- Mario Rodríguez tivo a mellor ocasión para os nosos, que sacou o porteiro
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2022
A SD Compostela non puido sumar o tres puntos en Laredo, pero polo menos rascou un punto máis no seu gran final de 2022. Os nosos, de novo coa portaría a cero, demostraron a súa solidez defensiva e pechan o ano nos postos de playoff de ascenso.
Cos mesmos protagonistas das últimas semanas, a SD Compostela chegou ao Estadio San Lorenzo co obxectivo de sumar o seu sétimo triunfo consecutivo. Tendo clara a premisa de lograr tres puntos de ouro, que lle puidesen axudar a achegarse ao alto da táboa, os nosos partiron a por todas desde o principio, tentando aproveitar o bo momento de forma e confianza que atravesan.
Nun campo estreito, aínda que en bo estado, ambos conxuntos neutralizaban os intentos do contrario por achegarse ás portarías rivais. Así, entre duelos aéreos e unha dificultade maior para xerar xogo, a primeira parte transcorreu sen apenas perigo.
De tal maneira, en 45 minutos, tan só destacouse un disparo dos locais, á saída dun córner, que atrapou Pato abaixo sen ningún tipo de problema. Por iso, chegouse ao intermedio coa igualada inicial, 0-0.
Á volta dos vestiarios, cos mesmos onces, a contenda seguiu polos mesmos camiños, con serios problemas para chegar ao arco rival.
Con todo, pasado o primeiro cuarto de hora, o Compos deu un paso adiante e tería a súa primeira aproximación clara. No 64, Pablo Antas conectaba con Mario Rodríguez e o atacante catalán atopábase cunha estirada espectacular do porteiro, que evitaba o tanto compostelanista. E pouco máis tarde, un centro dos nosos, rebotaba no central local Pareja e estrelábase contra o longueiro.
Chegou o momento dos cambios e Fabiano tentou meter pernas frescas na fronte de ataque coa entrada de Parapar e Cano. Con todo, a pesar da insistencia, co rival ben perpetrado atrás foi imposible para os nosos conseguir fiar xogadas de ataque de perigo.
Sen fortuna arriba, atrás, unha xornada máis, o traballo seguiu sendo moi sólido, deixando sen posibilidades aos locais.
Así, foron avanzando os minutos ata un desconto no que o Compos quedou cun menos, pola expulsión de Damián, por dobre amarela.
Con todo, non acusou o Compos quedar cun menos e o partido terminou tal e como empezou, co empate 0-0. Un punto máis para os nosos, que aumentan a súa renda de partidos sen perder e, ademais, amplían tamén a xeira de portarías a cero. Agora, tocarán unhas merecidas vacacións de Nadal, antes de volver o fin de semana de Reis, en casa, contra o Rayo Cantabria.
FICHA TÉCNICA
0- CD LAREDO: David Puras; Zorrilla, Santamaría, Luis Pareja, Sebas, Jesús Puras; Diego Marta (Naveira, m.70), Sanmi (Carral, m.83), Oli; Álvaro García (Cañizo, m.70) e Nates (Argos, m.83).
0- SD COMPOSTELA: Pato; Riki Mangana, Álvaro Casas, Pablo Crespo, Damián; Pablo Antas, Roque, Fer Beltrán, Jordan (Parapar, m.73); Mario Rodríguez (Elliot, m.88) e Darío (Cano, m.73).
GOLES: Sen goles.
ÁRBITRO: Rodríguez García (Asturias). Expulsou a Damián (m.91), por dobre amarela. Ademais, amoestou Santamaría , Álvaro García, Sanmi e Carral, polo Laredo; e a Jordan e Roque, polo Compos.
INCIDENCIAS: Estadio San Lorenzo (Laredo). Xornada 15 de Liga do Grupo 1 da Segunda RFEF.