
- O Compos non puido pasar do 0-0 ante un rival ben encerrado atrás
Santiago de Compostela, a 27 de outubro de 2019.
A visita do Compos ao As Pontes saldouse cun empate a ceros nun duelo pechado no que os nosos non puideron superar a barreira defensiva local. A pesar de enfrontarse dous dos conxuntos máis goleadores da liga, a contenda terminou tal e como empezou, malia que foron os branquiazuis os que estiveron máis preto de marcar.
Nunha Terceira máis igualada que nunca, o Compos afrontaba a visita ao As Pontes que, a pesar de ser o último clasificado, mostrouse desde o inicio como un equipo moi compacto e complicado. As condicións do Poboado, de herba natural, beneficiaban aos nosos con respecto a outras saídas, aínda que iso non marcaba a dificultade do reto.
Os branquiazuis, coñecedores de que había que porse o mono de traballo, expuxeron unha primeira metade de menos a máis, na que a partir da seguridade atrás comezaron a chegar cada vez máis sobre a área rival.
O primeiro en avisar foi Baleato, aos 25 minutos, pero o seu cabezazo foise frouxo ás mans de Javi Liz. Responderon os locais cun tanto anulado a Carlos e contraatacaron os nosos cos seus mellores momentos do duelo.
Coincidindo cos últimos instantes do primeiro acto, o Compos adiantou a presión e froito dos roubos en campo contrario chegaron ata en tres oportunidades. Brais Abelenda atopouse co porteiro, nun disparo desde dentro da área, despois Mon só puido rozar un centro atrás de Hugo e, por último, Pablo Antas cabeceou á perfección un centro de Gabri Palmás, pero Liz voou para atrapar o esférico á altura da liña de gol.
Á volta dos vestiarios, o Compos seguiu insistindo ante un rival pechado atrás, que tapaba todas as vías de auga posible. Tentárono os nosos por dereita e por esquerda, cos xogadores que saíron de inicio e cos cambios, pero non houbo forma.
A máis clara, unha acción combinada entre Brais Abelenda e Hugo Sanmartín que acabou coa salvada do meta local coa perna, no man a man. Ademais, nos últimos compases, o árbitro tamén anulou un tanto dos nosos, obra de Pablo Antas, tras un fóra de xogo anterior de Miki, autor do pase atrás.
Así, o electrónico non se moveu nos noventa minutos e os nosos tiveron que conformarse cun punto máis que sumar á súa marcadora da liga. Conseguiron o obxectivo de manter a portería a cero, pero non houbo forma de derrubar o muro rival. Toca seguir traballando nunha nova semana para medirse a próxima fin de semana ao Silva.
FICHA TÉCNICA:
0- CD As Pontes: Javi Liz; Berto, Marcos Caridade (Sánchez, m.60), Iván Pérez, Álex; Gonzalo (Fidi, m.67), David García, Quique; Cambón, Carlos e Rubén Pardo.
0- SD Compostela: Pato; Saro, Álvaro Casas (Queiruga, m.70), Soto, Mon; Samu, Baleato; Gabri Palmás (Miki, m.60), Pablo Antas, Hugo Sanmartín (Josiño, m.81); e Brais Abelenda.
Árbitro: Davila Fernández (Vigo). Amoestou a Gonzalo, Cambón, Iván Pérez, David García, Carlos, Rubén Pardo e Fidi, polos locais; e a Baleato e Mon, polo Compos.
Incidencias: Campo do Poboado (As Pontes). Partido da décima xornada de liga do grupo 1 da Terceira División disputado ante 350 espectadores.