
Santiago de Compostela, a 19 de Febreiro de 2017.
Regreso á vitoria. A Sociedade Deportiva Compostela, logo de empatar o seu último partido ante o As Pontes, volveu sumar de tres na súa praza favorita, o Estadio de San Lázaro. Esta vez foi o Dubra o que se viu superado por un Compos que vai de menos a máis e xa suma seis partidos sen perder nesta segunda volta.
O derbi foi máis igualado do que moitos puidesen pensar. Os amarelos defenderon con uñas e dentes, complicando o ataque dun Compostela que só conseguiu mandar o balón á rede en dúas ocasións, ambas as veces por medio de Recoba. Polos visitantes, foi Gonzalo o que conseguiu superar a Lucas.
Tal e como era de esperar, o Compos saíu un día máis a San Lázaro en plan dominador. Os branquiazuis quixeron e tiveron o balón desde o primeiro minuto pero, a diferenza doutros encontros, esta non permitiu que chegasen ocasións claras de gol. De feito, a máis clara na primeira media hora tívoa Cardeñosa, nunha xogada ensaiada que acabou cun cabezazo do central que se foi ao lateral da rede.
E á seguinte que tivemos, no 43, chegou o gol. Unha xogada combinada, de lado a lado, e que acaba cunha obra mestra. Tomás encara ao central, déixaa por unha banda para a entrada de Recoba e “O Messi da Terceira” supera a Iván Couto cunha picadiña sublime. Un tanto moi bo no que se demostrou a calidade do ’10’ santiagués. Un gol tamén psicolóxico polo minuto no que chegou.
Á volta do descanso, a dinámica seguiu sendo a mesma, aínda que o partido rompeu un pouco máis e houbo máis aproximacións. Primeiro o Compos tívoa nunha xogada similar á do primeiro gol, pero esta vez Recoba non superaba a Iván tras a asistencia de Saro. E despois respondía o Dubra cunha xogada ensaiada, na que o balón merodeou por diante da liña de gol, pero Cardeñosa conseguiu cortalo a córner, cando o dianteiro visitante xa estaba a soñar co tanto.
Un aviso dos visitantes que non amendrentou a un Compos, quen cun disparo de Martín desde o bordo da área e outro de Rubén con todo a favor tivo o segundo, pero ambos se foron rozando o pau.
Foi o preludio do gol visitante. Aproveitando a descolocación dos branquiazuis, tras gañar o segundo balón nun saque de portería de Lucas, abrían para Ferreiro á esquerda e este centraba ao segundo para un Gonzalo que só a tivo que empuxar.
Duro momento para os locais, que reaccionaron rápido grazas á achega de Nogueira, que entrou ao campo tras o gol visitante. Un gran movemento de Yago que decidiu meter no campo a un xogador que lle ía a achegar garra e loita, ademais de pernas frescas, unhas características que se viron á luz no segundo tanto, tan só tres minutos despois de entrar.
Montaba a contra o Compos coa condución de Tomás, o cal era agarrado por Adrián Vázquez nunha clara falta, con todo, a diferenza de moitos outros, Nogueira recolleu o balón solto e decidiu continuar, polo que o árbitro deu a lei da vantaxe. O dianteiro encarou ao seu lateral, levouno por velocidade e puxo un centro medido ao punto de penalti, onde entrou Recoba para empuxala á rede. Golazo.
Esta vez o Compos xa non se deixou sorprender e controlou o partido sen problemas ata o asubío final. Mesmo puido aumentar a conta, pero desaproveitaron un tres para un xa no desconto. Foi a última dun novo triunfo do Compos, o quinto en seis partidos, e o terceiro consecutivo en casa.
Os tres puntos quedaron na casa no derbi e o playoff xa está a catro puntos, unha liña que marca o Vilalbés, rival o vindeiro sábado dos santiagueses. Mentres San Lázaro siga sendo un fortín, a loita polos postos altos da clasificación está asegurada.
FICHA TÉCNICA
2- SD Compostela: Lucas; Saro, Cardeñosa, Uña, Cabrejo (Samu, m.81); Mon, Make; Tomás, Recoba, Rubén (Nogueira, m.75); e Santi Gegunde (Martín, m.58)
1- SD Dubra: Iván Couto; Juan Caneda, Bendaña, Munín (Iván Facal, m.77), Diego Gesto; Mariño, Leites (Pablo Baleato, m.87); Ferreiro (Dani Moto, m.75), Adrián Vázquez, Gonzalo; e Eloy.
Goles: 1-0: Recoba, min.43; 1-1: Gonzalo, min.72; 2-1: Recoba, min.78.
Árbitro: Castro Alarcón, colexio pontevedrés. Amoestou a Make, Mon e Uña, polos locais e a Juan Caneda e Adrián Vázquez, polos visitantes.
Incidencias: Partido da vixésimo sexta xornada de liga de Terceira División disputado no Estadio de San Lázaro ante 765 espectadores.