O Compos é equipo de playoff

5 de Maio de 2019
Miki celebra o segundo tanto coa afección. Foto: Amadeo Rey.
Miki celebra o segundo tanto coa afección. Foto: Amadeo Rey.
  • Os branquiazuis superaron por 1-2 ao Ribadumia e certifican o terceiro posto ao final de liga

Santiago de Compostela, a 5 de maio de 2019.

A SD Compostela é novo equipo de playoff no grupo 1 da Terceira División. Os branquiazuis superaron ao Ribadumia por 1-2, nun encontro non falto de sufrimento, e clasificáronse de forma matemática para a postemporada como terceiros clasificados. Ademais, no Campo da Senra, os branquiazuis romperon un dobre refacho, dúas derrotas seguidas e tres fóra de casa.

Aythami e Miki puxeron o encontro de clara cor branquiazul no primeiro acto, pero á volta dos vestiarios este cambiou tras a expulsión de Aythami. O gol de Cerqueiras púxolle emoción ao duelo, pero o Compos soubo sufrir e aguantou a vantaxe ata o final.

Coñecendo a igualada do Alondras antes do inicio do partido, o que lle permitía asegurar o terceiro posto da táboa se gañaba, o Compos saltou a por todas. Os branquiazuis tiñan clara a súa meta e querían despexar as posibles dúbidas polas dúas derrotas consecutivas, axudados tamén polos cen afeccionados que se desprazaron desde a capital para apoiar aos seus.

Con esta mentalidade, os nosos non puideron empezar mellor, xa que aos cinco minutos aproveitaron un roubo no centro do campo para montar unha contra rápida que acabou no fondo da rede. Brais Abelenda conectou de primeiras ao espazo cara a Aythami  e o dianteiro canario plantouse no man a man ante Roberto Pazos, ao que superou cun disparo cruzado potente.

Pese ao tanto inaugural, os branquiazuis non baixaron o pistón e seguiron insistindo sobre a área local. Primeiro, Aythami rozou o dobrete cun remate de cabeza á saída dun córner, o cal detivo o porteiro na liña, e despois, aos 19 minutos, caeu o segundo noutra contra de libro.

De novo apareceu ao espazo o punta, gañándolle o duelo ao central, e esta vez serviu a asistencia para a entrada en carreira de Miki, quen chegou ata a área pequena e definiu cun sutil toque coa dereita entre as pernas de Pazos, marcando por segunda xornada consecutiva.

Dobrando a súa vantaxe, o Compos fixo seu o partido e pasou a dominar coa posesión do esférico, con todo, as ocasións seguiron chegando, rozando o terceiro por dúas oportunidades antes do intermedio.

Á media hora, os mesmos protagonistas do tanto anterior intercambiáronse os papeis, malia que a sorte foi diferente. Miki colgou o centro desde a dereita e Aythami rematou de cabeza á escuadra, pero o gardameta voou para despexar a pelota a córner. Mentres tanto, nos últimos compases, Aythami roubou o saque en curto do meta, asistiu a Álex Ares e de novo Roberto Pazos obrou o milagre para sacala co pé a córner.

Á volta dos vestiarios, a pesar dos tres cambios seguidos nos locais, os nosos seguiron co mesmo plan de xogo, pero a contenda cambiou por completo cando o árbitro expulsou a Aythami no 55. O dianteiro recibiu a primeira amarela por un desprazamento de balón e cinco máis tarde a segunda por protestar.

Contra dez, o Ribadumia gañou enteiros, comezou a atacar e atopou o premio no 62. Aarón fixo unha gran xogada individual, recortando a Álvaro Casas e soltando un gran disparo que a pesar de ser despexado por Anxo Pérez, o seu rexeite caeu nos pés dun Cerqueiras que definiu coa zurda sen oposición.

Coa mesma inercia, Cerqueiras nun lanzamento de falta que se foi arriba, e Monchito, cun golpeo desde a frontal que despexou Anxo, levaron máis perigo sobre a área compostelanista, aínda que os santiagueses tamén rozaron o terceiro cunha clara dobre tentativa no 78. Marcos Remeseiro acomodou un golpeo desde a frontal que tocou Roberto Pazos e pegou no pau, pero o rexeite caeu nos pés de Santi, quen desde a área pequena enviou a pelota por encima do traveseiro.

