
-
Diego Rey, Tomás, Ube e Santi foron moi importantes no plantel do ano pasado.
-
Todos coinciden na gran variedade de recursos que teñen no mediocampo e arriba.
-
Los Ángeles Gas será o subministrador único de combustible da SD Compostela, con desconto de 3 cénts/litro para cada socio cos cupóns que poden conseguir nas oficinas.
Santiago de Compostela, ao 7 de agosto de 2017.
Álex Ubeira, Tomás Abelleira, Santi Gegunde e Diego Rey foron catro dos futbolistas máis utilizados por Yago Iglesias o ano pasado. Todos eles tiveron un papel moi importante, sendo os tres últimos os máximos goleadores dos branquiazuis.
Con todo, neste comezo de tempada, mercé á gran variedade de recursos existentes na parcela ofensiva víronse relegados a un segundo papel, aínda que van gañando minutos e confianza co paso das semanas.
TOMÁS ABELLEIRA
O mediapunta pontevedrés, tras un final de campaña no que unha lesión o apartou do equipo, espera recuperar as sensacións do comezo do 2016, no que foi un xogador capital no once santiagués. “Individualmente, espero mellorar a primeira volta e superar amplamente a segunda”, analiza.
A pesar de comezar desde o banco, Tomás saca un punto positivo destas xornadas: “Gañamos, polo que hai xente que o está facendo mellor”. Axuda a isto, a enorme cantidade de alternativas que ten Yago na parcela ofensiva, cunhas fichaxes “que se complementan ben aos que quedamos, xa que xogan similar, e que non lles custou nada adaptarse”. Tras ser o primeiro troco ante Ribadumia e Laracha, espera dar o salto ao once inicial, aínda que “iso só o sabe Yago”.
SANTI GEGUNDE
O dianteiro Santi Gegunde, despois dun ano no que foi a referencia atacante da SD Compostela, comeza un novo curso con moita competencia no seu posto, algo que considera positivo. “Somos bastante distintos e complementámonos ben”, asegura.
Neste comezo de ano, o equipo está a facer gol con moita facilidade, algo que se consegue grazas a que “as novas fichaxes están a achegar moito, sobre todo arriba”, polo que argumenta que a pouco que melloren atrás, chegarán máis triunfos.
A nivel persoal, agarda “ter máis minutos e a partir de aí chegarán os goles”. De momento leva xa un, na primeira xornada ante o Silva.
ÁLEX UBEIRA ‘UBE’
Ube, mediocentro que se asentou no once inicial na segunda parte do campionato, comezou con moi mal pé, tras a súa lesión no partido contra o CD Lugo. “Ao principio parecía que era menos, pero ao final é unha fisura. Faremos unha proba para a semana e esperemos que os resultados sexan positivos para comezar canto antes a entrar co grupo”, comenta.
O vigués sabe que “unha lesión é unha pedra no camiño”, aínda que asegura que seguiu traballando para chegar o máis forte posible a un equipo no que “hai xogadores moi competentes en todos os postos, que cumpren en todos os partidos e que fan un gran xogo. Ademais, temos moito potencial ofensivo e creo que é a liña para seguir e esperemos que o manteñamos todo o ano”, explica.
DIEGO REY
O pichichi do curso pasado comezou o ano cun tratamento nos seus xeonllos que “vai un pouco máis lento do que parecía ao principio”, pero tras meses de recuperación “xa estamos na recta final e creo que nun par de semanas ou tres estarei ao 100%”.
O extremo lucense ve un plantel que ten moito gol, polo que tentará achegar o máximo posible. Diego Rey cre que “podo dar máis verticalidad, máis profundidade, pero estamos a conseguir iso nos tres primeiros partidos, polo que está complicado entrar”. Así, asegura que “non me corre maior présa entrar no equipo, senón facelo no momento no que se necesite máis”.
CONVENIO LOS ÁNGELES GAS
A cadea de gasolineiras Los Ángeles Gas converteuse, esta tempada, no subministrador único de combustible da SD Compostela. Os abonados do club poderán recoller nas oficinas da entidade, no Estadio de San Lázaro, uns vales como os que ven na parte inferior da noticia, cos que terán un desconto de 3 céntimos por litro nas estacións de servizo da marca. Estes vales tamén serán repartidos durante algúns partidos, como premio pola fidelidade co equipo.
As gasolineiras nas que se pode conseguir o desconto, presentando o vale, son as seguintes: E.S. Manzaneda, S.A (Crta. Santiago-Noia km.9); E.S. Lapido S.L. (Crta. Santiago-Noia km.5); Gasóleos Compostela 2000 S.L. (c. Juan Carlos I, Santiago); E.S. Aeroporto-Santiso S.L. (Santiso, O Pino); E.S. Compostela S.L. (Rúa Amio, Costa Vella); E.S. LAG Xallas S.L (Avda. Brasil, Santa Comba); E.S. LAG Oleiros S.L. (Perillo, Oleiros); E.S. LAG Méndez Núñez (Avda. Alférez Provisional, A Coruña); LAG Martelo ( Crta. Santiago-Noia km.23); e LAG Trans-Oil S.L. (Avda. Noia, Brión).
Lembrar por último, que para contar con estes vales, poden facerse socios da SD Compostela con desconto ata este venres, día 8 de setembro.