanistas.











