O Compos cae de pé ante o Villalbés

1 de Maio de 2019
Momento do remate de Miki no gol, nun partido patrocinado por Mahou. Foto: Amadeo Rey.
Momento do remate de Miki no gol, nun partido patrocinado por Mahou. Foto: Amadeo Rey.
  • Os branquiazuis foron superiores aos lucenses, pero careceron de fortuna

Santiago de Compostela, a 1 de Maio de 2019.

A SD Compostela caeu por segunda xornada seguida, malia que o fixo de pé. Os branquiazuis foron superiores ao Racing Villalbés, pero acusaron a enorme efectividade dos visitantes, capaces de anotar nas súas dúas únicas aproximacións. A pesar da insistencia, e en contra do vento, o Compos mereceu maior fortuna.

Villares adiantou aos visitantes no seu primeiro disparo a porta, ao fío do descanso, vantaxe neutralizada por Miki, cun remate de cabeza. Con todo, a través doutro cabezazo, obra de Xusto, os tres puntos viaxaron para Lugo.

Chegaba o Compos ao Vero Boquete con sede de vitoria. Os branquiazuis, con varios cambios no once titular, buscaban volver sumar de tres ante o seu público e recuperar sensacións neste final de liga. Con todo, os nosos atopáronse cun Villalbés que plantou dúas liñas de cinco enfronte da súa área e que tapaba todos os ocos posibles a través da acumulación de xogadores.

Ao mesmo tempo, o vento furacanado complicaba aínda máis a elaboración do xogo de ataque, polo que o partido avanzaba con continuas interrupcións no xogo. Nunha delas, e tras varios minutos colocando os valos que voaran, os visitantes atoparon un premio excesivo.

Santi Taboada colgou a falta á área, a defensa despexouna, pero o rexeite caeu na frontal a Villares, quen soltou un gran disparo colocado que acabou na rede tras pegar no pau.

Era o minuto 42 e os nosos víanse por detrás despois de dominar todo o período. A pesar diso, á saída dos vestiarios, o equipo imprimiu unha marcha máis e comezou a asediar sobre a área de Pita. Primeiro, Aythami marrou de cabeza na área pequena tras centro de Marcos Remeseiro, cando tiña todo a favor, e ao minuto, o propio mediocentro coruñés enviou fóra tamén coa testa ao balón colgado por Naveira.

E tanto foi o cántaro á fonte, que á terceira foi a vencida. Esta vez foi Brais Abelenda o que puxo o esférico ao segundo pau e Miki, que acababa de entrar ao campo, puxo o empate coa cabeza. O de Nigrán entrou desde atrás e rematou de primeiras ao fondo da rede, logrando o seu segundo tanto da tempada.

Con todo, a pesar da insistencia, o Villalbés púxose de novo en vantaxe no seu segundo achegamento de todo o partido, con claro protagonismo de Santi Taboada. O ex do Compos lanzou unha falta con potencia que tivo que despexar a córner Anxo e, desde a esquina, colgou ao primeiro pau á entrada de Xusto. O central gañou o salto e superou ao porteiro cun gran testarazo.

Ao verse por detrás, os branquiazuis lanzáronse ao ataque, a pesar das continuas perdas de tempo dos visitantes, e tiveron o empate en dúas claras opcións. A primeira, unha falta botada por Álex Ares ao punto de penalti á que non chegou Remeseiro por culpa dun claro agarrón non sinalado polo árbitro. E no desconto, a segunda chegou cun remate de primeiras de Mon, tralo centro atrás de Miki, que se foi rozando o pau.

O marcador xa non se moveu e os lucenses celebraron unha vitoria que case lles certifica a salvación. Pola súa banda, o Compos terá que agardar unha xornada máis para asegurar o playoff, ao que poderán achegarse se superan ao Ribadumia o domingo ás 19.00 horas no Campo da Senra.

FICHA TÉCNICA:

1- SD Compostela: Anxo Pérez; Sergio Pereira (Santi, m.73), Álvaro Casas, Piscu, Naveira; Mon, Marcos Remeseiro (Rubén, m.81); Josiño (Miki, m.57), Álex Ares, Brais Abelenda; e Aythami.

2- Racing Club Villalbés: Pita; López, Vérez, Xusto, David Buyo; Javi Varela, Santi (Arón, m.87); Jose Varela, Villares (Diego Rey, m.68), Denis (Make, m.60); e Javi Ballesteros.

Goles: 0-1: Villares, min.42; 1-1: Miki, min.65; 1-2: Xusto, min.72.

Árbitro: Rodríguez Campos, colexio coruñés. Amoestou a Sergio Pereira e Piscu, polos locais; e a Santi, polos visitantes.

Indicencias: Partido da trixésimo quinta xornada de liga do grupo 1 da Terceira División disputado no Estadio Vero Boquete de San Lázaro ante 970 espectadores.

Youtube

Instagram Compos

Facebook

2 hours ago

SD Compostela
📹 𝐑𝐝𝐏🗣️ Secho🆚 RACING CLUB VILLALBÉS ⚽️ Previa do técnico do Compos antes do partido deste domingo, ás 12:00 horas en Vilalba, da Xornada 10 de Liga#villalbéscompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

3 days ago

SD Compostela
🩵🤍 Este domingo, queremos a vitoria en Vilalba⚽️ 𝐗𝟏𝟎🆚 RACING CLUB VILLALBÉS 🗓️ Domingo, 9 de novembro🕛 12:00 horas🏟️ A MagdalenaCo voso apoio, imos a polos tres puntos! 🙌🫂#villalbéscompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

4 days ago

SD Compostela
⚒️⚽️ Nova semana de traballo!🏟️ Cinco sesións previstas no anexo San Lázaro II para preparar a visita a Vilalba#villalbéscompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

4 days ago

SD Compostela
🎟️ RIFA👉 A rifa premiada no partido de onte foi a 0⃣3⃣5⃣0⃣👏 Parabéns ao gañador!#composbarbadás ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

5 days ago

SD Compostela
✍️🩵🤍👉 O Compos empata na casa, 1⃣-1⃣, contra a UD Barbadás, nun partido que dominou, pero no que faltou converter 👉 sdcompostela.com/gl/2025/11/02/compos-1-1-barbadas-armental/📸 Nacho Castaño#composbarbadás ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.