-
Manel Menéndez espera lograr o primeiro triunfo da tempada no debut en casa, un encontro que patrocina As Cancelas
Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2023
A SD Compostela estréase este domingo, ás 19.00 horas, no Vero Boquete. Tras conseguir un empate na primeira xornada, o Compos debutará na casa contra a Arandina. Os nosos queren sumar o primeiro triunfo do curso diante da súa afección e para iso prepararon o encontro a conciencia.
O partido contra o Arandina está patrocinado polo CC As Cancelas e, por este motivo, Manel Menéndez estivo acompañado na rolda de prensa previa por Javier Nicolás, xerente do centro comercial compostelán. Nela, o técnico compostelán expuxo as claves para a cita deste domingo.
Estado do plantel. De momento quédanos aínda o adestramento de mañá, pero vai todo ben, bastante mellor que a semana anterior, que andabamos con dúbidas de varios xogadores. Chegamos con dúbidas, mesmo ao día do partido. Nesta ocasión, tivemos máis nada que un problema con Parapar, que tivo un proceso de gastroenterite e estivo dous días con febre, pero xa dende onte está a adestrar, co cal, podemos contar con el para a convocatoria do domingo.
Fran López. Fran aínda non está. Ten un traballo aparte cos fisios para volver outra vez, para recuperarse ben e ir aos poucos. Iso é o que queremos todos. Que se meta rapidamente na dinámica do grupo, pero sabemos que aínda queda un camiño medio longo. Veremos como vai evolucionando.
O Arandina. Tanto polo partido da semana pasada como por outros partidos amigables que vimos, hai que valoralos moitísimo. O primeiro, venceron o outro día, co cal hai que respectalo moitísimo. Ademais, en pretempada, enfrontouse a rivais da mesma categoría, rivais de entidade e só perdeu un partido contra o Navalcarnero. Pero gañou a equipos de entidade como o Alavés B ou o Numancia.
Primeiro partido con vitoria. O outro día, contra o Covadonga, que o coñezo perfectamente, creo que fixeron un partido bastante bo. Impuxéronse alí na súa casa e empezar gañando sempre che da moita confianza e moita moral para afrontar o seguinte partido. Imos ter un partido difícil, iso é o que espero.
Estilo do rival. É un equipo que normalmente, nos partidos que vimos, utilizou un sistema 4-4-2, o cal non quere dicir que poidan ter variantes para vir aquí. Esperamos de todo, pero, especialmente, un equipo que é moi agresivo, que pelexa moitísimo, que presiona en campo contrario, que recupera moitos balóns, que ten un desgaste físico terrible e que concede moi poucas ocasións. E, a pesar de que o outro día, por exemplo, tivo poucas ocasións, ao final materializounas, co cal é un equipo bastante efectivo co que fai.
Problemas físicos a semana pasada. Como dixen na rolda de prensa de Luanco, sen que soe a escusa, non tivemos a todos durante a semana, sobre todo nesas posicións de arriba, e iso si é verdade que afecta. Estabamos a ter problemas tamén durante a pretempada e non podiamos contar con toda a xente. Agora xa recuperamos tanto a Manu como a Jaime, que tiñan molestias.
Facer ocasións. Non estou preocupado, pero si é verdade que hai que ser realistas, na pretempada fixemos poucos goles. Os goles en contra que encaixamos foron, sobre todo, na semana fatídica, a dos tres partidos contra rivais de bastante entidade. Creo que o equipo defensivamente está moi ben e creo que todos están comprendidos co que lles pediamos. Esta categoría convídache a iso, a que che fagan poucos goles. Logo, as ocasións que teñamos, aos poucos, pola calidade dos xogadores, acabarán entrando. Estamos convencidísimos de que van chegar os goles, iso está claro. De momento, o outro día tivemos 2 ou 3 ocasións de gol, sobre todo unha ou dous bastante claras, que non se materializaron, pero acabarán entrando. Ao final, os equipos acaban meténdose en ascenso e ascendendo cando materializas as poucas ocasións que tes, sempre que che fagan poucos goles.
Xerar en ataque. Si é verdade que o equipo non xera moitísimas ocasións ou igual aínda non eliximos ben no último terzo. As tomas de decisións na pretempada non foron de todo boas, xa llo dixen a eles tamén, pero isto é un camiño longo e imos ir aos poucos. A calidade dos xogadores, o que demostran nos adestramentos, ten que pasar aos partidos. Seguramente dentro dun par de semanas estaremos a falar doutra cousa. Pero xa che digo que todo ten que partir dunha base defensiva, que creo que nesa fase o equipo está moi ben, con moita confianza. Ademais nas tres liñas, non soamente na parte de atrás. E en ataque, todo vai ir en función dos próximos partidos. Se fas un gol, o equipo irá collendo confianza aos poucos. Non creo que vaia a haber ningún problema nin estamos preocupados por iso.
Saída de balón ante un rival que presiona. Somos un equipo asociativo, sobre todo desde a saída de atrás e temos que buscar variantes cando un rival é presionante en último terzo, pero creo que o facemos bastante ben. Temos que mellorar de mediocampo para arriba, porque non fan falta tantos pases. Temos que ser un pouco máis directos e farémolo nas próximas semanas, porque isto é un proceso de ir a máis. Sabemos o risco que corremos ás veces na saída de balón, pero pasounos na pretempada, que nos custou goles, e corrixímolo bastante ben. Tentaremos meter variantes e ir aos poucos cambiando a forma de xogo.