Santiago de Compostela, a 31 de Outubro de 2016.
A SD Compostela perdeu, na tarde de onte, a imbatibilidade en San Lázaro, despois de caer derrotado por 2-3, no mellor partido realizado no que vai de tempada. O CD Barco aproveitouse das circunstancias que lle foron favorables no encontro, para sacar tres puntos moi valiosos ante un rival que os superou, como dixo o seu adestrador Javi Rey, “en todas as facetas do xogo”.
O primeiro detalle que marcaría o choque a favor dos ourensáns ocorreu nada máis comezar o partido. Aos 90 segundos do mesmo, Ivi Vales aproveitaba o espazo que lle deixaron no bordo da área, para lanzar un zapatazo que entrou pola escadra de Manu Cedrón.
Pese ao gol, o Compos non veu abaixo e comezou a xerar un gran fútbol, con fermosas combinacións e perigosos achegamentos. Como dixo Yago Iglesias en rolda de prensa, “quizais nos faltou profundidade nese primeiro tempo”.
En total, puidemos contar ata tres ocasiones clarísimas de gol. A primeira, de Diego Rey, que tras unha longa posesión, recibiu o balón só na área, picoulla ao porteiro, pero un defensa sacouna na liña. A segunda, un disparo forte e abaixo de Julián, que sacou Vicente, porteiro que debutaba onte en Liga, cunha marabillosa parada. E a terceira, outra gran parada do meta visitante a un disparo de Make desde a frontal.
Xa na segunda metade, en busca de lograr esa profundidade que lles faltou na primeira, Yago deu entrada a Mon no lateral esquerdo. O Compos embotellou ao Barco e en cinco minutos tivo dúas moi claras. Primeiro cun remate de Santi nun córner e despois cun lanzamento de Tomás que rebotou no traveseiro da portería de Vicente e foise fóra.
Tamén é certo, que co Compos tan ao ataque, os ourensáns tiveron dúas oportunidades claras. Javi Ballesteros desaproveitaba un man a man con Manu Cedrón, nunha rápida contra, e David Álvarez a punto estivo de sorprender ao meta lucense cun disparo desde o centro do campo que salvou este a córner.
Con todo, o fútbol que estaban a xerar os santiagueses era moi bo e volveron telas. De novo Vicente lucíase tras un lanzamento de lonxe de Martín, que acababa de entrar ao campo por Diego Rey, e no rexeite do mesmo volvía repetir parada contra Santi.
E no 62, a ocasión máis incrible que se puido fallar na tarde de onte. Julián chegou á liña de fondo, deu o pase da morte, e primeiro non chega Martín e despois Tomás, a un metro da liña e a portería baleira, mandaba o balón ao traveseiro e despois este botaba na liña. Estaba claro que non era o día.
O peor foi que aos tres minutos, o árbitro sinalaba un máis que discutido penalti a favor do Barco, nunha caída na área de Ivi Vales. Na xogada, sacaba amarela a David Rey, Rubén García metíao, e na celebración, segunda amarela para David Rey por protestar, cando asegura que non lle dixo nada. Unha actuación moi rigorosa do árbitro na xogada, pero que non serviu para acabar coas esperanzas santiaguesas.
Con defensa de tres e David Nogueira xa no campo, a SD seguiu encerrando aos de Valdeorras, a pesar de ter un xogador menos. Primeiro tentábao Martín, pero íaselle arriba o disparo, e no 75, nun córner a favor, Tomás recollía o balón na frontal pegáballe mal, e o rexeite recollíao David Nogueira, que primeiro o controlou e despois empuxouno á rede, 1-2.
No 78, nunha falta na frontal, Mon mandaba o balón á escadra, pero este daba no traveseiro e volvía botar na liña e no seguinte minuto por fin chegaba o merecido empate. Mitogo sacouse un tremendo disparo á media volta desde fóra da área que entrou pegado ao poste dereito da portería de Vicente.
O Compos lograra o máis difícil, igualar o choque cun menos, pero seguiu insistindo e puido anotar o terceiro, nunha xogada na que o árbitro volveu actuar dunha maneira moi rigorosa.
Pase entre liñas de Tomás, Saro entra desde o lateral, agárrano claramente, pero segue correndo, recíbea, dá o pase da morte e ninguén chega a rematar. Os xogadores piden penalti, pero o linier comenta que o árbitro deu lei da vantaxe. Xogada continuada nun penalti, o nunca visto.
E na contra desta xogada, Ivi Vales regatea ao seu defensor, cédella para David Álvarez, quen mandaba o balón raso e pegado ao pau da portería de Manu, facendo inútil a estirada do meta.
Todo un xerro de auga fría para un Compos que o deu todo e que mereceu moito máis do que reflectía o marcador. Quedaban 5 minutos aínda para o final do partido, pero o equipo estaba morto fisicamente e o Barco, que aínda realizou dous cambios nese tempo, puido aumentar a renda de non ser por dúas grandes paradas de Manu.
2-3 final e os tres puntos que se escapaban para Ourense no mellor encontro visto no que vai do ano. Un partido de superior categoría, tal e como reflectiron os dous técnicos, no que se viu un Compos moi similar ao que desexa Yago. Ás veces o fútbol non é xusto, pero xogando así, moitas vitorias chegarán.
FICHA TÉCNICA
2- SD COMPOSTELA: Manu Cedrón; Saro, David Rey, Taboada, Cabrejo (Mon, m.45); Make, Julián; Diego Rey (Martín, m.58), Tomás, Mitogo; e Santi Gegunde (David Nogueira, m.63).
3- CD BARCO: Vicente; Omar, Oscar Loza, Pablo Corzo, Deivis (Brais Meco, m.81); Recaman, Rubén García, Cristobal Juncal, Ivi Vales; David Álvarez (Gunty, m.91) e Javi Ballesteros (Ramos, m.86).
Goles: 0-1: Ivi Vales, min.1; 0-2: Rubén García, min.66; 1-2: Nogueira, min.75; 2-2: Mitogo, min.79; 2-3: David Álvarez, min.85.
Árbitro: Álvarez Calderón, colexio vigués. Expulsou a David Rey, por dobre amarela nos locais, e cartón marelo a David Álvarez, por os visitantes.
Incidencias: Encontro da undécima xornada de Liga, disputado no Estadio Municipal de San Lázaro ante 834 espectadores.