- No acto participaron xogadores, directiva e autoridades da cidade de Santiago
Santiago de Compostela, a 20 de Decembro de 2019.
O 20 de decembro de 2019 quedará marcado para sempre na historia da SD Compostela como o día no que se produciu a apertura da primeira Tenda Oficial do club. Na Rúa da Raíña, 8, en pleno casco histórico compostelán e ao pé da Catedral, os seguidores branquiazuis terán unha nova casa, un novo fogar no que atoparán todos os produtos da entidade.
Coa bendición do cóengo José Fernández Lago, a tenda inaugurouse co propósito de que as vendas sexan abundantes. Por tanto, desde esta mesma mañá, o establecemento comeza a funcionar, cun horario que será de luns a sábado, de 12.00 a 21.00 horas.
Nel, o público atopará todo tipo de merchandising do club, desde as pezas habituais que xa estaban na oficina (camisetas, sudaderas ou chuvasqueiro), ata novos artigos personalizados. “Chaveiros, bragas, mandilóns, bolígrafos, chisqueiros, tazas, a camisola do Filial ou balóns son algúns dos novos produtos, aínda que a medida que avance o tempo iremos incorporando máis ao noso catálogo”, indicou Javier Puñal, director de márketing e desenvolvemento de negocio do Compos.
Así mesmo, con este local, a entidade cumpre un soño anhelado desde hai moito tempo, contar cun punto de referencia na cidade. “É un proxecto moi ambicioso e moi ilusionante. Trátase da primeira tenda da historia do club e é algo que nos enche de orgullo. Queremos achegar os produtos que utilizan os nosos xogadores ao afeccionado e á cidade, o cal era unha prioridade”, explicou feliz o presidente Antonio Quinteiro.
Logo dos éxitos cultivados no córner anterior, o seguinte paso na idea de negocio do club era abrir a súa propia tenda e, por fin, logrouse. “Fai cinco anos demos un xiro no noso modelo e o obxectivo era potenciar o club dentro da cidade. Levamos defendendo isto desde que chegamos, falando do proxecto de Santiago, e con esta tenda lográmolo”, aclarou Puñal.
Por tanto, desde a directiva agardan que este novo punto de referencia para a SD Compostela teña un gran éxito e que os afeccionados a acollan cos brazos abertos, xa que tamén é a súa casa. “A nosa idea é abrila para o noso afeccionado, pero tamén para os veciños de Santiago e para todo os turistas que nos visitan cada día, para que leven un recordo do club”, concluíu Quinteiro.
No acto de apertura, ademais da directiva e xogadores do primeiro equipo, estiveron presentes distintas personalidades da cidade, desde políticos, empresarios ata representantes do arcebispado de Santiago.