Coa vantaxe mínima, os últimos minutos foron de sufrimento, cun Compos despexando os centros dos locais, pero o marcador xa non se moveu e os nosos celebraron unha vitoria moi importante, tras dúas xornadas sen conseguila, que lles asegura matematicamente ser equipo de playoff. Os branquiazuis, a falta de dúas citas, poderán regular as súas forzas xa que pasarán de terceiros á postemporada.

FICHA TÉCNICA:

1- CD Ribadumia: Roberto Pazos; Santi, Manu (Rodri, m.46), Manu Bugallo (Cheri, m.50), Diego; Óscar, Gabi; Monchito, Tomás (Eloy, m.46), Cerqueiras; e Aarón.

2- SD Compostela: Anxo Pérez; Sergio Pereira, Álvaro Casas, Piscu, Naveira; Mon (Josiño, m.92), Marcos Remeseiro; Miki, Álex Ares (Santi, m.71), Brais Abelenda (David Uña, m.77); e Aythami.

Goles: 0-1: Aythami, min.5; 0-2: Miki, min.19; 1-2: Cerqueiras, min.62.

Árbitro: López Parga, comité lucense. Expulsou a Aythami (m.55) por dobre amarela e Manu Castiñeiras (m.94) no banco. Ademais, amoestou a Mon, Álvaro Casas, Marcos Remeseiro, Álex Ares e Naveira. polos visitantes.

Incidencias: Partido da trixésimo sexta xornada de liga do grupo 1 da Terceira División disputado no Campo da Senra ante 450 espectadores.

Youtube

Instagram Compos

Facebook

8 hours ago

SD Compostela
⚽️📋 CONVOCATORIA🆚 Arosa SC 🩵🤍 Os nosos para o gran encontro de mañá ás 17:00 horas na Lomba✅ Regresa Goris, tras superar a súa lesión, e entra Iván, da Canteira Picheleira 👉 Queda fóra Valín, por lesión#arousacompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

11 hours ago

SD Compostela
⚒️⚽️ Imaxes do último adestramento desta mañá💪 Preparados para a gran cita de mañá en VilagarcíaImos con todo!! 🩵🤍🩵🤍📸 Nacho Castaño#arousacompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

15 hours ago

SD Compostela
📹 𝐑𝐝𝐏 🗣️ Secho⚽️ O noso adestrador analiza o importante encontro de mañá na Lomba, no que os nosos buscarán recuperar o liderado#arousacompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

2 days ago

SD Compostela
🫂 XUNTOS!Este domingo, co voso apoio, imos a polo triunfo en Vilagarcía!Todos xuntos somos máis fortes! 🩵🤍#arousacompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

3 days ago

SD Compostela
💫 O III Foro "Tecnoloxía e Deporte", organizado pola SD Compostela, leva ao Museo Das Peregrinacións, este próximo venres 17 de abril ás 19:00 horas, unha interesante xornada sobre envellecemento activo e exercicio físico Un evento, con acceso gratuíto ata completar aforo, no que contaremos coa participación de dous referentes ao máis alto nivel como son: 🎾 Joan Forcades, preparador físico de Rafael Nadal e Carlos Moyá 👟 Guillem Mascaró, preparador físico especializado en ultrafondo e trail running 👉 Esta nova cita xirará arredor do coñecemento e a innovación aplicada ao deporte, centrándose especialmente na relación entre exercicio físico, calidade de vida e avances tecnolóxicos Unha oportunidade única para coñecer unha visión de máximo nivel sobre rendemento e saúde, da man de dous referentes a nivel nacional nesta área Desta forma, seguimos abordando como a tecnoloxía está a revolucionar o campo do deporte e da saúde, da man de expertos de recoñecido prestixio Tralo éxito das pasadas edicións, nas que contamos con Enrique García Clavijo, Ezequiel Mosquera, Miguel Verdes, Miguel Ángel Leal e Lalo García, convidámoste a esta nova entrega do foro, na que contamos con patrocinio da Xunta de Galicia, do #Xacobeo2027, o Museo Das Peregrinacións e de Santiago e #PlexusSport🗓️ Venres, 17 de abril🕖 19:00h📌 Museo das Peregrinacións🎟️ Acceso gratuíto ata completar aforo🙌 Agardámoste! #tecnoloxía #deporte #innovación #envellecementoactivo #preparadorfisico #calidaddevida #tech #tenis #ultrafondo #Santiago ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.