
- Triunfos do Xuvenil A e Cadete A ante o Viveiro como locais
- O Cadete B e Infantil B tamén marchan na primeira posición da táboa
Santiago de Compostela, a 28 de Outubro de 2019.
Os equipos de fútbol 11 da SD Compostela demostraron, unha semana máis, o seu gran estado de forma, sumando seis triunfos de oito posibles. Entre eles, destacou o dobrete dos conxuntos de Liga Galega ante o Viveiro, tres puntos cos que cada un, como primeiro e segundo, respectivamente, colócanse na posición de ascenso directo. Ademais, o Cadete B e Infantil B seguen coa súa serie inmaculada, situándose como líderes en solitario, mentres que o Infantil A escala ao terceiro lugar cunha nova vitoria e o Filial ao quinto.
En primeiro lugar, o SD Compostela-Zona Vella enlazou dous triunfos consecutivos para subir ata a quinta posición da clasificación, logo de superar a domicilio ao Atlético Fátima por 0-3. Os branquiazuis souberon adaptarse á terra do Manuel Paz para cultivar tres puntos moi complicados. Isaac Trillo abriu a conta goleadora aos vinte minutos, o goleador Bruno Pouso ampliouna na segunda metade e Yago Torrente pechouna nos últimos compases.
Igualmente, o Xuvenil A sumou en positivo, unha xornada máis, e levantouse ao liderado da clasificación tralo tropezo do Atlético Coruña. Os mozos branquiazuis superaron con claridade ao Viveiro por 4-1, deixando tódolos tantos para a segunda metade. Manuel Rivas anotou o primeiro aos 64 minutos e despois chegou o festival de Christian Fernández cun hat trick que aumenta a súa conta goleadora ata as oito dianas. Con este resultado, avantaxan en dous puntos ao segundo e en catro ao terceiro. Pola súa banda, o Xuvenil B non gozou de fortuna ante o Cordeiro e caeu por 3-4. Agustín Pintos e Hugo Martínez puxeron o marcador en vantaxe para os nosos, pero os visitantes remontaron no desconto.
Do mesmo xeito que os maiores, o Cadete A tamén venceu ao Viveiro na matinal do domingo, no seu caso por 2-0, un resultado co que afastaron ao Atlético Coruña a dous puntos e colocáronse como segundos, só por detrás do Deportivo B. Os mozos dirixidos por Iván Carril demostraron unha vez máis a súa solidez defensiva e levaron a vitoria con goles de Xoel Caamaño e o pichichi Iker Carril, nun intervalo de dous minutos.
Á súa vez, o Cadete B xa quedou como líder en solitario tras lograr a súa quinta vitoria noutros tantos encontros. Esta vez, os nosos gañaron por 5-2 ao Peleteiro, con dobretes de Asier Guldris e Joel Rolf Seoane e o último tanto de Mateo Barros. Por contra, o Cadete C non puido sumar esta vez, ao perder por 1-3 contra o primeiro, o Amio B. Os nosos adiantáronse cun gol de Alejandro Suárez, pero os visitantes remontaron na segunda parte do encontro.
E, para rematar, o dobrete en infantís, por segunda xornada consecutiva. O Infantil A superou ao Victoria B por 1-4 para subir ao terceiro posto, xusto antes de enfrontarse ao líder, o EFM Concello de Boiro. Os branquiazuis superaron o derbi con dianas de Anxo Fuentes, Pablo Devesa e dúas de Leo González. Mentres tanto, o Infantil B mantivo o seu gran refacho con outro novo triunfo, ante o Conxo C, por 0-4. Iker Torres, Juan Millán, Daniel Ouro e Yago Vilariño foron os goleadores.
Baixando a fútbol 8, o Alevín A empatou ante o líder, o ED Santiago, 2-2, polo que se mantén na terceira praza da táboa. No outro lado da moeda, o Alevín B e o Alevín C perderon contra o Conxo.
Despois, o Benxamín A perdeu por primeira vez na liga ante o Burgo das Nacións, conxunto co que compartía o co-liderado, mentres que o Benxamín B non puido co Bertamiráns. Por último, o Prebenxamín B caeu contra o Villestro e o Biberón A, de fútbol sala, empatou ante o Bertamiráns.