Os nosos venceron por 4-1 ao Atlético Astorga con dous goles de Dani González, un de Buba e outro de Unai Peón nun partido redondo
Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2026
A SD Compostela logrou tres puntos de ouro en casa por segunda vez no que vai de curso, nun partido no que foi por diante dende o minuto 2 cun temperán gol de Buba. Posteriormente, os locais encarrilaron o encontro cun contundente 3-0 ao descanso.
O equipo de Carlos de Lerma chegaba a esta cita tras lograr a súa primeira vitoria a domicilio no Vao, coa intención de confirmar diante da súa afección as boas sensacións sobre o verde da pasada fin de semana. En fronte estaba o Atlético Astorga, quen viña de endosarlle un duro correctivo ao Ourense CF tras gañarlle por 4-0.
Comezou a rodar o balón e sen apenas tempo para sentarse no asento, ao minuto 2, os nosos adiantáronse no marcador. Teofilovic recuperou un balón na presión, cedeulla a Dani González e este filtrou un pase ao oco para Buba, quen non perdoou diante da portería rival e puxo o inicial 1-0.
Lonxe de baixar o pé do acelerador seguiu apertando o Compos. Ao minuto 5, Roque filtrou un gran pase ao oco para Teofilovic, quen a cedeu atrás para un Dani González que non logrou rematar limpo dentro da área polo bo facer da defensa rival. Continuou o asedio local, xa que tan só un minuto despois, Buba puxo un excelente centro dende o sector esquerdo para Teofilovic, pero o dianteiro serbio non chegou a rematar en boca de gol debido á gran intervención da zaga astorgana.
Respondeu rápido o Astorga, pois no minuto 7 Ángel Cerveró estrelou o balón na madeira logo dunha boa xogada colectiva polo sector esquerdo. O nosos non deixáronse amedrentar, e Buba probou un lanzamento potente e moi afastado coa zurda que se foi rozando a travesa.
Despois de varios avisos, finalmente chegou o segundo tanto para os nosos. Tras unha boa recuperación de Dani González, Rafa de Vicente puxo a correr a Roque, quen meteu un pase milimétrico para a incorporación de Unai Peón. Este non fallou e definiu forte a media altura para poñer o 2-0 ao minuto 23, no que é o segundo gol do novo guipuscoano no que vai de curso (ambos anotados en San Lázaro e con posterior vitoria).
Con dous goles de vantaxe no marcador, o Atlético Astorga empezou a ter maior cota de posesión que o Compos, aínda que sen apenas xerar perigo para a meta de Edu Sousa. O único aviso chegou ao minuto 24, pouco despois do gol de Unai Peón, cando Albertín realizou unha boa xogada por banda dereita e centrou ao corazón da área. Roque, providencial, peiteou o xusto para evitar o remate dentro da área pequena de Cerveró.
Cando estaba a piques de finalizar a primeira metade, os nosos asestaron outro duro golpe. No minuto 38, Roque volveuse erixir protagonista e enviou un gran pase longo para Teofilovic. Este cedeuna atrás para un Dani González que non perdoou coa zurda, a pesar da saída do gardameta Meykher para achicar espazos. Con 3-0 a favor chegaba o Compos ao tempo de lecer, no que é ata o momento a mellor primeira parte dun equipo do Grupo 1 de Segunda Federación a nivel goleador.
Tras o paso polos vestiarios, o Compostela tívoa para facer o cuarto. Foi ao minuto 49, nunha falta situada preto da media lúa que Jordan executou de forma precisa, aínda que o balón topouse co traveseiro. Os minutos foron pasando e o Atlético Astorga foi ao ataque en busca do seu primeiro tanto, o que provocou algunha ocasión que incomodou a portería defendida por Edu Sousa.
A primeira chegou no minuto 50 cun trallazo raso de Jesús Hoyos que se foi lambendo o poste. Só seis minutos despois, o noso gardameta tivo que facer unha intervención de mérito para deter un bo disparo de Guti. Os visitantes seguiron apretando e dispuxeron dunha nova chance no minuto 58, pero Jordan e Edu Sousa estiveron atentos para evitar o chute de Guti dentro da área compostelá.
Carlos de Lerma decidiu axitar a árbore e dar entrada a varios homes de refresco. Un deles, o regresado de lesión Edu González, estivo a piques de anotar o cuarto gol no minuto 70 logo dun gran centro de Jordan. Desafortunadamente, os centrais do Astorga impedíronlle un remate cómodo facendo caer ao noso atacante madrileño.
