- O Compos non puido pasar do empate, 0-0, contra o Oviedo Vetusta na casa
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2023
O Compos arrincou a segunda volta cun empate. Os nosos non puideron pasar do 0-0 contra o Vetusta, nun partido con dúas partes moi diferenciadas. Na segunda, os branquiazuis foron moi superiores, pero faltou o acerto doutras ocasións para conseguir a vitoria. Por iso, un punto máis para o saco.
Coa única novidade de Kike no once titular, polo sancionado Crespo, a SD Compostela estreaba a segunda volta na casa. Os nosos, tras o empate en Luanco, querían conseguir os tres puntos, claves para seguir na parte alta da táboa.
Nunha tarde fría, pero cun gran ambiente nas bancadas, que xa se fixo notar hora e media antes de iniciar o choque, durante o recibimento ao equipo, os nosos partiron coa premisa de recuperar a portería a cero e tentar aproveitar algunha das súas ocasións.
Falaba Fabiano na previa da importancia de controlar o choque, con dous conxuntos que tentarían ter a pelota e seguindo esa afirmación, foron os visitantes os que arrincaron mellor nesa faceta.
A pesar de que o probou aos tres minutos cun disparo de Samu de falta, ao Compos custáballe elaborar ante un rival coas liñas moi xuntas e presionando arriba. Os branquiazuis tiñan problemas para conectar cos dianteiros e iso impedía chegar con claridade a zonas de remate.
Sen ocasións claras, a opción teríaa Masca, para o Vetusta, na saída dun córner, cuxa peiteada estrelouse coa parte superior do traveseiro. Pola súa banda, o Compos reclamou unha caída de Samu na área, pero o colexiado non sinalou nada. Por iso, chegouse ao intermedio coa igualada inicial.
Á volta dos vestiarios, con Cano de refresco, os nosos saíron cunha marcha máis, imprimiron máis ritmo ao partido, apertaron arriba e comezaron a chegar as ocasións.
Aos cinco minutos, Roque tería a primeira, gañando un rebote no bordo da área, pero o seu disparo coa zurda, cruzado, sacouno Marco cun auténtico paradón. Nun gran tirón de cinco minutos, tívoa a seguir Pablo Antas, cun novo disparo desde fóra da área, que se escapou por pouco. E un minuto despois, Kike probouno, tras asistencia de Mario, pero faltoulle potencia.
Cun equipo que ía a máis, Cano non chegou a un centro de Roque por moi pouco e dous máis tarde, Mario Rodríguez, non foi quen de sortear ao porteiro, cando a pelota quedara morta na área pequena, unha auténtica pena.
Tras uns minutos de parón, con motivo dos cambios, a entrada de Parapar achegou pernas frescas e chegaron máis opcións. Cano, moi activo, volveu rozar o gol cun disparo desde a frontal, tamén Riki Mangana estivo preto, tras unha acción individual preciosa de Pablo Antas, pero de novo a pelota non quixo entrar.
Co Vetusta encerrado e o Compos ao ataque, entrouse na recta final do choque, na que non houbo fortuna para alcanzar o gol. Así, acabouse o partido como comezou, co empate inicial, 0-0.
Un punto máis para os nosos, no arranque desta segunda volta, que tocará facer bo, a próxima semana, na visita ao Burgos Promesas.
FICHA TÉCNICA
0- SD COMPOSTELA: Pato Guillén; Riki Mangana, Kike, Álvaro Casas, Damián; Pablo Antas, Roque, Fer Beltrán, Samu (Cano, m.46); Mario Rodríguez (Parapar, m.77) e Darío.
0- REAL OVIEDO VETUSTA: Marco; Charbel Glez., René Pérez, Lucas Laso, Osky (Omar Falah, m.20); Yayo; Sesé, Víctor B. (Álex Cardero, m.64), Izan (Iván, m.64), M. Cuesta (Román, m.84); e Masca (Mario Fuente, m.84).
GOLES: Sen goles.
ÁRBITRO: González Rodríguez (Santa Cruz de Tenerife). Amoestou a Samu, Pablo Antas e Darío, polo Compos; e a Izan e Román, polo Vetusta.
INCIDENCIAS: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago). Xornada 18 do Grupo 1 da Segunda RFEF disputada ante 1.311 espectadores.