Santiago de Compostela, a 17 de Xaneiro de 2017.
As categorías inferiores da Sociedade Deportiva Compostela xogaron esta fin de semana a súa segunda xornada tras o parón do Nadal, uns partidos nos que a sorte lles foi esquiva na maioría dos casos. O xuvenil B e o infantil B foron os triunfadores do finde, mentres que o alevín A e o benxamín, fallaron no seu debut na segunda fase do campionato.
Un dos derrotados da xornada foi o xuvenil de Liga Nacional, que xa suman cinco xornadas sen coñecer a vitoria. Esta vez, perderon na súa visita ao difícil campo de Fragoselo por 2-0 ante o Coruxo.
Os xogadores de Vecho tentarán romper con esta mala dinámica, cun triunfo en casa ante o Calasancio, o sábado ás 16h nas Cancelas.
A diferenza do A, o xuvenil de comarcal sumou unha importante vitoria na casa ante o Sálvora por tres goles a cero. Adrián López no 43, Daniel Abeijón no 68 e Gillén Rivas no 81 foron os autores dunhas dianas que permiten ao Compos sumar tres novos puntos que o colocan undécimo con 22, empatado co Noia.
O equipo de Ángel Domínguez tentará repetir resultado no seu próximo partido, aínda que a tarefa non será nada sinxela, xa que se enfrontan ao Conxo B, terceiro clasificado con 35 puntos. O partido xogarase o sábado ás 16h na Merced.
Precisamente ante o Conxo perdeu o Cadete. O conxunto branquiazul caeu por un axustado 3-2, nos que Celestino Gutiérrez e Santiago Ibáñez foron os autores dos goles visitantes.
Aínda así, os cadetes mantéñense décimos con catro puntos de vantaxe sobre o seu inmediato perseguidor, do que tentarán distanciarse cunha vitoria ante o Amio SD, o domingo ás 9:30h nas Cancelas.
Igual sorte correu o Infantil A que xogaba un partido moi importante contra o líder da categoría, pero que non puido traer ningún punto para casa.
Os branquiazuis puxéronse por diante no marcador co tanto de Anxo Ferro no 18, pero o Valiño Cabo de Cruz remontou grazas ás dianas de Anxo Ramos, Eloy Ozores, Alan Davila e de novo Eloy.
Con esta derrota, quedan cuartos con 40 puntos, empatados cos terceiros e a cinco dos líderes. Esta vantaxe tentarán recortala gañándolle ao Oroso, sexto clasificado con 37 puntos, o sábado ás 10h na Merced.
Si triunfaron os infantís de segunda autonómica, gañando por 0-3 ao Amio coa achega goleadora de Carlos Permuy, Mauro Iglesias e Iván Vilaseco.
Situado na metade de táboa, xogarán este domingo ás 9:30h en Villestro contra o CD Dodro.
En canto aos alevíns, o A comezou a segunda volta da competición, aínda que non con moita sorte. O A, no playoff de ascenso, perdeu na casa ante a SD Villestro por 0-2, polo que quedan undécimos. Para sumar os seus primeiros puntos, xogarán o sábado ás 12:45 no campo anexo Manuel Anxo Cortizo contra as EF Lalín.
Pola súa banda, o B empatou en casa contra o Amio SD a un gol, o cal marcou Etien Pignol. Con este punto están oitavos con 14, número que tentarán ampliar cunha vitoria ante o CF Vista Alegre, o sábado ás 12:30 nas Cancelas.
Por último, o benxamín perdeu no comezo da segunda fase ante o Vitoria por 2-1. O gol de Giovanny Galo foi insuficiente para sumar algún punto. Sextos clasificados, xogarán contra o AD Manuel Peleteiro, sábado ás 10:30h nas Cancelas.
Ademais, citar que a xogadora Antía Gómez foi citada coa selección de Santiago sub 15 para un adestramento que se celebrará o xoves ás 16:30 no campo Municipal da Barrosa.