-
Rati deixa a Canteira Picheleira logrando un ascenso a División de Honra e dúas permanencias na máxima categoría
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2023
José Miguéns ‘Rati’ non continuará no proxecto da Canteira Picheleira. O técnico de Rianxo deixa a SD Compostela despois de tres grandes tempadas, nas que o equipo cumpriu os seus respectivos obxectivos.
O periplo de Rati á fronte do xuvenil branquiazul péchase cun histórico ascenso a División de Honra xuvenil e dúas permanencias consecutivas na máxima categoría, un fito moi meritorio despois de que a SD Compostela estivese dezaoito anos sen pisar o nivel máis alto das categorías inferiores.
Nestas tres campañas, Rati comezou co citado ascenso nunha campaña redonda, conseguindo o obxectivo con folgura. Na segunda tempada, xa na División de Honra, os nosos conseguiron a salvación tamén con xornadas de antelación, representando o equipo revelación da liga dado o seu gran nivel competitivo.
Mentres tanto, nesta última campaña, os nosos sufriron máis, pero finalmente conseguiron unha agónica permanencia no último partido, tras empatar contra o Coruxo. Nesta tempada, Rati estivo á fronte do equipo ata a penúltima cita, sendo moi partícipe do éxito colectivo.
Por todo iso, desde o club non temos máis que palabras de agradecemento por todo o traballo realizado por Rati. O seu papel foi clave para o crecemento deportivo da base da SD Compostela, en particular, e da Canteira Picheleira, en xeral.
Moitas grazas e moita sorte para o futuro, Rati!