- Darío puxo o empate, nunha tarde na que os nosos marraron moitas ocasións
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2023
A SD Compostela sumou un punto máis na casa. Os nosos competiron moi ben contra o Zamora, rozaron o triunfo, pero faltoulle o acerto doutras tardes para conseguir a vitoria. O tanto de Darío, o seu noveno da tempada, serviu para que o Compos non se marchase sen premio, aínda que podería ser distinto se acabasen na rede as outras oportunidades branquiazuis.
Tras dous triunfos seguidos na liga, o Compos chegaba ao Vero Boquete para un partido de altos voos. En fronte estaba o Zamora do exentrenador compostelanista Yago Iglesias. Medíanse dous conxuntos en bo momento que pelexan na parte alta da táboa, nun partidazo que se comezou a quentar desde horas antes, coa celebración do cocido de Entroido no aparcadoiro do Estadio.
Coa baixa de Pato Guillén na portería, debutaba en liga Borja Rey, unha novidade no once de Fabiano que se sumaba á de Darío, que regresaba á fronte do ataque, tras unhas xornadas con molestias que lle impediron render a tope.
O partido arrincou, como non podía ser doutra maneira, a mil pulsacións. Aos dous minutos xa avisaran os visitantes, cun disparo de Viana ao traveseiro. E no cinco, fixérono os locais, cun lanzamento de falta de Damián ao segundo pau que sacou Iricibar cunha gran estirada.
Os visitantes dominaban a posesión, o Compos repregaba e custáballe saír, pero cando o fixeron, foi con perigo. Xusto antes da media hora, Riki Mangana perdoou o primeiro da tarde. Xogadón de Damián pola esquerda, Mario cabalgou por liña de fondo, pero o seu pase da morte, con todo a favor, mandouno fóra o lateral.
E a seguir, un minuto despois, o Zamora quedaba con dez pola segunda amarela a Chendri. Partido novo e o Compos apertou para aproveitalo. De novo, Riki, nun man a man, cruzouna en exceso ante o porteiro, xusto na xogada na que lesionou Iricibar.
Con todo, ante a falta de acerto, chegouse ao intermedio coa igualada inicial. Á volta dos vestiarios, cos mesmos protagonistas, os nosos saíron ben metidos e aos vinte segundos xa avisaran. Jordan recibiuna só na área, pero quixo o pase da morte e cortouna Galas.
Con todo, coa contenda en campo rival, chegou o tanto do Zamora. Os visitantes aproveitaron un roubo tras un saque de banda, Álex Ares controlouna no bordo da área e, coa súa zurda, cravouna na escuadra. Un golazo.
Co encontro en contra, o Compos foi a polo gol. Tívoa Mario Rodríguez, á hora, pero mandouna arriba. Tamén a ía a ter Jordan, no 68, pero trabouno Luismi por detrás no bordo da área, vermella directa. A falta, mandouna rozando o traveseiro o de Salvaterra.
Contra nove, foi un acoso e derribo, ata que chegou o gol de Darío. Balón en banda para Roque, centro raso cruzado que cazou Darío, moi atento, para meter a punteira e mandala á rede. Noveno tanto da tempada e 1-1.
Quedaban dez máis o desconto, comezáronse a colgar centros á área, pero o Zamora soubo sufrir. Sacaron todo por arriba e por abaixo, aos nosos, faltoulles un chisco de sorte para conectar o último pase. De feito, mesmo houbo outra expulsión, esta vez para o bando local, despois de que Jordan chocase con Pana.
Cos ánimos caldeados, o colexiado pitou o final e ambos conxuntos repartíronse os puntos. 1-1 final para un Compos que estivo próximo de volver sumar de tres. Con todo, segue sen perder e seguirá unha semana máis na parte alta da clasificación. A próxima semana, novo reto de altura, contra o Guijuelo.
FICHA TÉCNICA
1- SD COMPOSTELA: Borja Rey; Riki Mangana (Jaime Santos, m.66), Álvaro Casas (Cano, m.80), Pablo Crespo, Damián; Pablo Antas, Roque, Fer Beltrán (Samu, m.66), Jordan; Mario Rodríguez (Parapar, m.86) e Darío.
1- ZAMORA CF: Iricibar (David Troya, m.37); David Ámez, Luismi, Galas, Prada; Theo Chendri; Manu Viana (Iban Ribeiro, m.82), Pau Miguélez (Ander, m.72), Theo, Álex Ares (Juanan, m.72); e Carlos López (Pana, m.82).
GOLES: 0-1: Álex Ares, min.54; 1-1: Darío, min.79.
ÁRBITRO: Castellanos Argüeso (Cantabria). Expulsou a Jordan (m.90+3) con vermella directa, a Theo Chendri (m.30), por dobre amarela, e a Luismi (m.68), con vermella directa. Ademais, amoestou a Pablo Crespo, Mario Rodríguez e Pablo Antas, polo Compos; e a Prada, Theo, David Ámez, Pana e Iban Ribeiro.
INCIDENCIAS: Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela). Xornada 22 do Grupo 1 da Segunda RFEF disputado ante 1.028 espectadores.