O cadro visitante continuou co seu ímpeto ofensivo, e no minuto 72 obtivo a súa recompensa. Martín realizou unha boa descarga de tacón para o recentemente incorporado Morais, quen lla deixou en bandexa a Jesús Hoyos para que este puxese o 3-1 no marcador.
Reaccionou de inmediato a Esedé. Ao minuto seguinte do gol rival, Parapar filtrou un gran pase para Buba dentro da área. O xerundense, despois dalgún rexeite, tirou un gran sombreiro e logrou desfacerse do seu defensor, pero xusto cando estaba a armar a perna apareceu Palomeque para evitar que o noso dianteiro rematase a portería.
O propio Palomeque sería protagonista dous minutos máis tarde, no 77, pois cometeu unha falta clara sobre Edu González cando o atacante se ía dirección portería, o que lle custou o segundo cartón amarelo, e, en consecuencia, a expulsión. O Atlético Astorga quedaba con dez.
Xa cun futbolista máis sobre o verde, o Compos recuperou o dominio que perdera en posesión, o que desembocou en varias ocasións locais para pechar o encontro. A primeira foi no minuto 80, nun córner botado por Jordan que Miguel Prado cabeceou alto tras impoñerse por arriba á defensa castellanoleonesa.
Seguiu apertando o Compos cun Jordan de novo protagonista. O lateral ourensán filtrou un gran pase para un Uzal que entrara desde segunda liña. O coruñés púxoa atrás para o ingresado Mario Hermo, quen rematou só no sector esquerdo dentro da área. Porén, a gran intervención de Meykher evitou momentaneamente o 4-1 local. Malia que Edu González anotou en segunda instancia, o asistente ergueu a bandeira por posición antirregulamentaria.
Insistiu o cadro picheleiro, cun Buba que protagonizou unha das súas cabalgadas xa habituais no Vero Boquete. Foi no minuto 83 cando o nove de Girona gañou a carreira a toda a zaga astorgana polo sector dereito. Chegou forzado e exhausto, pero logrou sacar un potente e alto disparo co pé dereito que se chocou co ferro da portería rival.
O punto final poñeríao novamente Dani González. O centrocampista cántabro culminou a súa excelente actuación cun gol ao minuto 93, tras un gran pase atrás de Edu González. Ao cumprirse os catro minutos de tempo engadido, o colexiado pitou o final do partido e a bancada explotou en aplausos.
Ao obter estes tres puntos fronte ao Atlético Astorga, o plantel dirixido polo Puma queda con dez puntos na zona media alta da táboa clasificatoria. A próxima cita para os nosos será o sábado 24 de outubro ás 17 horas en Asturias, rendendo visita ao campo do Llanera.
FICHA TÉCNICA
4- SD Compostela: Edu Sousa, Jordan, Roque, Diego Uzal, Pablo Crespo, Turby (Mario Hermo, min.63), Rafa de Vicente (Miguel Prado, min.69), Unai Peón (Parapar, min.63), Dani González, Buba (Antón Guisande, min.84) e Teofilovic (Edu González, min.63).
1- Atlético Astorga FC: Meykher, Sergio Peláez (Chris Bueno, min.88), Palomeque, Alfonso Peral, Gabri, Urko (Pesqueira, min.46), Albertín, Martín Rafael (Ribeiro, min.88), Guti (Morais, min.68), Jesús Hoyos e Ángel Cerveró (Guillem, min.68).
Goles: 1-0: Buba, min.2; 2-0: Unai Peón, min.23; 3-0: Dani González, min.38; 3-1: Jesús Hoyos, min.72; 4-1: Dani González, min.90+3.
Árbitro: Hugo Alonso Luiña (Asturias). Amoestou ao xogador da SD Compostela Roque (min. 82); e ao xogador do Atlético Astorga Palomeque (min. 63). Expulsou ao xogador do Atlético Astorga Palomeque por dobre cartón amarelo (min.77).
Incidencias: partido disputado no Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela) correspondente á xornada 7 de Liga do Grupo 1 da Segunda Federación. Asistiron ao encontro 1.037 espectadores. Ao finalizar o encontro realizouse un simulacro de evacuación total do estadio.
















