Santiago de Compostela, a 8 de Maio de 2017.
A xornada de Liga para as categorías inferiores da SD Compostela trouxo consigo boas novas para varios conxuntos, no final da competición doméstica dalgúns deles.
A mellor de todas foi a vitoria do Xuvenil B ante o Dubra, resultado co que se salvan do descenso directo, aínda que dependerán de arrastres. Tamén caben destacar os triunfos do cadete, no último encontro de liga, e do benxamín, no playoff.
Debido á súa maior relevancia, en primeiro lugar, destacamos o triunfo dos xuvenís. Os mozos santiagueses mostraron a súa mellor cara, tras a dura derrota do sábado pasado, e superaron ao terceiro clasificado, o Dubra. Tres puntos vitais, xa que con eles escaparon do posto de descenso, á vez que adiantaron ao CSD Arzúa.
Para logralos, o equipo branquiazul beneficiouse dos tantos de Daniel Abeijón, no final da primeira metade, e de Álvaro Fonte, ao comezo da segunda. Os goles chegaron en momentos psicolóxicos e permitiron selar o resultado final de 2-0, para os da capital.
Agora, tras este marcador, os rapaces canteiráns terán que esperar arrastres de Nacional e Galega. Co seu décimo terceiro posto, cun ascenso dalgún dos equipos da súa zona deberíalles bastar, pero terán que esperar.
Antes xogarán a Copa de Santiago contra o CD Conxo, o domingo ás 12h en Cancelas.
O mesmo resultado que eles, aínda que en contra, foi o que sufriu o Xuvenil de Nacional ante o Deportivo, aínda que se foron de baleiro con moita honra, xa que conseguiron poñer contra as cordas ao filial deportivista, que só se puido relaxar tras o seu segundo tanto no minuto 86.
Pese ao resultado seguen duodécimos, pero o descenso achégaselle a catro puntos. Por iso, sería vital un triunfo nas Cancelas, o vindeiro sábado ás 17h ante o Villalbés, conxunto que agora mesmo está cuarto, pero no segundo lugar para ascender a División de Honra.
En canto ao Cadete, asegurou a súa décima praza na súa dura visita ao CD Boiro, conxunto ao que lle venceu por 1-4, mercé ao dobrete de Raúl García e aos tantos de Marcos Andrade e Rodrigo Guada.
Tras este gran final de curso, agora tocaralles enfrontarse ao Amio SD nos cuartos de final da Copa de Santiago, o domingo ás 10:15 no Municipal do Sergas.
Outro que terminou, aínda que no seu caso terán que loitar agora na fase de ascenso, foi o Infantil A. Estes terminaron cunha derrota por 2-1 ante unha UD Bastavales que se xogaba a vida. Mentres, eles xa tiñan asegurada a cuarta praza. O autor do tanto branquiazul foi Gerardo Lago, no 42.
Agora, e antes de enfrontarse ao Cabo da Cruz na primeira eliminatoria, contra o que xogarán o 20 a ida en Boiro e o 27 a volta na casa, pelexarán contra o SR Calo, na Copa do Sar. O encontro xogarase o venres ás 17:30 no Municipal de Rebordelo.
En relación ao Alevín A, acabaron o seu playoff polo título cunha avultada derrota por quince a cero ante o Xuventude Oroso, conxunto que ao cabo foi o campión da comarca.
E por último, o Benxamín sacou os tres puntos ante a Escola Deportiva Santiago, cunha remontada antolóxica. Os nenos do Compos souberon levantar o 0-2 inicial dos primeiros quince minutos, cun hat trick de Abril Pazos, que segue demostrando o seu gran nivel.
Despois deste triunfo, os branquiazuis teñen un pouco máis preto a salvación, xa que sacan 5 puntos aos postos de perigo. O seu inmediato perseguidor é o Compañía de María, rival ao que poden afastar aínda máis se lles gañan na próxima xornada, que se disputará o xoves ás 19:45h en Santa Isabel.