-
Os nosos xogarán este domingo ás 17 horas na Lomba fronte ao Arosa nun campo onde xa gañaron o curso pasado por 0-2 con dous goles de Guisande
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2026
A SD Compostela afrontará esta fin de semana o segundo derbi galego no que vai de tempada. Os nosos viaxarán ata Vilagarcía para medirse ao Arosa no encontro correspondente á décima data do calendario do Grupo 1 da Segunda Federación. Despois de merecer máis no 0-0 ante o Basconia, o equipo está listo para resarcirse rapidamente e ir á Lomba a por unha nova vitoria.
O cadro dirixido por Carlos de Lerma encadea catro xornadas consecutivas sen coñecer a derrota, tres delas saldadas con vitoria. A pesar do empate sen goles da semana pasada contra o Basconia en San Lázaro, o conxunto branquiazul vén de gañar a domicilio fronte ao Coruxo (0-1) e ao Llanera (1-3). Con esta dinámica, o equipo irá ata A Lomba en busca da súa terceira vitoria seguida lonxe de casa, un rexistro que non se consegue desde a tempada 2022-2023.
En fronte estará un Arosa situado en postos de playout con 8 puntos, oito menos que o Compos, pero que chega ao choque tras rescatar de forma in extremis un empate a tres no campo do Portugalete. Ademais, os arlequinados gañaron ao Pontevedra na Copa do Rei e están clasificados para a rolda de 1/32 da competición do KO.
O noso técnico valorou moi positivamente “a competitividade, a rotación e a capacidade de darlle a volta ao marcador nos minutos finais” por parte do rival. Con todo, no corpo técnico cren que todo iso debe servir de motivación para estar aínda máis concentrados do habitual, pois pola contra será un partido moi adverso.
O duelo desta semana supoñerá un novo capítulo no clásico enfrontamento entre arosanos e composteláns, un choque moi disputado e ocorrido con frecuencia ao longo da historia. Nos seus útlimas dúas visitas á Lomba, o Compos obtivo os tres puntos.
De feito, ambos os conxuntos militaban o curso pasado en la Terceira Federación, e aínda que foi finalmente o Arosa quen ascendeu de xeito directo, os nosos conseguiron impoñerse e saír vitoriosos dos dous duelos directos (1-0 e 0-2). En relación con iso, o Puma recoñeceu que o partido “pode ser unha motivación extra para algún xogador”.
Por outra banda, novembro preséntase como un mes desafiante para os nosos, pois alén do partido contra o Arosa, o Compostela medirase ao Ourense CF e ao Bergantiños en San Lázaro, e deberá viaxar ao País Vasco para visitar ao Alavés B.
Carlos de Lerma cualificou o calendario de “apaixonante” e asegurou que o equipo deberá seguir sendo fiel a aquilo que ata o momento lle deu bos resultados, coa agresividade e a presión alta como principais sinais de identidade.
A dispoñibilidade do persoal rozará o cento por cento, pois salvo o aínda rengueante Armental, o resto dos futbolistas están dispoñibles para xogar na Lomba. Será mañá cando o técnico estremeño deba tomar as decisións coa convocatoria, nunha lista na que terá que deixar fóra “a futbolistas que merecen xogar”.
Así mesmo, o técnico estremeño agradeceu o esforzo e a profesionalidade do club e do corpo técnico, e destacou que “tanto as instalacións como a xestión das cargas físicas” permiten que ata o momento o número de futbolistas lesionados sexa mínimo.
O preparador da Esedé tamén puxo en valor o papel da afección desde a súa chegada a terras santiagueses. Carlos de Lerma mostrouse sorprendido polo gran arroupo e a comuñón que existe coa bancada, o cal “motiva, xera confianza no proxecto e esperta fame por querer gañar fóra de casa”.
O Compos encara este partido coa máxima ambición de levars os tres puntos da Lomba. O cadro santiagués ocupa a sexta posición con catorce puntos, a dúas unidades dos postos de playoff de ascenso. Unha hipotética vitoria asentaría ao equipo na zona nobre da táboa antes de afrontar o próximo derbi galego contra o Ourense FC no Verónica Boquete de San Lázaro.



