- Cesáreo Seoane, xerente de Cecastar, está convencido que se logrará o salto de categoría
Santiago de Compostela, a 10 de Xuño de 2020.
Cesáreo Seoane vivirá o playoff exprés dunha maneira moi especial. Este ano, ademais de seguir ao equipo dos seus amores no seu camiño cara á Segunda División B como patrocinador oficial e seareiro, tamén o fai como pai de dous dos xogadores do equipo, Saro e Jimmy. Por iso, o xerente de Cecastar está convencido de que se logrará o salto de categoría, unha alegría que “sería tripla” para a familia Seoane.
En primeiro lugar, que lle supuxo a un taller como o seu o peche das instalacións durante o estado de alarma?
Levámolo cun pouco de incerteza, como todos, pois a empresa deixaba de xerar ingresos e seguíamos tendo gastos e impostos que non se detiñan.
Que medidas excepcionais tiveron e teñen que tomar nesta volta á nova normalidade?
Un pouco como todos, tomamos medidas de precaución como é o distanciamento social co cliente e entre os empregados, xel hidroalcohólico tanto para empregados como para clientes na oficina, unha mampara na recepción, guantes e mascarillas e, por suposto, a desinfección dos coches, tanto cando entran no taller como cando saen.
Cales son os principais problemas que presentan os automóbiles logo de tanto tempo parados?
Principalmente, tivemos que ir a auxiliar a bastantes, pois a avaría máis frecuente nestas fechas foron as relacionadas coas baterías.
No caso de que vaian de vacacións, canto de importante é pasar unha revisión antes de saír?
A revisión do coche é importante terlla sempre ó día, xa non só polo vehículo, senón tamén pola seguridade da xente que viaxa nel. Si se vai de vacacións ou a facer unha viaxe longa no coche é moi importante, polo menos, facerlle unha pequena revisión para evitar desgustos.
Deixando a un lado o plano empresarial e pasando ao terreo futbolístico, cre que o Compostela acadará o ascenso no playoff exprés?
Sen dúbida, teño plena confianza no equipo, e espero e desexo que se acade o ascenso. Todos sabemos que non vai a ser doado, xa que os rivais son moi bos equipos. Despois de tanto tempo sen adestrar e sen competir nunca se sabe como chegará cada un, pero estou convencido de que se conseguirá.
No caso de acadalo, para vostede, será aínda máis especial pola presenza dos seus fillos?
Si, por suposto. Sempre fun do Compos, e se a iso lle sumamos que teño aí a dous dos meus fillos, a felicidade é triple.
Como ve que Saro, co 2 ás costas, leve a publicidade da empresa? Dálle, se cabe, aínda máis presenza á marca?
Agora lévaa Saro no 2 e hai uns anos levábaa Jimmy no 3. Dáme igual quen dos dous a leve posta, fágoo máis ben por apoiar ao club.
Como vivirá esta promoción de ascenso sen poder estar no campo? Diralle algo aos seus fillos antes destes partidos transcendentais?
Esa situación vai ser un pouco rara, xa que a miña muller e eu imos a tódolos partidos, tanto na casa como fora. Sobre todo, é unha magoa que estes partidos de playoff, que nos últimos dous anos crearon un gran ambiente no estadio, teñan que ser sen público. Realmente, vai a ser un playoff un tanto descafeinado tanto para a afección como para os xogadores, corpo técnico, directiva…
En relación ós meus fillos, direille o que lles digo sempre, que o dean todo da súa parte e desexareille moita sorte.
Xa por último, contará a SD Compostela 20/21 co apoio, un ano máis, de Cecastar?
Aínda que se agardan tempos difíciles, ou moito se teñen que torcer as cousas ou espero que si, se o Compos quere, claro.